A conselleira de Política Social e Xuventude participou hoxe neste evento que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos

A Xunta destaca o traballo de Down Compostela na gala de entrega dos premios da entidade

Fabiola García agradeceu aos galardoados que fagan de Santiago unha cidade máis integradora na que todas as persoas poden levar unha vida participativa, autónoma e plena

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou hoxe o traballo que realiza Down Compostela para dar máis visibilidade ás persoas que teñen esta síndrome, defender os seus dereitos e crer nas súas posibilidades. Díxoo na gala de entrega dos X Premios organizada por esta entidade, que tivo como escenario o Hostal dos Reis Católicos e que serve para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down.

Os galardoados nesta edición foron a escola Música Play, Chema Fernández —da xoiería Jael— e o establecemento Burguer King da capital galega. Fabiola García agradeceu a todos os premiados que fagan de Santiago unha cidade máis integradora na que todas as persoas poden levar unha vida participativa, autónoma e plena.
 
A conselleira sinalou que a Xunta seguirá traballando para que as persoas con síndrome de Down estean presentes en todos os ámbitos da sociedade e para que conten con profesionais de atención temperá, teñan garantida unha educación inclusiva e unha formación adaptada, así como acceso ao emprego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/03/2023