A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participou na presentación dos resultados do Barómetro sobre conciliación en Galicia da Fundación Más Familia

A Xunta reivindica Galicia como o mellor lugar para conciliar a vida persoal e laboral

Os resultados amosan unha mellora nas oportunidades dos galegos para conciliar desde o ano 2008 tanto desde o ámbito social como empresarial

Galicia destaca en indicadores como o das axudas directas ás familias gracias á gratuidade das escolas infantís ou de medidas como o Bono Coidado e as casas niño e casas do maior
 

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participou esta mañá na presentación dos resultados do Barómetro sobre a conciliación en Galicia elaborado pola Fundación Más Familia. Durante a súa intervención, reivindicou as medidas impulsadas polo Goberno galego para facer da nosa Comunidade o mellor lugar para conciliar a vida persoal e laboral.

 

A conselleira destacou que este barómetro reflexa unha mellora nas oportunidades de conciliar dos galegos desde o ano 2008 tanto desde o ámbito social, con máis igualdade de oportunidades, máis apoio ás familias e máis protección á infancia; e tamén desde o ámbito empresarial, con entidades comprometidas coa calidade laboral e a xestión da conciliación. Un dos indicadores nos que máis sobresae a nosa Comunidade é no referente ás axudas directas ás familias.

 

Fabiola García lembrou que a Xunta sitúa a conciliación como unha das súas principais prioridades e impulsa cada vez máis medidas para que as familias non teñan que escoller entre traballar ou formar unha familia. Neste sentido, puxo en valor a gratuidade de todas as escolas infantís en todos os centros galegos. Unha medida pioneira que beneficia a máis de 31.000 familias e á que o Goberno galego destina máis de 55 millóns de euros.

Axudas á conciliación

Así mesmo, tamén destacou o impulso de medidas como o Bono Coidado, para axudar os pais na contratación dun coidador ou un servizo de conciliación extraordinario e que o pasado ano multiplicou por cinco o número de beneficiarios ata os 5.000; e a posta en marcha de 95 casas niño e  máis de 100 casas do maior para crear servizos de conciliación en concellos pouco poboados do rural. Durante o acto, tamén se fixo entrega de certificados EFR a 27 empresas galegas que destacan no ámbito da conciliación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/03/2023