Os concellos galegos dispoñen ata o 24 de maio para solicitar a celebración de obradoiros para persoas mozas nas anualidades 2023 e 2024

A Xunta destinará 6,4M€ no período para a celebración destas actividades por parte das entidades locais, soas ou agrupadas

Nestes obradoiros, as persoas desempregadas participantes combinan emprego e formación e reciben un salario durante os 12 meses de duración

O Goberno galego impulsará proxectos relacionados coas tecnoloxías da información e a economía dixital
 

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén aberto ata o próximo 24 de maio o prazo da nova convocatoria de programas de emprego para mozas e mozos desempregados incluídos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Dotada cun orzamento de 6,4 millóns de euros, diríxese ás entidades locais para que desenvolvan as accións.

A convocatoria destínase, así, a concellos de Galicia, mancomunidades e a entidades públicas dependentes ou vinculadas a estes, como promotores destes obradoiros que se orientan a persoas desempregados con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. No marco da mesma prevese a celebración duns 15 ou 16 obradoiros de ámbito municipal para unhas 243 persoas en 2023 e 2024.

Os obradoiros xuvenís buscan mellorar a empregabilidade das persoas participantes para facilitar a súa inserción no mercado laboral. Combinan, deste xeito, a formación coa realización dun traballo remunerado durante un período de 12 meses.   

Entre os criterios que a Xunta terá en conta na valoración das solicitudes, atenderase a que o proxecto conteña actividades relacionadas co fomento das TIC e a economía dixital, que as entidades promotoras ostenten a condición de Concello Emprendedor ou presenten o proxecto mediante asociación de concellos, resultantes de fusión.

As axudas enmárcanse no Programa Operativo FSE+ Galicia 2021-2027 e permitirán que as persoas beneficiarias reciban formación con certificado de profesionalidade.

Estes programas, ademais de mellorar as oportunidades das persoas mozas, permiten a  realización de actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social.

Estes obradoiros xuvenís, que a Xunta de Galicia convoca por oitavo ano consecutivo, suporán un investimento global de 6.458.334 euros en dous anos: 3.229.167 millóns para 2023 e a mesma contía para 2024. 

Data de actualización: 20/05/2023