O secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral de Cultura participan na presentación das actividades programadas para os próximos meses

A Xunta colabora na celebración do centenario do Seminario de Estudos Galegos cunha decena de actividades culturais

O programa do Goberno galego inclúe varias exposicións e publicacións, así como un documental e unha xornada de divulgación

A estas hai que sumarlles o resto de accións previstas polas demais entidades colaboradoras na celebración da efeméride, impulsada polo Consello da Cultura Galega

O Seminario de Estudos Galegos (1923-1936) foi unha institución científico-cultural de máxima relevancia centrada na investigación e divulgación da cultura e lingua galegas

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023

O 12 de outubro de 2023 celébrase o centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos, a institución científico-cultural de principios do século XX integrada por intelectuais galeguistas para estudar e divulgar o patrimonio cultural e lingüístico da nosa Comunidade. Co gallo da conmemoración desta efeméride, a Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega, en colaboración cunha ducia de entidades e institucións galegas, organizan unha programación cunha vintena de accións que se desenvolverán ao longo deste ano e principios do que vén, das que a metade están impulsadas polo Goberno galego.

 

Así o explicaron esta mañá en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que expuxeron as actividades previstas desde a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades “orientadas a destacar a importancia que o Seminario de Estudos Galegos tivo na modernización da cultura galega e no deseño dunha estrutura cultural que fomentase a cultura e a investigación dun xeito estable e programado”. Tamén destacaron “o papel fundamental que as publicacións desta entidades tiveron na normalización do galego como lingua apta para a cultura no campo das ciencias sociais”.

 

Na rolda de prensa, que acolleu a biblioteca do Consello da Cultura Galega, interviñeron ademais a presidenta desta entidade, Rosario Álvarez; a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e a secretaria da Real Academia Galega, Margarita Ledo.

 

Unha decena de actividades culturais

A programación da Xunta de Galicia estará centrada fundamentalmente nas exposicións, como a mostra Luz na Terra. A obra do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), organizada a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e comisariada por Ramón Villares. Así mesmo, editaranse publicacións como Terras do Deza, que difunde traballos de recollida que os membros do Seminario fixeron na Comarca do Deza e que estaban en proceso de edición cando este foi disolto a consecuencia da Guerra Civil

 

Ademais, desde a Xunta de Galicia tamén se promove, de cara a setembro, unha xornada de divulgación organizada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades en colaboración co Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, que atesoura na súa biblioteca os fondos do Seminario, así como a creación dun documental sobre a historia do Seminario.

 

A Xunta de Galicia tamén incorporará ao Calendario do Libro e da Lectura 2023 da conmemoración do centenario da constitución do Seminario de Estudos Galegos. Deste xeito, as bibliotecas públicas xestionadas polo Goberno galego e as integradas na rede de Bibliotecas Públicas de Galicia realizarán diferentes actividades arredor desta efeméride.

 

A estas actividades súmanselle outras tantas impulsadas desde distintas entidades e institucións participantes na conmemoración tales como o propio Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego, o Museo de Pontevedra, o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, as universidades públicas galegas, a Real Academia Galega ou diferentes fundacións de autor, que promoven conferencias, homenaxes, visitas guiadas ou roteiros arredor da efeméride.

 

O Seminario de Estudos Galegos

O Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), fundado o 12 de outubro en Ortoño (Ames), foi unha institución científico-cultural de máxima relevancia ligada á Universidade de Santiago que integrou, durante os seus 13 anos de vida, a profesores e alumnos universitarios, así como a intelectuais galeguistas da Xeración Nós e das Irmandades da Fala.

 

Estruturada en 14 seccións, a entidade acadou os 200 socios activos e preto de 400 socios protectores, ao tempo que publicou 150 traballos de investigación centrados, sobre todo, na Historia, Prehistoria, Arqueoloxía, Historia da Arte e Etnografía e Folclore. Neste senso, foi a única institución que realizou, de forma continuada e en Galicia, investigacións nas ditas disciplinas, colaborando, ademais, con algunhas das entidades científicas e culturais máis renovadoras da España do momento.

 

Entre as obras máis destacadas publicadas pola institución cabe citar, no campo da literatura, Cousas I e II (1926-1929), de Castelao, e Na noite estremecida (1926) e A rosa de cen follas (1927), de Ramón Cabanillas; e en ciencias sociais, A Edade do Ferro na Galiza (1924), de Florentino Cuevillas; Síntesis Xeográfica de Galicia (1926), de Otero Pedrayo; As cruces da pedra na Bretaña (1930), de Castelao; o estudo interdisciplinar Terra de Melide (1933) ou o Corpus Petroglyphorum Gallaeciae (1935), de Ramón Sobrino Buhigas.

Data de actualización: 22/03/2023