Galicia rexistra un total de 1.301 casos activos por coronavirus
Un total de 691.041 pacientes xa están curados
A día de hoxe hai 1.107 pacientes en seguimento nos seus domicilios
O Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar a información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 1.301, deles 268 son da área da Coruña, 130 da de Lugo, 194 da de Ourense, 136 da de Pontevedra, 225 da área de Vigo, 238 da de Santiago e 110 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 5 están en UCI, 189 en unidades de hospitalización e 1.107 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 691.041 persoas curadas, rexistrándose 4.091 falecementos.
Home de 76 anos, na área sanitaria de Ferrol.
Muller de 92 anos, na área sanitaria da Coruña e Cee.
Muller de 88 anos, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Home de 88 anos, na área sanitaria de Ferrol.
As persoas falecidas tiñan patoloxías previas.
O número de PCR realizadas é de 4.058.822.
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade permanece en alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.
Uso do 061 para casos graves e emerxencias
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía debe empregar o número 061 só para emerxencias ou casos graves. Ademais, o Sergas ten a súa disposición a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar a información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Declaración responsable de autotest positivo e uso das máscaras
As persoas que obteñan un resultado positivo tras a realización dun autotest poderán comunicalo ao Servizo Galego de Saúde. Así, poderán facelo a través da aplicación SergasMóbil.
Así mesmo, lémbrase o carácter obrigatorio do uso da máscara en determinados espazos interiores, como son os centros, servizos e establecementos sanitarios; as oficinas de farmacia, e no caso dos profesionais e visitantes dos centros sociosanitarios.
Recomendacións
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.
Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.
É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.