A Xunta completa o trámite de avaliación ambiental da futura depuradora de Salvaterra do Miño no río Mendo

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático informou de forma favorable o proxecto ao non prever efectos significativos sobre o medio ambiente

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2023 A Xunta de Galicia acaba de emitir informe ambiental favorable sobre o proxecto para construír unha estación depuradora de augas residuais (EDAR) no río Mendo co fin de mellorar as infraestruturas de saneamento no concello pontevedrés de Salvaterra do Miño.  

Así, a resolución emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DXCACC) conclúe que non son previsibles efectos significativos sobre o medio ambiente e, por conseguinte, que non se considera necesario someter o proxecto a avaliación ordinaria. 

Deste xeito, polo tanto, o Goberno galego dá por finalizado o trámite ambiental da futura estación depuradora —iniciado en xullo do ano pasado— polo que o Concello, como promotor do proxecto, poderá continuar coa súa tramitación.

Cómpre lembrar que no ano 2019 a Xunta e o Concello de Salvaterra do Miño asinaron un convenio de colaboración co fin de acometer unha serie de melloras no saneamento deste municipio, coa construción, concretamente, dunha EDAR no río Mendo así como dunha rede de saneamento na parroquia de Santa María de Oleiros.

Data de actualización: 01/04/2023