A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe un encontro coa alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro

Ethel Vázquez avanza que este ano rematarán as obras de mellora da LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane e reafirma o compromiso da Xunta de completar a reforma ata Folgoso do Courel

Vázquez Mourelle sinala que o grado de execución da 1ª fase das obras, iniciadas a finais de setembro neste tramo da estrada cun investimento da Xunta de 3,4 M€, rolda o 15 %

Pon en valor a execución en pouco máis de 2 meses do desvío provisional habilitado para restablecer a circulación na estrada, cun investimento de máis de 1 M€, mentres se definía a solución definitiva para reconstrución

Adianta que a principios de maio será entregado para a súa supervisión e sometemento a información pública o proxecto construtivo dun novo trazado de 840 metros, pasos previos á licitación das obras, que suporán un investimento duns 5 M€

Demanda a mesma dilixencia e implicación no Goberno de España ante os colapso dos viadutos da A-6, que non contempla a emerxencia para a reconstrución do viaduto de entrada a Galicia, o que pode adiar a solución definitiva ata o ano 2028

Lugo, 24 de marzo de 2023 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe en Lugo que este ano rematarán as obras de mellora da LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane e reafirmou o compromiso da Xunta de completar o acondicionamento ata Folgoso do Courel.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo esta mañá en Lugo un encontro coa alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, no que se abordaron os avances na 1ª fase na execución das obras de mellora da LU-651, que se están a executar entre Ferrería Vella e Seoane, cun investimento autonómico de 3,4 M€.

Esta actuación, iniciada a finais de setembro, ampliará a vía autonómica nese treito de 3,5 km, dotándoa de 2 carrís de 3 metros de ancho e beiravías de 50 centímetros e tamén de cunetas de seguridade transitable. Tamén se van rectificar curvas e ampliar 2 pontóns.

No encontro na sede da Delegación Territorial da Xunta na cidade, a conselleira adiantou que a ampliación dos 2 pontóns prevista se vai acometer no verán, unha vez remate o curso escolar, para minimizar afeccións. Agora hai un corte de tráfico diario, pero só entre o paso do transporte escolar de 1ª hora e a hora do seu regreso, para non afectar ao seu funcionamento.

A titular de Infraestruturas explicou que nestes momentos os traballos están centrados nos desmontes e na posta a nivel do terreo para poder realizar a ampliación da calzada. Concretou que o grao de execución rolda o 15 % e trasladou que o obxectivo é rematar as obras este ano.

Atendendo á solicitude da alcaldesa, estas obras non deron comezo ata que estivo executado e en servizo o desvío provisional que a Xunta tivo que habilitar para restablecer a circulación no treito afundido da estrada, derivado da actividade da canteira, e realizado en pouco máis de dous meses polo procedemento de emerxencia, cun investimento autonómico de máis de 1 M€.

Ethel Vázquez fixo fincapé en como, de xeito parello a esta actuación, a Xunta foi avanzando na solución definitiva para reconstruír ese treito afundido da vía. Analizáronse ata 5 opcións, elixindo finalmente a alternativa dun novo trazado de 840 metros a unha cota intermedia entre a traza por onde discorría antes a estrada e onde coroa.

Informou de que o departamento que dirixe está avanzando no proxecto construtivo, co obxectivo de que sexa entregado a principios de maio para a súa supervisión e sometemento a información pública, como pasos previos á licitación das obras, que suporán un investimento estimado de arredor de 5 M€.

A conselleira contrapuxo o esforzo e traballo da Xunta coa actuación do Ministerio de Transportes e lamentou non ver esta mesma dilixencia e implicación no Goberno de España para resolver o colapso dos viadutos da A-6, que manteñen desde hai 9 meses pechada a autovía en Piedrafita. A este respecto, incidiu no feito de que o Ministerio non contemple a emerxencia para a reconstrución do viaduto de entrada a Galicia, o que pode adiar a solución definitiva ata o ano 2028.

Na reunión tamén se trataron as obras de emerxencia de estabilización de muros e noiros executadas pola Xunta en 4 puntos da estrada LU-651, uns traballos que están rematados e nos que se investiron 230.000 €. Tal e como destacou a conselleira, a Xunta realiza estas actuacións con celeridade para solucionar eses problemas puntuais, sabendo a importancia que ten para a seguridade a conservación e o manter as vías en boas condicións, remarcou.

No encontro de hoxe tamén se avaliou a continuidade das obras da LU-651, para completar o acondicionamento desta vía ao longo de 14 km e completar o investimento global de 10 M€ previsto. Trátase de actuar no treito entre a saída de Folgoso e a saída da travesía que atravesa o núcleo de Ferrería, algo máis de 8 km, con actuacións similares ás que se están a executar agora mesmo na 1ª fase das obras.

A Conselleira sinalou que o investimento previsto nesta actuación superará os 6 M€ e o proceso expropiatorio xa se realizou de xeito conxunto para toda a estrada entre Folgoso e Seoane, mantendo así o compromiso da Xunta de avanzar na continuidade das obras. Adiantou que nas vindeiras semanas se licitará a redacción do proxecto construtivo. Isto, precisou, permitirá comezar coa redacción en outono, avanzando na redacción de xeito acompasado ao remate das obras entre Ferrería Vella e Seoane.

Finalmente, Ethel Vázquez puxo en valor o compromiso e investimentos da Xunta para mellorar a estrada LU-651: coa finalización este ano da 1ª fase e avanzando nos trámites para completar o acondicionamento da vía ata Folgoso, para que os veciños se despracen de xeito máis cómodo e seguro.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2023