Augas de Galicia organiza esta semana actividades divulgativas sobre a importancia da auga e o saneamento coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Auga

A Xunta realiza unha visita guiada á depuradora de Meaño con profesionais do sector industrial do municipio para afondar no funcionamento da rede de saneamento

Os asistentes coñeceron as características da depuradora e os efectos que supoñen os vertidos de orixe industrial no proceso de depuración e tamén no medio ambiente

O obxectivo é concienciar ao sector industrial da incidencia do tratamento da auga residual procedente das empresas no correcto funcionamento da depuradora municipal

Insistiuse na necesaria colaboración e intercambio de información entre as administracións e as empresas afincadas na zona para garantir o axeitado proceso de depuración

Ademais desta actividade, Augas de Galicia imparte hoxe talleres no CEIP Manuel Cordo Boullosa de Ponte Caldelas e mañá no CEIP de Ponte do Porto de Camariñas

O Día Mundial da Auga ten este ano como obxectivo poñer en valor a importancia deste recurso para a vida e concienciar á poboación da necesidade de xestionala de forma sostible

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2023 A Xunta realizou esta mañá unha visita guiada á depuradora de Meaño con profesionais do sector industrial do municipio para afondar no funcionamento da rede de saneamento. 

Esta actividade, enmarcada nas xornadas que Augas de Galicia impulsa esta semana co gallo do Día Mundial da Auga, conmemorado onte, ten como obxectivo achegar o sector industrial ao funcionamento do proceso de depuración. 

Na xornada, os asistentes puideron coñecer as características da depuradora, datos de rendementos e calidade da auga ou os efectos dos vertidos de orixe industrial no proceso de depuración e tamén no medio ambiente. 

Nesta zona do Salnés o peso da actividade industrial, e en especial do sector alimentario é relevante, polo que as características da súa auga residual teñen unha grande influencia no correcto funcionamento da depuradora.

Na xornada de divulgación incidiuse na necesidade da colaboración e do intercambio de información entre as administracións e as empresas para garantir o bo funcionamento do sistema de saneamento e depuración de Meaño.

Día da Auga

A esta actividade en Meaño súmanse outras que Augas de Galicia está a impartir esta semana para conmemorar o Día Mundial da Auga, que se celebrou este mércores día 22 de marzo.  

Ademais da visita á depuradora de Meaño, Augas de Galicia imparte hoxe talleres a alumnos dos cursos de 1º e 2º curso de Primaria, concretamente no CEIP Manuel Cordo Boullosa de Ponte Caldelas. 

Mañá, venres día 24, serán os alumnos do CEIP de Ponte do Porto de Camariñas os que participarán nos dous talleres que se realizarán, dirixidos a estudantes de 1º e 2º de Primaria.

No día de onte, un grupo de alumnos do Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía-STEAMbach do IES de Brión coñeceron, da man da Xunta, o funcionamento da depuradora de augas residuais dos Praceres, en Pontevedra.

Con estas actividades, a Xunta celebra o Día Mundial da Auga, que ten como obxectivo poñer en valor a importancia deste recurso para a vida e concienciar á poboación da necesidade de xestionala de forma sostible. Este ano a meta é “Acelerar o cambio” e promove o avance na consecución do obxectivo de desenvolvemento sostible 6: “auga e saneamento para todos”, como parte da Axenda 2030.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2023