A Xunta remata as obras da nova senda que conecta A Casilla, O Araño e Nurés (Rianxo) cun investimento de máis de 500.000 €
Executouse un itinerario pola marxe dereita da AC-305 co obxectivo de fomentar a mobilidade sustentable e acadar unha diminución do tráfico rodado motorizado entre os núcleos de Burés e A Casilla
O novo itinerario suma algo máis de 1,3 km, cun primeiro treito con inicio en Burés e fin nos Xens, e un segundo que comeza en Contrés e finaliza na Casilla
A nova senda iguala a liña do bordo da estrada e acada un itinerario de 2 metros de ancho, favorecendo os desprazamentos a pé e o acceso ás paradas de transporte público
O itinerario súmase á senda de Burés, habilitada na outra marxe da estrada e á disposición dos veciños desde o pasado outubro, cun investimento de case 50.000 €
A Xunta continúa a impulsar nas estradas da súa titularidade itinerarios máis cómodos, seguros, sustentables e saudables
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras da nova senda que conecta, a través da estrada AC-305, A Casilla, O Araño e Burés, no concello de Rianxo.
O novo itinerario está executado en formigón armado e baixo el dispúxose unha base de solo seleccionado, incluíndo na intervención a execución de colectores para recoller e dirixir as augas pluviais.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a impulsar a construción de novas sendas co obxectivo de dotar os veciños de itinerarios que lle permitan facer os seus desprazamentos cotiás de xeito máis cómodo, seguro, sustentable e saudable.