O novo servizo de radioterapia do Hospital de Montecelo evitará que os enfermos oncolóxicos de Pontevedra teñan que desprazarse a Vigo para recibir este tratamento

O conselleiro de Sanidade visita o búnker que albergará os dous aceleradores lineais que a Xunta adquiriu por máis de catro millóns de euros

Comesaña destaca a máxima seguridade do búnker de radioterapia, construído con formigón de barita e con disposición en labirinto para garantir a mellor protección da zona de control médico

A Xunta vén de renovar oito equipos para Montecelo por máis de nove millóns de euros, unha adquisición que fará que conte, por primeira vez, con servizo de hemodinámica, de medicina nuclear e de radioterapia
 

Pontevedra, 1 de abril de 2023

O novo servizo de radioterapia do Hospital de Montecelo evitará que os enfermos oncolóxicos de Pontevedra teñan que desprazarse a Vigo para recibir este tratamento. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa visita á obra do búnker de radioterapia, na que estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, José Flores Arias.

Trátase, -tal e como explicou o conselleiro-, dunha estrutura de 430 m2, “que ten como eixo fundamental a seguridade”. No seu interior, vai acoller dous aceleradores lineais que a Xunta adquiriu por máis de catro millóns de euros, “e que posibilitarán poñer en funcionamento o futuro servizo de Radioterapia”.

Segundo remarcou o responsable da sanidade pública galega, para a construción desta instalación emprégase formigón mesturado con barita, un tipo de formigón de características especiais, que confiren unha elevada densidade, un 30% maior que o formigón armado habitual. Ademais, para extremar a protección do persoal e dos pacientes, o espazo interior distribúese en forma de labirinto, “garantindo que a zona de exposición aos tratamentos radiolóxicos estea sempre separada e illada da zona de control médico”.

Na súa intervención, Comesaña dixo que a Xunta levou a cabo o pasado ano un proceso de renovación de alta tecnoloxía nos hospitais galegos, “que implicou a adquisición de máis de 67 novos equipamentos, por un importe de 76 millóns de euros”. En concreto, no que se refire ao Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o Executivo galego adxudicou oito equipos, por máis de nove millóns de euros.

Radioterapia, medicina nuclear e hemodinámica

Dos oitos equipos para o hospital da cidade do Lérez, o conselleiro explicou que un é unha nova resonancia e dous novos TACs, dos que un deles incorpora a tecnoloxía espectral, máis precisa e con menor dose de radiación. Os cinco equipos restantes, ademais dos dous aceleradores lineais para radioterapia, son un equipo de cardioloxía intervencionista, que permitirá dispoñer do servizo de hemodinámica nesta área; ademais dun TAC de planificación e unha gammacámara para crear o servizo de medicina nuclear.

A intención da Xunta, -remarcou o conselleiro-, é ter listo o máximo equipamento dispoñible para poñer a andar esta nova infraestrutura hospitalaria en canto remate a obra en 2024.

Para rematar a súa intervención, Comesaña dixo que o Gran Montecelo será un hospital absolutamente preparado para os reto de futuro, “con máis capacidade e máis servizos para os máis de 300.000 veciños e veciñas dos 26 concellos desta área”. En concreto, estes novos servizos permitirán “que preto de 500 pacientes que cada ano tiñan que desprazarse a Vigo para recibir a atención dos servizos de radioterapia, medicina nuclear ou hemodinámica, poidan tratarse en Pontevedra”.

Data de actualización: 01/04/2023