O conselleiro do Medio Rural asinou hoxe os convenios co presidente da Deputación ourensá e cos alcaldes dos consistorios pertinentes

A Xunta louva a implicación da deputación de Ourense ao sumarse a 13 novos convenios con outros tantos concellos para a dotación de maquinaria para a prevención dos lumes

José González e Manuel Baltar asinaron os respectivos acordos cos rexedores da Merca, Melón, A Peroxa, Castro Caldelas, Taboadela, Gomesende, Entrimo, O Bolo, O Pereiro de Aguiar, Vilar de Barrio, Baños de Molgas, Nogueira de Ramuín e Manzaneda

O conselleiro chamou ao resto de deputacións a sumarse a este compromiso, para a adquisición de tractores e rozadoiras de cara ao mantemento e limpeza das faixas secundarias, das infraestruturas rurais e de determinadas parcelas

O investimento no marco destes convenios rolda os 1,3 millóns de euros, aportados a partes iguais pola Xunta e pola Deputación de Ourense

San Cibrao das Viñas (Ourense), 14 de marzo de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e do delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, agradeceu hoxe a implicación de Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, na sinatura de convenios con ata 13 concellos da provincia para a dotación de maquinaria de prevención de incendios forestais. En concreto, cos da Merca, Melón, A Peroxa, Castro Caldelas, Taboadela, Gomesende, Entrimo, O Bolo, O Pereiro de Aguiar, Vilar de Barrio, Baños de Molgas, Nogueira de Ramuín e Manzaneda. Desta forma, sinalou, con estes convenios chégase a case un cuarto dos concellos da provincia de Ourense, xa que previamente se asinaran con outros nove municipios.

No acto, o titular de Medio Rural puxo de relevo que a subscrición destes acordos vén confirmar o compromiso de ambas administracións pola anticipación aos lumes, subvencionando a adquisición de tractores e rozadoiras para incentivar e fomentar o mantemento e limpeza das faixas secundarias de protección das vivendas, das infraestruturas rurais e de determinadas parcelas. Un compromiso ao que chamou a unirse ao resto de deputacións provinciais, por consideralo prioritario de cara á xestión e protección do noso territorio.

En virtude dos acordos, o Goberno galego e a Deputación de Ourense financiarán esta compra de maquinaria para a prevención dos lumes cun total próximo aos 1,3 millóns de euros, aportados ao 50 % por cada administración. Todos os concellos beneficiarios foron seleccionados en base a criterios técnicos que teñen que ver coa incidencia dos lumes no seu territorio, fundamentalmente, e están adheridos ao Convenio de protección das aldeas, un acordo da Xunta coa Federación galega de municipios e provincias e a empresa pública Seaga ao que xa están incorporados -destacou o conselleiro- un total de 279 concellos galegos, o que supón o 89 % do total.

Así, cada municipio contará cunha subvención de preto de 100.000 euros para mercar un vehículo tractor e dúas rozadoiras -de arrastre e de brazo- coa finalidade de levar a cabo a limpeza e mantemento das infraestruturas lineais e/ou áreas cortalumes de titularidade municipal, así como nas redes secundarias de faixas de xestión de biomasa en terreos de titularidade descoñecida ou de titularidade do concello, que non sexan obxecto de actuación no marco do Convenio de protección das aldeas.

O conselleiro destacou, neste senso, a firme aposta da Xunta pola anticipación aos incendios forestais e lembrou que o Plan preventivo vixente contempla un investimento de 33,1 millóns de euros para poder actuar en máis de 58.600 hectáreas de todo o territorio e en case 5.800 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación. Ademais, inclúe a construción de 111 novos puntos de auga e o acondicionamento dos 4.750 existentes. 

Reforzo nos traballos preventivos

Así mesmo, o conselleiro anunciou que se renovará o convenio de colaboración subscrito coa Deputación de Ourense no ano 2020 para a potenciación de medidas en materia de prevención de incendios forestais.

Concretamente, o obxecto desta colaboración baséase na realización de traballos preventivos por parte da Deputación co seu propio parque de maquinaria -e co apoio da Consellería do Medio Rural-, tales como a realización de áreas cortalume, o mantemento de pistas e camiños que atravesan as zonas de actuacións de xestión de biomasa, a eliminación de acacias nas contornas das faixas secundarias e outras actuacións complementarias sobre o territorio que reforcen os efectos preventivos sobre os incendios forestais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/03/2023