O conselleiro do Medio Rural participou no acto de presentación da Fundación Agricolae Mundi, no Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla)

A Xunta pon en valor a aposta do Goberno galego por un rural vivo, competitivo e innovador

Así o puxo de manifesto José González, que recordou diversas liñas de axudas e medidas lexislativas en prol deste cometido

Neste senso, lembrou as achegas destinadas á incorporación de persoas mozas ao agro, á execución de plans de mellora e á creación de pequenas explotacións, así como a Lei de recuperación da terra agrarias e as concentracións parcelarias

Láncara (Lugo), 1 de abril de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou hoxe na presentación da Fundación Agricolae Mundi, co gallo da incorporación do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnico Agrícolas da provincia de Lugo. Na súa intervención, o conselleiro puxo en valor a aposta do Goberno galego por un rural vivo, competitivo e innovador.

 

Neste senso, lembrou as liñas de axudas destinadas á incorporación de persoas mozas ao agro, á execución de plans de mellora e á creación de pequenas explotacións. Unhas achegas dunha gran repercusión , pois logran aumentar a competitividade e o rendemento global das explotacións agropecuarias mediante a súa modernización, ao tempo que aseguran a continuidade do tecido agrario, asegurou. Precisamente, estas axudas permitiron a incorporación de 353 mozos ao agro galego o ano pasado.

 

Así mesmo, José González tamén destacou a Lei de recuperación da terra agraria, unha norma que amosa o seu éxito na práctica, xa que, en pouco menos de dous anos de vixencia, xa está a mobilizar arredor de 10.000 hectáreas en toda a comunidade. Unha lei que vén completar a potencialidade das concentracións parcelarias, que indicou que dende o 2021 xa levan decretadas 28 en total.

 

Por outra banda, o conselleiro do Medio Rural puxo de relevo o labor que desenvolve a Fundación Agricolae Mundi, que leva a cabo un exercicio real de solidariedade transmitindo coñecemento e formación -tanto sos como en cooperación con outras entidades- enfocado a xentes e territorios que precisen de apoio e desenvolvemento en calquera lugar do mundo.

 

O acto foi no Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla), ao que o conselleiro se referiu como unha verdadeira ventá ao patrimonio arqueolóxico-industrial agrario de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/04/2023