A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe MeteoGalicia xunto cun grupo de escolares

A Xunta agradece o compromiso da mocidade galega na loita diaria contra o cambio climático

Ángeles Vázquez reitera a importancia de que os máis novos sexan embaixadores do medio ambiente, asumindo rutinas que contribúan a loitar contra este fenómeno e axudando aos máis maiores a abandonar costumes prexudiciais para a contorna


Enxalza o traballo que realiza MeteoGalicia para ofrecer un inxente volume de datos e servizos a medios de comunicación, empresas, universidades, etc.
 

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, agradeceu hoxe o papel dos máis novos na loita diaria contra o cambio climático. Así o dixo na visita que realizou ás instalacións de MeteoGalicia xunto con alumnado de sexto curso de educación primaria do CEIP Vilaverde-Mourente de Pontevedra, co gallo da celebración da Semana da Administración Aberta, unhas xornadas de participación social que organiza a Xunta para dar a coñecer o funcionamento do Goberno galego e da administración pública autonómica.

 

Logo de lembrar a relevancia que teñen os pequenos xestos á hora de mitigar os efectos do cambio climático, Ángeles Vázquez reiterou a importancia de que a xuventude galega actúe como embaixadora do medio ambiente, tanto ao asumir rutinas que contribúan a loitar contra ese fenómeno global como ao axudar aos máis maiores a abandonar costumes que prexudican á nosa contorna.

 

“Debemos cambiar as nosas accións diarias para poder frear o cambio climático e amosar máis respecto polos nosos recursos naturais”, dixo a conselleira, quen engadiu que entre os cambios que podemos levar a cabo no día a día está o de facer un uso responsable das enerxías procurando empregar só as que realmente necesitamos.

 

A maiores, durante a visita e dado que mañá, 23 de marzo, se celebra o Día Meteorolóxico Mundial, a conselleira puxo en valor a importancia da meteoroloxía ao ofrecer información de grande utilidade non só para cuestións cotiás como elixir a roupa de cada día, senón tamén para prepararnos ante posibles episodios meteorolóxicos adversos como temporais de chuvia ou vento, nevaradas ou para que os agricultores e pescadores poidan planificar o seu traballo en condicións de seguridade.

 

E, nesa liña, fixo fincapé no feito de que Galicia é unha das poucas comunidades autónomas, xunto con Cataluña e País Vasco, que conta cun servizo propio de meteoroloxía e enxalzou o traballo que realiza MeteoGalicia para ofrecer un inxente volume de datos e servizos a medios de comunicación, empresas, universidades, etc.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/03/2023