O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presenta as alegacións do Goberno galego a este texto na Conferencia Sectorial celebrada esta mañá

A Xunta reclama ao Ministerio de Educación financiamento para o novo real decreto de FP e máis facilidades para incorporar expertos

Lamenta as présas do Goberno central por acelerar o desenvolvemento lexislativo e normativo, “o que dificulta a análise dos textos, o debate e a reflexión sosegada”

Advirte de que o Goberno central inclúe medidas cuxa posta en marcha supón un sobrecusto que non está disposto a compensar ás comunidades autónomas

A regulación dificulta a incorporación dos profesores expertos do sector produtivo aos centros educativos, malia a ser unha figura fundamental

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presentou hoxe na Conferencia Sectorial de Educación as alegacións de Galicia ao proxecto de real decreto de Ordenación do Sistema de Formación Profesional, centradas na falta dunha memoria económica e nas dificultades que se pon para incorporación de persoas expertas dos sectores produtivos como docentes.

Tal e como sinalou o conselleiro, o proxecto de real decreto non supón grandes novidades para a FP galega, “dado que xa se están aplicando a maior parte das medidas desde hai tempo. De feito en Galicia xa se incorporou no currículo un módulo inglés nos currículos implantados nos últimos cursos, xa existen as dobres titulacións, a FP Dual xa está deseñada a medida das empresas e nos centros educativos xa se ofertan accións formativas para desempregados”, destacou entre as cuestións de maior importancia.

En calquera caso, Román Rodríguez lamentou as présas do Goberno central por acelerar o proceso de desenvolvemento lexislativo e normativo antes das próximas eleccións estatais, “o que dificulta a análise dos textos, o debate e a reflexión sosegada”. De feito, no caso da análise deste real decreto, remitíronse documentos diferentes para a Conferencia Sectorial de hoxe e para as reunións técnicas previas. “O último documento corrixe varias cuestións e incorpora suxerencias de outras comunidades que aínda non puidemos estudar”, explicou.

Falta de financiamento

O titular do departamento educativo da Xunta sinalou como a principal eiva do novo texto a falta dunha memoria económica, que tampouco figura na nova lei de FP. Neste sentido, explicou que a posta en marcha de determinadas medidas como a redución de ratios (e, como consecuencia, a necesidade de adquirir equipamentos para os novos grupos), os cursos de formación específicos preparatorios para o acceso á FP de grao superior ou o incremento das axudas ao desprazamento do alumnado vai supoñer un sobrecusto que o Ministerio non aclara como financiar.

“Volvemos estar, como xa vén sendo habitual, cun exemplo de normativa na que o Goberno central impón medidas que deben sufragar, sen apoio, as comunidades autónomas. Por exemplo a equiparación salarial dos profesores técnicos de FP supón só en Galicia un investimento anual de 3,5M€ que asume a Xunta en solitario”, lembrou.

Expertos do sector produtivo

No caso dos profesores expertos do sector produtivo, as alegacións feitas desde a Xunta advirten de que o proxecto normativo permite só a contratación destas persoas se non houbese outro docente dispoñible. “Isto limita a posible incorporación á docencia desta figura clave para a FP –lamentou o conselleiro–, que permite manter unha conexión directa cos sectores empresariais, garante a óptima formación do alumnado en certos módulos profesionais e contribúe á actualización dos currículos formativos”.

A este respecto, Galicia solicita que a incorporación destes expertos á docencia en centros educativos non estea condicionada a que non existan outros docentes dispoñibles, que se regule con máis claridade o sistema de selección destas persoas e que se especifique cal é a modalidade contractual, entre outras cuestións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/03/2023