A Xunta anuncia a firmeza do acordo da concentración parcelaria de Vilatuxe, en Lalín

Desta forma, dáse un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, xa que só queda pendente aprobar a acta de reorganización, o que suporá o remate administrativo deste proceso

O perímetro abarca unha superficie de 911 hectáreas, quedando reducidas as 4.445 parcelas achegadas a 1.229 predios de substitución
 

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2023

A Consellería do Medio Rural, vén de declarar a firmeza da zona de concentración parcelaria de Vilatuxe, no concello pontevedrés de Lalín. Desta forma, dáse un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, xa que só queda pendente aprobar a acta de reorganización, o que suporá o remate administrativo deste proceso, que quedará finalmente terminado coa posterior entrega de títulos de propiedade. 

O perímetro da zona de Vilatuxe abarca unha superficie de 911 hectáreas, distribuídas en 4.445 parcelas achegadas ao proceso por un total de 515 propietarios, resultando un total de 1.229 leiras de substitución cunha superficie media por leira de 7.158 m2 fronte aos 2.050 m2 de superficie media das parcelas achegadas.

 No Concello de Lalín, ademais da zona á que se acaba de dar firmeza ao seu acordo, están rematadas un total de cinco zonas que supuxeron unha superficie de 888 hectáreas pertencentes a 542 propietarios. A estes procesos hai que engadir as catro zonas que a día de hoxe están co procedemento de ordenación cunha superficie total de 5.482 hectáreas pertencentes a 2.713 propietarios. A estes procesos hai que engadir as tres zonas decretadas a finais do ano 2022 (Cristimil, Galegos e Goiás-Xaxán-A Veiga), que suporán nun principio en 3.455 hectáreas.

Data de actualización: 26/03/2023