A Xunta licita por máis de 420.000 € a obra para a implantación da nova resonancia magnética no Meixoeiro

O investimento total desta renovación tecnolóxica, entre a obra e o custo do novo equipo, achégase aos 2 millóns de euros

O Goberno galego renova 14 equipos no Complexo Hospitalario de Vigo por máis de 12,7 millóns de euros: cinco TAC, tres gammacámara, dous equipos de hemodinámica, dúas resonancias magnéticas, un equipo PET-TC e outro de anxioloxía vascular.
 

Vigo, 1 de abril de 2023

A Xunta de Galicia vén de licitar por 422.595 euros, a obra para a reforma e acondicionamento dun local no andar 0 do hospital do Meixoeiro de Vigo para a instalación da nova unidade de resonancia magnética deste centro sanitario. Este novo equipo foi adquirido polo Goberno galego hai uns meses por un importe superior aos 1,5 millóns de euros, co que o investimento total para a renovación tecnolóxica deste servizo no Meixoeiro achegarase, entre obra e equipamento, aos dous millóns de euros.

O recinto reservado para a colocación desta máquina está actualmente terminado, acabado e en servizo, pero ocupado pola antiga unidade de resonancia magnética. Neste sentido, o acondicionamento consistirá no levantamento do pavimento existente, e a disposición dun novo pavimento vinílico. Ademais, abrirase un oco provisional na tabiquería lateral da sala onde se localizará a nova resonancia magnética, que permitirá a entrada deste novo equipo. Tamén se procederá a desmontar e remontar o falso teito, para situalo a unha cota máis baixa que a actual, incluíndo a iluminación, dispositivos antiincendios e reixas vencelladas ao falso teito. Este novo falso teito será continuo e antimagnético, de xeso laminado, con acabado pintado.

Habilitarase tamén a sala técnica, onde se abrirán dous ocos provisionais, para permitir o desprazamento do novo dispositivo, que se restituirán ao seu estado orixinal coa mesma composición dos materiais e acabados en pintura plástica. Baixo a sala, ademais, disporase dun blindaxe magnético suspendido do forxado do andar 0, por medio dunha subestrutura de aceiro. 

A finalidade da obra, polo tanto, é habilitar o espazo mencionado para garantir a correcta instalación da nova resonancia magnética adquirida pola Xunta de Galicia para renovar o actual equipo do hospital do Meixoeiro. Neste sentido, esta adquisición forma parte dunha adxudicación maior, composta de nove resonancias magnéticas para os hospitais galegos por máis de 10,5 millóns de euros de canalización de fondos Next Generation da Unión Europea, complementados con fondos autonómicos.

Delas, dúas corresponden ao Complexo Hospitalario de Vigo; a mencionada para o Meixoeiro e outra para o hospital Álvaro Cunqueiro, que supuxeron un investimento de máis de 2,6 millóns de euros.

Trátase de equipos de última xeración e de altas prestacións. Contan cunha maior resolución anatómica, permitindo ver lesións de tamaño minúsculo. As súas características tecnolóxicas posibilitan obter imaxes de máis calidade en calquera órgano, nun tempo menor e coa máxima confianza diagnóstica, conseguindo así un diagnóstico aínda máis preciso e eficiente. Isto significa unha achega inestimable para a detección precoz de múltiples patoloxías, especialmente en pacientes oncolóxicos e neurolóxicos. Neste senso, cómpre salientar que un diagnóstico máis preciso posibilita un tratamento máis axeitado e individualizado, o que implica maiores beneficios para o paciente.

Así mesmo, os novos equipos contan cun deseño que introduce melloras no confort dos usuarios, xa que o tubo é máis grande, polo que o paciente se sentirá máis cómodo e seguro. Ademais, outra das características é a axilidade na realización da proba, xa que o tempo necesario para realizala redúcese considerablemente, nalgúns casos ata nun 60%.

Renovación do equipamento sanitario

A Xunta realizou ao longo do 2022 un proceso de renovación de equipamento de alta tecnoloxía, froito da canalización de fondos europeos Next-Generation, e que o Goberno galego completou con fondos propios para adquirir equipamentos de máis alta gama; en total, renováronse 76 equipos en toda Galicia por máis de 67 millóns de euros.

No que se refire á área sanitaria de Vigo, incorpóranse 14 equipos por 12,7 millóns de euros. A maiores destes dous equipos de resonancia magnética, son cinco novos TAC por máis de 3,2 millóns de euros, un deles de tecnoloxía espectral; tres gammacámaras por máis de 1,9 millóns de euros, dúas delas para o Álvaro Cunqueiro e unha para o hospital do Meixoeiro. E tamén dous novos equipos de hemodinámica para o Cunqueiro por máis de 1,6 millóns. Así mesmo, o hospital Meixoeiro tamén renova un equipo PET-TC, por máis de 2,5 millóns de euros, e o hospital Álvaro Cunqueiro un equipo de anxiovascular, por máis de 590.000 euros.

Data de actualización: 01/04/2023