Amplíase en case 3 M€ os fondos do Bono alugueiro social, que contará cun orzamento de 18,6 M€ ata 2026 para axudar a colectivos vulnerables

Salienta que grazas a este incremento se estima que poderán acceder á prestación ao redor de 300 persoas, a maiores das que se beneficiaron dela ata o momento

Esta axuda vai dirixida a afectadospor demandas de desafiuzamento ou de execución hipotecaria, vítimas de violencia de xénero ou de trata, persoas en situación de emerxencia social ou mozos que estaban tutelados pola Xunta, entre outros

A prestación concédese por un período inicial de 12 meses consecutivos pero é susceptible de ampliarse coas correspondentes prórrogas ata un máximo de 5 anos

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2023 O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe a decisión do Consello da Xunta de Galicia de ampliar en 2,86 millóns de euros os fondos destinados ao chamado Bono de alugueiro social, unha axuda de carácter prestacional que garante a cobertura da renda da vivenda habitual a colectivos e familias que, por diversos motivos, se ven afectados por unha situación de vulnerabilidade. Con esta ampliación beneficiaranse, segundo estimou, unhas 300 persoas, a maiores das que se beneficiaron dela ata momento.

Coa ampliación autorizada, a actual convocatoria do bono —publicada en xullo do ano pasado e con prazo aberto— contará cun orzamento global de algo máis de 18,6 millóns de euros ata o ano 2026, de xeito que se poderá chegar a un maior número de beneficiarios.

Rueda salientou que esta medida amosa o firme compromiso da Xunta en facilitar o acceso ou o mantemento dun fogar a colectivos desfavorecidos, especificamente a afectados por unha demanda de desafiuzamento ou un procedemento de execución hipotecaria, vítimas de violencia de xénero e mulleres que sofren trata con fins de explotación sexual, fillos menores de 30 anos de vítimas mortais por violencia de xénero, persoas privadas da súa vivenda por causas sobrevidas e imprevistas ou que se atopen en situación de emerxencia social, e mozos tutelados pola Xunta unha vez que acadan a maioría de idade, entre outros.

Rueda indicou que, co fin de paliar este tipo de situacións de vulnerabilidade, as persoas beneficiarias teñen dereito a unha prestación que, desde o ano 2020, equivale ao 100 % da renda que figure no seu contrato de alugueiro, sempre e cando esta non supere a contía límite establecida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para cada área xeográfica.

Deste xeito, destacou que nas 7 grandes cidades, o importe que asume a Xunta a través do bono é de, como máximo, 550 euros ao mes; nos concellos de tamaño medio e localizados en contornas urbanas, está fixado en 500 euros; e no resto de municipios, o límite acada os 425 euros.

En todo caso, estas contías increméntanse nun 20 % cando a unidade de convivencia do beneficiario necesite dispoñer dunha vivenda adaptada ou estea integrada por 5 ou máis membros, polo que nestes supostos o importe da axuda poderá chegar ata os 660, 600 ou 510 euros, respectivamente e segundo a zona.

Para acceder a estes incentivos, os solicitantes deben acreditar que os ingresos ponderados da unidade de convivencia son inferiores a 1,5 veces o IPREM —entre 12.600 euros anuais en 14 pagas para unidades familiares de 1 membro e 21.000 euros anuais para unidades familiares de 5 ou máis membros—. Esta contía vese incrementada en función do número de membros da familia e doutras circunstancias particulares que ponderan para o límite de ingresos.

Ademais, Rueda puxo en valor o feito de que  os perceptores desta prestación tamén poden recibir unha axuda complementaria de ata 600 euros destinada a pagar os gastos asociados á constitución dun novo contrato de alugamento —fianza, alta de subministracións, etc.— ou ben, no caso de que permanezan na vivenda obxecto de desafiuzamento, a atender as cantidades pendentes de pagamento que motivaron o inicio do procedemento.

O Bono de alugueiro social concédese por un período de 12 meses consecutivos, aínda que poden solicitarse 4 prórrogas. Deste xeito, os beneficiarios teñen dereito a percibir esta axuda que lles garante a cobertura total do seu alugueiro por un máximo de 5 anos.

Convocatoria aberta ata esgotar o crédito

O ano pasado, a convocatoria do Bono de alugueiro social fíxose no marco do Plan para o acceso á vivenda 2022-2025, un conxunto de medidas e axudas en materia residencial con cofinanciamento autonómico e estatal.

Ademais, a prestación convocouse de forma continuada e permanente ata o ano 2026 ou ata esgotar o crédito, polo que na propia convocatoria se prevía a posibilidade de que o orzamento inicial fose ampliado. Por iso e ante a existencia de remanentes e novos fondos dispoñibles tras prorrogarse ata o ano 2024 o Pacto de Estado contra a violencia de xénero —no marco do cal se financia o alugueiro das vítimas de violencia de xénero—, a resolución aprobada hoxe polo Consello da Xunta de Galicia permite sumar aos 15,8 millóns de euros dispoñibles para a actual convocatoria outros 2,86 millóns de euros adicionais cos que se reforzarán as anualidades 2023 e 2024.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2023