A Xunta e Afundación inauguran unha exposición sobre a identidade de Lugo cun cento de obras e pezas históricas das institucións máis senlleiras da cidade
‘Lugo no tempo’ é a terceira das exposicións de ‘Cidades no tempo’, proxecto que explora a cultura urbana de Galicia e que comprende unha mostra en cada unha das sete principais urbes galegas
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destaca que a proposta permite afondar “na realidade emblemática de Lugo, da que emanan algúns dos símbolos e identidades cos que hoxe se recoñece a Galicia”
A través de obxectos simbólicos, obras de arte ou documentos históricos, a mostra comisariada por Manuel Gago amosa unha cidade que respectou as súas orixes integrándoas na modernidade
A Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e Afundación (Obra Social ABANCA) inauguran a mostra Lugo no tempo, que poderá visitarse na sede desta última entidade ata o 27 de maio. A que é a terceira das sete exposicións que conforman o proxecto Cidades no tempo continúa reivindicando a identidade urbana de Galicia, poñendo o foco nunha cidade que representa un dos mellores casos de convivencia entre a cultura do campo e a urbana.
Neste senso, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou no acto de inauguración que a proposta permite afondar na “realidade emblemática que ten a cidade de Lugo, da que emanan algúns dos símbolos e identidades cos que hoxe se recoñece a Galicia en todo o mundo”. Así, o titular de Cultura fixo fincapé na importancia dunha urbe “construída nun equilibrio entre a tradición e a modernidade, na que se souberon respectar as orixes incorporándoas á súa organización territorial”. “A ampla pegada galaica e romana permanece impoluta na cidade actual”, engadiu.
Pola súa parte, o director xerente de Afundación, Pedro Otero, expresou a súa satisfacción por un proxecto “moi atraente para a nosa sede de Lugo”. Así, explicou que “este é un inmoble completamente integrado nun dos espazos estratéxicos da cidade, precisamente entre a Catedral e o Concello, na Praza Maior. Estamos, por tanto, nun edificio testemuñal da historia desta cidade, unha urbe fortemente caracterizada pola súa esencia romana."
No acto tamén interviron o comisario da mostra, Manuel Gago, xornalista e profesor, e a coordinadora local que asesorou no proxecto, a escritora lucense Marica Campo.
A exposición explora a interacción entre o urbanismo, a sociedade e o territorio a través de máis de 90 pezas de diferente tipoloxía que percorren a fusión da cultura do campo e a cidade e deixan constancia da influencia tanto galaica como romana en moi diferentes eidos, desde a economía ou as infraestruturas ás crenzas, o tempo de lecer ou a creación artística.
Trátase dunha escolma dos tesouros salvagardados nas institucións máis relevantes de Lugo como son, entre outras: o Museo Provincial de Lugo, o Museo Diocesano, o Arquivo Histórico Provincial, a Biblioteca Municipal ou o Círculo de las Artes de Lugo.
Unha cidade con gran simbolismo en Galicia
A proposta válese dunha combinación de materiais físicos e tecnoloxías interactivas, con planos, mapas, documentos históricos, obxectos de alta cultura e cotiáns con gran carga simbólica, obras de arte, fotografías e publicacións. A exposición percorre desde as orixes da urbe ata os grandes cambios urbanísticos de finais do século XIX e o despegue do século XX, trasladando ao visitante a espazos decisivos dunha cidade marcada pola presenza da muralla romana, declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco.