Galicia envía un operativo para contribuír á extinción dos incendios que afectan distintas localidades de Asturias
En concreto, a Xunta desprazará máis dunha vintena de efectivos, dúas motobombas e sete vehículos lixeiros do Servizo de prevención e extinción, así como un camión cisterna da Axencia Galega de Emerxencias e un dron para coordinar operacións
A Xunta envía hoxe mesmo un operativo para contribuír á extinción dos incendios que veñen afectando distintas localidades de Asturias nos últimos días.
En concreto, a Consellería do Medio Rural desprazará á comunidade veciña tres brigadas, un axente, un técnico e dúas motobombas pertencentes ao Servizo de prevención e extinción, así como cinco bombeiros forestais condutores e sete vehículos lixeiros.
Pola súa parte, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega), dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, aportará un camión cisterna que se encargará de abastecer de auga as motobombas, así como un dron para coordinar operacións.