A directora xeral de Innovación Educativa subliña o papel da biblioteca escolar do Instituto 12 de Outubro, de Ourense, a prol da excelencia académica

Judith Fernández e Gabriel Alén visitan o centro, que desde hai máis dunha década forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia

Ourense, 26 de maio de 2023

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaron esta mañá a biblioteca do Instituto 12 de Outubro, en Ourense, onde destacou o traballo que o centro está a desenvolver neste espazo a prol da calidade, a excelencia e a innovación.

Deste xeito puideron coñecer de primeira man a implicación do conxunto da comunidade educativa nas distintas actividades levadas a cabo no marco do seu espazo de lectura.

Non en balde, desde hai máis dunha década, este instituto forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia, ao abeiro do cal recibe partidas específicas para renovación do seu equipamento e mobiliario, así como para a ampliación e actualización dos recursos didácticos cos que conta. E tamén, desde o curso 2013-14, participa no programa Clubs de Lectura impulsado pola Consellería nos centros escolares para implicar nesta tarefa tanto a docentes como alumnos e familias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/05/2023