O presidente da Xunta reuniuse en Ferrol coas xuntas directivas de Aclunaga e Cluergal e representantes de Iberdrola e Windar

Rueda traslada ao sector que a Xunta poñerá en marcha axudas para impulsar a fabricación de compoñentes para enerxías renovables

Salienta o potencial inmenso de Galicia na eólica mariña, enxalza o papel de Ferrol para liderala e garante ao sector que terá un “apoio decidido, absoluto e claro” do Goberno galego

Enmarca as axudas na planificación que fai a Xunta para un aproveitamento das enerxías renovables ordenado, sustentable e respectuoso cos recursos naturais e pesqueiros

Ferrol, 18 de maio de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladou hoxe ao sector que o Goberno galego porá en marcha nos próximos meses unha liña de axudas, por importe de 4 millóns de euros, para impulsar a instalación en Galicia de plantas de fabricación de compoñentes de enerxías renovables e almacenamento enerxético, e precisou que será a primeira de ata unha decena de liñas de apoio a este sector.

O titular do Executivo galego transmitiullo na reunión que mantivo, esta mañá, en Ferrol coas xuntas directivas dos clústeres do naval e das enerxías renovables, Aclunaga e Cluergal, respectivamente, e con representantes de Iberdrola e Windar, que se produce despois de que o pasado mes de abril o consorcio Navantia-Windar chegase a un acordo con Iberdrola para pechar o maior contrato ata a data con Navantia para a fabricación de monopiles,un tipo de cimentación para as instalacións de eólica mariña, que vai xerar unha cantidade importante de emprego.

Rueda considerou que este acordo sitúa a Ferrol, en particular, e a Galicia, en xeral, nunha situación moi competitiva a nivel español e europeo. “Esta alianza gañadora colócanos nunha situación absolutamente pioneira e unha referencia para moitísimos encargos de moitísimos lugares de Europa”, afirmou.

O presidente galego dixo que a nosa terra e toda a industria e tecido empresarial que se move arredor das enerxías renovables “ten agora mesmo moito presente pero vai ter moitísimo futuro, especialmente aquí, nesta comarca de Ferrolterra”, e garantiu o apoio “absoluto, decidido e claro” da Xunta de Galicia.

Rueda enmarcou estas liñas de axudas dentro da planificación que está a facer o Goberno galego para un aproveitamento das enerxías renovables dun xeito ordenado, sustentable e respectuoso cos recursos naturais e pesqueiros, tal e como indicou que testemuñan a futura Lei de xestión dos recursos naturais, que promoverá que retornen a Galicia beneficios sociais e económicos dos proxectos que se poñan en marcha; ou o diálogo co sector industrial e pesqueiro a través do Observatorio da eólica mariña.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/05/2023