A cidade da Coruña sumarase á Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta para acelerar a actividade empresarial de Galicia

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, anunciou hoxe a apertura dunha oficina de asesoramento ás persoas emprendedoras na cidade herculina, na rúa Rafael Alberti, un espazo que albergará o Centro Coordinador

Galicia contará antes de que remate 2023 con 15 polos en activo que darán cobertura ao 100% do territorio

A provincia coruñesa disporá de catro centros: aos da Costa da Morte, Rías Altas e Arco Ártabro e A Coruña sumarase tamén o de Terras de Santiago

O Centro Coordinador – Polo de emprendemento e apoio ao emprego A Coruña Cidade acelerará proxectos de economía social e será un espazo no que se impulsarán os valores de responsabilidade social e de sustentabilidade

A Coruña, 1 de abril de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, anunciou hoxe a apertura dun novo polo de emprendemento e apoio ao emprego, o de A Coruña Cidade, que se sumará á rede que está a tecer o Goberno galego para impulsar a contorna emprendedora de Galicia. Estará emprazado na rúa Rafael Alberti e acollerá, ademais, o centro coordinador. Será un dos tres polos urbanos que prestarán servizo ás persoas emprendedoras, un apoio especializado co reto de impulsar proxectos empresariais por toda a xeografía galega.

A Rede, tal e como lembrou a conselleira, albergará antes de que finalice este ano un total de 15 polos. Na provincia da Coruña haberá un total de catro: aos da Costa da Morte, Rías Altas e Arco Ártabro e A Coruña sumarase tamén o de Terras de Santiago.

O Centro Coordinador – Polo de emprendemento e apoio ao emprego A Coruña Cidade será o encargado de planificar, coordinar e colaborar, identificando sinerxias e conectando aos 14 polos restantes distribuídos polo territorio as oportunidades de emprendemento apoiadas e identificadas nos mesmos, creando así unha única Rede de emprendemento cunha vertebración territorial en Galicia. “Será un espazo para estar a vangarda das tecnoloxias e da innovación”, apuntou Lorenzana.

En palabras da conselleira, a Xunta continuará a traballar para seguir impulsando a creación e consolidación de novas empresas innovadoras e tecnolóxicas e para impulsar os valores de responsbailidade social e de sustentabilidade como marca para as novas empresas en Galicia. “Estes tres elementos marcarán as novas tendencias do emprendemento: Innovación, tecnoloxia e responsabilidade social”, apuntou.

A conselleira, así mesmo, indicou que o emprendemento e a consolidación de empresas en economía social terá na Coruña un espazo que dea visibilidade a esta forma de emprender e, así, avanzou, que o Centro Coordinador – Polo de emprendemento e apoio ao emprego A Coruña Cidade será “un espazo para acelerar os proxectos de economía social co reto de seguir crecendo en igualdade e benestar laboral”.

“O emprendemento e, polo tanto, as posibilidades de crear mais emprego terá desde o polo de A Coruña Cidade para Galicia o deseño de políticas públicas innovadoras que poidan seguir dando respostas ás necesidades das empresas”. Calquera emprendedor da provincia, en definitiva, poderá dispor dun centro de referencia  no que recibir acompañamento durante todas as etapas de creación dun negocio e acoller os novos proxectos empresariais que contribuirán a xerar riqueza e emprego nas súas contornas.

Desde a súa posta en marcha, hai menos dun ano, a Rede autonómica de polos de emprendemento e apoio ao emprego ofreceu a través dos cinco centros que traballan a pleno rendemento na comunidade, asesoramento permanente e especializado a máis de 220 persoas axudándoas a desenvolver 209 proxectos empresariais, dos que permanecen en activo 162. Un 57% destas iniciativas empresariais son lideradas por mulleres, que confirma que é “unha rede con perspectiva de xénero”, afirmou Lorenzana.

A conselleira anunciou a apertura deste novo polo na Coruña no marco dunha xornada sobre márketing dixital que forma parte da programación que está a impulsar a Rede por toda a xeografía galega para promover Galicia como terra de oportunidades para o emprendemento.

Esta mesma semana, Lorenzana deu a coñecer tres novos emprazamentos dos polos: O Carballiño (Ourense), A Fonsagrada (Lugo) e un urbano na cidade luguesa, ao que se suma agora o de Centro Coordinador – Polo de emprendemento e apoio ao emprego A Coruña Cidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/04/2023