A Xunta defende nas Pontes unha transición enerxética ordenada que non deixe atrás o tecido industrial

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá nunha xornada informativa, onde puxo de relevo o papel exemplarizante e incentivador que as administracións teñen que adoptar neste contexto

As Pontes (A Coruña), 16 de marzo de 2023 O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá nas Pontes nunha xornada informativa sobre o Convenio de Transición Xusta. Na súa intervención defendeu unha transición enerxética ordenada que non deixe atrás o tecido industrial.

 

Por iso a visión da Xunta é a dunha transformación ligada á industria, vinculando os proxectos enerxéticos ás grandes iniciativas industriais. Así, destacou os cambios lexislativos introducidos para fomentar a firma de contratos de compravenda de enerxía a longo prazo que garantan un prezo enerxético competitivo para a industria galega, como é o caso de Sentury nas Pontes.

 

Ademais, o Goberno galego activará axudas para proxectos singulares de descarbonización e renovación industrial, comunidades enerxéticas nos polígonos industriais, e incentivaranse proxectos de hidróxeno verde -como o proxecto de Reganosa e EDP Renovables nas Pontes-, almacenamento enerxético e compoñentes para enerxías renovables.

 

Fernández Vila, que incidiu no papel exemplarizante e incentivador que as administracións teñen que adoptar neste momento de transición, ratificou o compromiso da Xunta con este cambio sustentable a través de instrumentos como a Axenda Enerxética de Galicia 2030, a futura Lei do Clima de Galicia ou a Alianza Galega polo Clima.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/03/2023