A Xunta aproba o proxecto de Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia para completar o seu autogoberno sobre a costa e reforzar a seguridade xurídica

Rueda destaca que o Goberno autonómico aposta por unha regulación “adaptada á realidade galega” e unha ordenación do litoral “realista, razoable e eficaz”

Subliña que o obxectivo é acadar o “pleno equilibrio” entre a protección da natureza e a continuidade da actividade socioeconómica que se desenvolve de forma sostible nesta parte do territorio

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asegura que se busca o “máximo consenso” para unha lei que aspira a converter este mesmo ano a Galicia na primeira comunidade en regular o seu litoral en toda a súa extensión

A Xunta culmina así a tramitación da futura norma, impulsada en setembro do ano pasado e cuxa elaboración contou cunha ampla participación pública e coas achegas dalgúns dos expertos máis cualificados en materia de litoral

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe o proxecto de Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, unha norma impulsada en setembro do ano 2022 co fin de que a comunidade acade o autogoberno pleno sobre a franxa costeira e garantir o equilibro entre a preservación dos valores, paisaxes e ecosistemas desta zona e a realidade socioeconómica que caracteriza a esta parte do territorio.

Rueda lembrou que Galicia “é a comunidade con máis quilómetros de costa”, o que fai que teña un “modelo produtivo moi ligado ao mar”. Por iso, subliñou que a Xunta aposta por unha regulación de costas “adaptada á realidade galega” e unha ordenación do litoral “realista, razoable e eficaz”.

Nesta liña, o presidente resaltou que o obxectivo principal é “acadar o pleno equilibrio entre a protección da natureza e a actividade socioeconómica que leva moito tempo arraigada ao noso litoral e que pode seguir medrando dun modo sostible”.

O Goberno galego culmina deste xeito a súa tramitación da futura normativa, que nos últimos meses se someteu ao procedemento de información pública e audiencia cunha ampla participación por parte dos distintos axentes e colectivos vencellados ao litoral, ademais de recibir numerosas achegas no marco das consultas realizadas a algúns dos expertos máis cualificados nesta materia a nivel galego, nacional e europeo.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou que baixo o amparo das súas competencias, a Xunta leva décadas regulando o seu litoral e desenvolvendo instrumentos de ordenación do territorio cunha incidencia directa e notable sobre a franxa costeira. O obxectivo agora é dar un paso máis e abordar a regulación do litoral e dos usos que se desenvolven nel de forma integrada e por parte de quen mellor o coñece. “Con esta lei avanzamos para acadar o pleno autogoberno na xestión da costa”, indicou Vázquez, quen subliñou que a normativa ten dous obxectivos fundamentais: “regular a franxa litoral e dar seguridade xurídica ás instalacións presentes nesta zona”.

Con este fin, o proxecto lexislativo aborda a xestión das actividades humanas no litoral para garantir un aproveitamento sostible dos seus recursos e o bo estado dos ecosistemas costeiros desde unha tripla perspectiva: ambiental, social e económica.

Zonificación con tres áreas diferenciadas

Entre as principais novidades e tendo en conta que na costa galega conflúen espazos moi diferentes, como praias, zonas naturais protexidas ou solos urbanizados, o texto fai unha zonificación con tres áreas diferenciadas, segundo a seu estado de conservación, fixando para cada unha delas unha serie de obxectivos e usos distintos e específicos.

A área de protección ambiental (APA) correspóndese cunha extensa zona que conserva características naturais e valores singulares que deben ser especialmente protexidos de calquera proceso. A ela pertencen os espazos naturais protexidos e os espazos mariños do litoral, ademais daqueles bens do dominio público marítimo-terrestre (DPMT) que conforman a ribeira do mar e das rías, polo que a prioridade será preservar a paisaxe e os ecosistemas, poñer en valor os elementos patrimoniais existentes, promover a súa adaptación ao cambio climático e preservalos de desenvolvementos urbanísticos.

A chamada área de mellora ambiental e paisaxística (AMA) refírese a zonas que sen chegar a reunir as condicións antes sinaladas, conservan valores naturais e se manteñen maioritariamente nun bo estado de conservación polo que requiren accións de protección, recuperación e renaturalización. Nesta área estarían, por exemplo, os terreos de solo rústico de protección de costas comprendidos na zona de servidume e na zona periférica de protección dos espazos naturais protexidos ou o resto do solo rústico, con edificacións vinculadas a usos e explotacións de carácter tradicional.

En canto á terceira zona, a área de reordenación (ARA), abrangue aqueles espazos litorais urbanizados e que se viron transformados pola acción humana nos que a prioridade será a súa humanización e renovación a través, por exemplo, de intervencións ordenadas que incidan na mellora dos espazos públicos, das zonas verdes e dos equipamentos dotacionais, da rehabilitación de edificios en desuso, ou doutro tipo de accións que dinamicen económica e socialmente o litoral. Nesta área estarían os terreos de dominio público portuario e a zona de servidume de protección de 20 metros.

Concreción de usos e actuacións estratéxicas

Con respecto aos usos e ás posibilidades de asentamento permitidos no litoral, a lei regula como actividades permisibles, no caso do dominio público, os establecementos da cadea mar-industria; as actividades que presten servizos vinculados á interacción porto–cidade; as dotacións públicas esenciais para o abastecemento e o saneamento e depuración das augas residuais; as infraestruturas enerxéticas de electricidade e gas que subministren ás actividades situadas no DPMT; as instalacións de xeración eléctrica que teñan que ocupar o mar e as súas instalacións complementarias; as actividades e instalacións de servizo público que, pola configuración física do tramo de costa en que resulte necesario o seu emprazamento, non poidan situarse nos terreos lindeiros.

En canto á zona de servidume de costas e co fin de evitar problemas de interpretación xa detectados, tamén se concretan as obras permitidas nestes terreos por non poder ter outra localización ou porque prestan servizos necesarios ao dominio público.

En todo caso, a principal novidade que introduce o proxecto neste sentido consiste na identificación dos usos particulares que poñen en valor e mesmo representan unha fonte de riqueza e cohesión social para a costa galega co fin de que se poidan desenvolver de forma sostible, respectuosa coa contorna e con seguridade xurídica.

En concreto, na lei defínense como usos estratéxicos os establecementos da cadea mar-industria; a creación ou ampliación de sendas litorais; a creación dunha rede de establecementos de turismo litoral para manter, recuperar ou mellorar inmobles preexistentes de especial valor histórico ou arquitectónico; a dignificación do patrimonio cultural litoral; os proxectos para a sostibilidade económica e social do sector marítimo-pesqueiro; ou as dotacións públicas esenciais para o saneamento de augas.

Demanda de plenas competencias

Con esta lei, Galicia tamén dá un paso adiante para asumir, canto antes e como xa fixeron outras comunidades, as competencias plenas e efectivas que lle atribúe o seu Estatuto de Autonomía sobre a xestión do dominio público marítimo-terrestre.

Neste sentido, cómpre subliñar que a concesión dos títulos para a ocupación e uso do DPMT é unha das funcións executivas que ten legalmente atribuída Galicia. Por iso, o proxecto normativo sinala que o outorgamento das autorizacións nesta franxa da costa corresponderá á consellería competente en materia de ordenación do litoral no momento en que o Estado faga efectivo o traspaso a Galicia dos medios persoais e materiais necesarios para poder exercer esta competencia.

Deste xeito, a Xunta adiántase a este fito ao regular un procedemento simplificado no que se integrarán todos os títulos necesarios para levar a cabo unha actividade sobre o dominio público co fin de facilitar a súa tramitación. Esta regulación, en todo caso, só poderá entrar en vigor cando se materialice o referido traspaso á Comunidade.

Así mesmo, a lei regula un sistema de planificación coherente e integrado das actividades no litoral para garantir a sostibilidade. Entre outros instrumentos, prevé a elaboración dunha Estratexia de economía azul, das Directrices de ordenación do litoral ou de plans especiais de rías e de praias.

Un proceso moi participado

O proceso de elaboración da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia estivo aberto desde o principio á participación de todos os axentes, administracións e colectivos, tanto públicos como privados, con intereses e implicación directa na costa co fin de buscar un texto de consenso e moi participado. Deste xeito e partindo das consideracións e achegas recibidas na fase de consulta pública previa, redactouse o anteproxecto da lei e, o 15 de decembro, o Consello autorizou o inicio da súa tramitación, sometendo o texto a información pública e audiencia durante un mes.

De forma paralela, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda —promotora da lei— e a Consellería do Mar mantiveron tamén unha ducia de reunións con diferentes entidades e colectivos ligados ao litoral para presentarlles os puntos clave da futura regulación e recompilar as súas posibles achegas ao documento. Nestes encontros contouse, tamén, coa participación e o apoio do Observatorio do Litoral de Galicia, que colaborou directamente na redacción do anteproxecto lexislativo.

Entre os expertos aos que se lles presentou o texto e os seus principios reitores hai que mencionar ao profesor francés Michel Prieur, un dos maiores especialistas europeos en dereito medioambiental e redactor do Protocolo internacional relativo á xestión integrada das zonas costeiras do Mediterráneo.

Neste sentido, cómpre subliñar tamén a xornada Cara a unha xestión integrada do litoral: a hora de Galicia, que reuniu o 10 de marzo na Coruña a preto de 250 persoas e contou coa participación dalgúns dos maiores expertos na materia de todo o país, como Juan José González, ex presidente do Tribunal Constitucional, ou Ángel Menéndez, catedrático de Dereito Administrativo e un dos pais da Lei de costas de 1988. Entre as principais conclusións destacou a evolución da doutrina do Constitucional sobre as competencias autonómicas no litoral e a importancia da xestión integrada da costa.

De feito, un dos cambios máis relevantes foi a incorporación ao propio nome da lei do concepto de xestión integrada da franxa costeira, un dos piares básicos da norma e que se basea na necesidade de tomar en consideración non só a protección física da costa senón a do conxunto de actividades e accións que se desenvolven na mesma, contando para elo coa participación dos distintos axentes e administracións públicas afectadas.

Neste sentido, cómpre precisar que o enfoque integrado en materia costeira é o predominante a nivel comunitario, tal e como se recolle nas recomendacións do Parlamento Europeo e do Consello sobre a aplicación da xestión integrada das zonas costeiras de Europa, na Carta europea do litoral e no Protocolo internacional relativo á xestión integrada das zonas costeiras do Mediterráneo, asinado polo Estado español.

Durante toda a tramitación da lei quedou de manifesto o consenso xeralizado sobre a necesidade de dotar a Galicia dunha normativa propia nesta materia e a existencia dunha valoración maioritariamente positiva da mesma.

Grazas ás alegacións e suxestións recibidas, tanto na fase de información pública como no marco das reunións sectoriais que se mantiveron ao longo dos últimos meses —84 achegas en total—, introducíronse modificacións de maior ou menor calado e melloras no arredor do 60% do articulado.

Tras ser ratificado, esta mañá, polo Consello da Xunta, o proxecto lexislativo remitirase a comezos de maio ao Parlamento para sometelo ao seu debate e consideración. “Buscamos o máximo consenso porque esta é unha lei de todos e para todos”, indicou a conselleira, quen subliñou que o Goberno galego aspira a que Galicia se poida converter este mesmo ano na primeira comunidade en regular o seu litoral en toda a súa extensión.

 
 


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/04/2023