A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse recentemente co alcalde do concello, José Luis López

A Xunta e o Concello do Páramo dan o primeiro paso para construír unha residencia e un centro de día

A Administración autonómica podería asumir a redacción do proxecto deste novo equipamento, que ofertaría 41 prazas residenciais e entre 20 e 25 de centro de día

O Páramo (Lugo), 1 de abril de 2023

A Xunta de Galicia e o Concello do Páramo dan o primeiro paso para que a localidade poida dotarse dunha residencia e dun centro de día para persoas maiores, podendo asumir o Goberno galego o financiamento da redacción do proxecto. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo a semana pasada unha reunión co alcalde deste municipio lucense, José Luis López, na que abordaron esta cuestión.

 

A proposta do Concello pasa pola construción dunha edificación de tres plantas nunha parcela de titularidade municipal coñecida como finca Casa Amelia. A planta baixa destinaríase a centro de día, a primeira sería enteiramente para usos residenciais e a segunda estaría dividida entre zona de dormitorios, servizos e terraza exterior. O novo equipamento contaría con 41 prazas de residencia e entre 20 e 25 de atención diúrna.

 

A conselleira destacou o impulso que nos últimos anos está a dar o Goberno galego aos servizos de proximidade para que as persoas maiores poidan ter as atencións que necesitan ao carón dos seus fogares. Un exemplo disto é o programa de Coidados porta a porta, que leva atención gratuíta en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria a todos os concellos de Galicia. Unha unidade móbil deste programa volverá ao Páramo o vindeiro mes de agosto, na que será a terceira parada neste concello.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/04/2023