A sanidade galega será a primeira do mundo en incorporar a vacina contra o virus respiratorio sincitial

Amplíase tamén a todos os lactantes a vacina fronte o rotavirus, que ata agora só se administraba gratuitamente a bebés prematuros.

“Galicia dá unha nova mostra do seu compromiso coa inmunización e reforza un calendario vacinal infantil que xa é o máis completo e avanzado do mundo”, subliña o presidente Rueda
 

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Sanidade galega será a primeira do mundo que incorpore ao seu calendario vacinal a inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS). Segundo estudos clínicos, este virus infecta ao 90% dos bebés menores de dous anos e causa bronquiolites e pneumonías que están na orixe de 1000 hospitalizacións (cunha estadía media de 6 días) e de máis de 10.000 consultas pediátricas cada ano en Galicia.

Tal e como publicou o New England Journal of Medicine, este anticorpo monoclonal fronte ao VRS evita en torno ao 80% das asistencias médicas relacionadas co virus e das hospitalizacións infantís causadas por bronquiolites ou neumonías.

“Neste inverno, particularmente complexo, comprobamos o impacto que o VRS pode ter nos lactantes, unha poboación na que practicamente se duplicaron as hospitalizacións causadas por este virus”, indicou o presidente Rueda. Á luz desas cifras, baseándose nas recomendacións dos técnicos da Consellería de Sanidade e do comité asesor de vacinas do Sergas e co aval da Asociación Española de Pediatría, comezouse a traballar na adquisición desta vacina desde o primeiro momento no que foi aprobada pola Axencia Europea do Medicamento.

A adquisición desta nova vacina será licitada nas vindeiras semanas pola Dirección Xeral de Saúde Pública. Comezará a dispensarse no outono deste mesmo ano, antes da época con maior impacto do virus respiratorio sincitial.

Ampliación da vacina fronte ao rotavirus

Así mesmo, o Consello deu luz verde á ampliación da vacina fronte o rotavirus, que ata agora só se administraba gratuitamente a bebés prematuros, a toda a poboación infantil. Este virus provoca unha gastroenterite que afecta especialmente aos máis pequenos: o 85% dos hospitalizados por esta doenza teñen menos de 2 anos.

A incorporación destes dous preparados ao calendario vacinal infantil suporá un investimento anual de 5,1 millóns de euros, de xeito que a suma total que destina a Xunta a vacinas ascenderá a 34 millóns de euros anuais.

“Galicia dá unha nova mostra do seu compromiso coa inmunización e reforza un calendario vacinal infantil que xa é o máis avanzado e completo do mundo”, subliñou o presidente Rueda. Cómpre lembrar que en 2022 comezou a administrarse de xeito pioneiro en España, a vacina fronte ao meningococo B aos bebés a partir de dous meses de idade, ampliouse a protección fronte ao virus do papiloma humano a todos os nenos varóns de 12 anos e ofreceuse a antigripal tetravalente a todos os menores de 5 anos.

 


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/03/2023