O Sergas publica os aspirantes seleccionados no concurso oposición de 23 categorías de persoal estatutario

Resultaron seleccionados un total de 675 profesionais, que en breve se incorporarán ao cadro de persoal fixo do Sistema Público de Saúde de Galicia

Do total de aspirantes seleccionados 278 corresponden á categoría de pinche

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, as resolucións polas que se fan públicos os acordos dos tribunais relativos á baremación definitiva da fase de concurso e á publicación dos aspirantes seleccionados nos procesos selectivos para o ingreso en 23 categorías de persoal estatutario. Son un total de 675 profesionais que, en breve, se incorporarán ao cadro de persoal fixo do Sistema Público de Saúde Galego.

Do total de aspirantes seleccionados, 21 corresponden a categoría de facultativo especialista de área das especialidades de cirurxía oral e maxilofacial (3), cirurxía pediátrica (5), cirurxía plástica, estética e reparadora (5), inmunoloxía (2) e oncoloxía radioterápica (6).

Nas categorías de persoal de xestión e servizos os aspirantes seleccionados pertencen as seguintes categorías: calefactor (37), cociñeiro (24), condutor (12), costureiro (21), electricista (38), fontaneiro (18), lavandeiro (39), mecánico (19), pasador de ferro (45), pinche (278), técnico de farmacia (5) e telefonista (33).

Tamén figuran seleccionados 24 aspirantes das categorías de persoal informático: técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información (8), técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información (12), e técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información (4).

Finalmente, a categoría de traballador social incorpora 46 profesionais, logopeda (4) e terapeuta ocupacional (11).

Do total de aspirantes seleccionados, 535 accederon pola quenda de acceso libre, 66 accederon pola quenda de promoción interna, 30 pola quenda de discapacidade xeral e 44 pola quenda de discapacidade intelectual.

O 64,17 % son mulleres e un total de 630 xa están a desenvolver as súas funcións no Servizo Galego de Saúde con carácter temporal, o que representa unha porcentaxe do 93,2 %.

Un total de 9 persoas, o que representa o 1,33 %, teñen a súa residencia fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

As listas coa puntuación definitiva da fase de concurso atópanse publicadas, por orde de puntuación e quenda de acceso, a disposición dos usuarios na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais, o resultado da baremación definitiva pode ser consultado no apartado de procesos en FIDES/expedient-e.

Coa publicación desta resolución ábrese o prazo dun mes, que finaliza o próximo 27 de abril, para que os aspirantes seleccionados presenten a seguinte documentación:

    • Declaración de non ter sido separados do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis meses anteriores á convocatoria, nin estar inhabilitados para o exercicio de funcións públicas nin para a correspondente profesión.

    • Certificado médico acreditativo da capacidade funcional para o desempeño das funcións propias da categoría.

    • Certificación do Rexistro Central de delincuentes sexuais dependente do Ministerio de Xustiza de non ter sido condenado por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, ou autorización escrita ao Servizo Galego de Saúde para consultar os datos contidos no citado Rexistro e solicitar no seu nome a oportuna certificación; documentación exixida por imperativo da Lei 26/2015, do 28 de xullo.

    • Declaración xurada ou promesa de non ter a condición de persoal estatutario fixo da mesma categoría/especialidade noutro servizo de saúde.

Co obxecto de facilitar a súa presentación, porase a disposición dos aspirantes, na páxina web do Servizo Galego de Saúde no apartado de emprego público, os modelos de declaración responsable e autorización requiridos nesta resolución.

Procesos selectivos para persoas que acreditan discapacidade intelectual

Resultaron seleccionados un total de 44 aspirantes pola quenda de acceso para persoas que acreditan unha discapacidade intelectual: 39 en pinche e 5 en técnico en farmacia.

Esta quenda de acceso diferenciado presenta as pertinentes adaptacións de temarios e tempo de realización das probas que permiten a concorrencia destes aspirantes en condicións de igualdade ao emprego público, facilitando así a súa integración laboral. O Servizo Galego de Saúde ten asinados convenios de colaboración coas entidades Fademga Plena Inclusión, DOWN Galicia e Aspace Galicia coa finalidade de adaptar as probas selectivas as características das persoas aspirantes e facilitar o seu acceso ao emprego público.

No ano 2018, o Servizo Galego de Saúde publicou a primeira convocatoria de procesos selectivos para o ingreso como persoal estatutario fixo de persoas que acrediten unha discapacidade intelectual.

Desde esa data incorporáronse no Servizo Galego de Saúde, por esta quenda de acceso, 30 profesionais na categoría de celador, 11 profesionais na categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería e 9 da categoría de persoal de servizos xerais.

Seguindo coa oferta de prazas por esta quenda restrinxida de acceso, no mes de xaneiro deste ano convocáronse tamén procesos selectivos para as categorías de celador (15 prazas), persoal de servizos xerais (14) e técnico en coidados auxiliares de enfermería (14). Tamén está previsto que se convoque durante este ano o proceso selectivo para o grupo auxiliar da función administrativa con 10 prazas.

Habilitouse un enderezo de correo electrónico onde os aspirantes poden dirixir dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.

 

Data de actualización: 27/03/2023