A Xunta inicia a formación de 50 mulleres participantes no programa Medrando xuntas co que impulsa o talento feminino na economía social

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou na primeira das sesións formativas dirixidas a 50 mulleres

A Xunta ofrece ás participantes contidos relacionados coas habilidades para a xestión das entidades e competencias persoais

Case 400 mulleres xa recibiron cualificación no marco desta iniciativa autonómica que acada este ano a súa sétima edición
 

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2023

Medio cento de mulleres da economía social galega iniciaron hoxe a formación no marco do programa Medrando Xuntas que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade pon en marcha para potenciar o talento feminino nestas entidades. O programa acada así as case 400 mulleres formadas desde o seu estreo hai sete anos.

A formación que hoxe arranca na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) -e que contou coa presenza por videoconferencia da secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca- estenderase ata o próximo xuño en modalidade mixta para facilitar o acceso aos cursos e favorecer a conciliación das participantes. 

Medrando Xuntas está deseñado para potenciar o talento feminino nas entidades de economía social, contribuíndo a difundir o papel destas fórmulas no tecido socioeconómico galego e das oportunidades que brindan ás traballadoras para o seu desenvolvemento persoal e profesional.

A iniciativa estrutúrase en dous itinerarios diferentes. Un deles está concibido para directivas de entidades de economía social e o segundo, para socias e traballadoras. Ambos contan cunha estrutura similar onde se traballan tanto habilidades de xestión como competencias persoais.

Medrando Xuntas directivas diríxese a responsables de dirección e/ou de goberno que queiran potenciar as súas capacidades directivas con perspectiva de xénero como factor chave no seu desenvolvemento profesional. Os contidos que ofrece esta parte do programa, nun curso de 60 horas, están relacionados coa xestión das organizacións, as habilidades directivas e os proxectos colaborativos.

Medrando Xuntas socias e traballadoras ofrece unha formación específica enfocada en apoderar ás mulleres pertencentes ás organizacións de economía social en contornas urbanas e rurais con contidos que versan sobre a xestión das organizacións desta fórmula empresarial e as habilidades persoais. O curso, neste caso, ten unha duración de 20 horas.

Ademais da celebración do VI Foro Medrando Xuntas ao remate do programa, como novidade este 2023, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade realizará unha xuntanza global con todas as alumnas participantes nas sete edicións. O evento celebrarase no último trimestre do ano co obxectivo de reforzar a rede de contactos das alumnas e reivindicar a presenza da muller nos órganos de goberno e dirección das entidades de economía social.

Nas sete edicións, coa actual en curso, as alumnas da formación Medrando Xuntas ascenden a case 400 profesionais. Unha das prioridades da Xunta con esta iniciativa consiste en poñer en marcha actuacións para potenciar o papel das traballadoras no mercado laboral. Por outro lado, preténdese dar difusión á economía social como modelo en auxe para crear emprego de calidade, máis igualitario e sustentable.

Data de actualización: 17/03/2023