Uns 150 escolares do CEIP Paradai de Lugo participan nunha plantación organizada pola Xunta para celebrar o Día da Árbore

O delegado territorial, Javier Arias, explica que a Xefatura Territorial de Medio Rural reparte estes días centos de exemplares en centros educativos da provincia para concienciar ás xeracións máis novas da importancia de coidar o medio ambiente

Bóveda (Lugo), 22 de marzo de 2023 Case 150 escolares de Infantil e 1º e 2º de Primaria do CEIP Paradai de Lugo participaron hoxe nunha plantación de árbores no viveiro forestal dos Trollos (Bóveda), dentro dos actos programados pola Xunta para celebrar o Día da Árbore.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, acompañou aos nenos e nenas nesta actividade, que se dividiu en varias quendas para facilitar a organización. Así, a próxima semana acudirán outro centenar de estudantes de 3º a 6º de Primaria do colexio lugués para plantar máis exemplares. O acto complétase cunha visita divulgativa á aula da natureza que hai nas instalacións.

Arias destacou que a programación organizada este ano pola Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural concede especial protagonismo aos rapaces e rapazas, “co obxectivo de concienciar ás xeracións máis novas da importancia de coidar o medio ambiente”.

Ademais do acto central no viveiro dos Trollos, xestionado pola Xunta, a Consellería reparte estes días centos de exemplares de árbores para realizar plantacións en varios colexios e institutos dos diferentes distritos da provincia de Lugo. Entre as especies distribuídas hai bidueiros, freixos, cerdeiras, castiñeiros, faias, ameneiros, serbais ou exemplares de liquidámbar.

Así mesmo, está previsto entregar 200 castiñeiros á agrupación veciñal cultural Porta dos Ancares, en Baralla, para repartir entre os asociados.

A planta entregada nestes actos divulgativos procede de viveiros da Xunta, en concreto dos de Sambreixo (Guitiriz) e A Famelga (Oroso).

A Xunta tamén fomenta estas plantacións a través da convocatoria de axudas, como as orientadas a aumentar as superficies de castiñeiros e a recuperación de soutos tradicionais, que contan cun orzamento de 3,6 M€. O prazo de presentación de solicitudes está aberto, igual que o da liña para executar accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, dotadas con case 10 M€.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/03/2023