O presidente da Xunta asinou hoxe un acordo co Consello da Avogacía Galega

Galicia contará con máis medidas de protección aos propietarios de inmobles afectados pola ocupación ilegal

Rueda indica que se vai elaborar unha guía informativa actualizada e detallada, en base ás novas medidas establecidas pola próxima Lei de vivenda, co obxectivo de darlles garantías ante as incertezas da nova norma estatal

Garante que a Administración tamén asiste en materia de vivenda a colectivos máis vulnerables con medidas como o Bono alugueiro social

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou máis medidas de protección por parte do Goberno galego para os propietarios de inmobles afectados pola ocupación ilegal. O mandatario autonómico participou hoxe na sinatura dun convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e o Consello da Avogacía Galega para elaborar unha guía informativa sobre os dereitos e obrigas das persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas ocupadas ilegalmente.

Rueda defendeu esta medida xa que considerou que o dereito a desfrutar plenamente dunha vivenda en propiedade é “fundamental” e debe ser protexido e salvagardado pola Administración, a mesma asistencia que asegurou que se presta cando unha persoa é vítima dun desafiuzamento “e a nosa obriga é asistila nun momento tan complicado”, equiparou, ao tempo que puxo como exemplo concreto de medidas para estes casos o Bono alugueiro social dirixido a colectivos máis vulnerables, e do que destacou o incremento do seu orzamento.
 
O mandatario galego avanzou que a guía estará dispoñible no prazo dun mes. Nela explicarase de forma sinxela os trámites administrativos e xurídicos que deben seguir aquelas persoas afectadas pola ocupación dun inmoble. Tal e como incidiu o presidente autonómico, o obxectivo é dar garantías aos propietarios ante as incertezas que xera a nova Lei de vivenda do Goberno central.

Asesoramento telefónico gratuíto tamén para afectados por desafiuzamento

Ademais, a Xunta e o Colexio da Avogacía Galega manterán o servizo de asesoramento telefónico e gratuíto en materia de vivenda para os afectados por un desafiuzamento, unha execución hipotecaria ou a ocupación dun inmoble. O servizo –que funciona a través de número 900 121 221 de luns a sábado pola mañá- garante dar resposta a todas as consultas nun prazo de 48 horas.

“Trátase de traballar para solucionar os problemas da vivenda, tamén os dereitos daqueles con vivenda lexitimamente en propiedade e que ilexitimamente son privados dela”, apuntou o presidente, quen insistiu en que este é un dereito que debe ser “defendido e exercido”.  

Neste senso, criticou que a nova norma estatal sobre esta materia “vai exactamente polo senso contrario” ao deixar máis desprotexidos os propietarios fronte ao problema da ocupación, sobre todo nun momento en que os datos apuntan a un incremento do número de vivendas ocupadas en Galicia que ascenderían a un milleiro desde 2015.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2023