ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA

Sistema de notificacións electrónicas de Galicia Notifica.gal

O sistema de notificacións electrónicas de Galicia Notifica.gal é o servizo que permite a cidadáns, empresas e administracións públicas recibir, de forma áxil e sinxela, as notificacións electrónicas enviadas pola Xunta de Galicia ou por calquera outra administración pública galega adherida a este sistema.

Con este servizo, calquera cidadán pode solicitar, de forma voluntaria, que se lle remitan de forma electrónica as notificacións administrativas a través:

  • Do portal Notifica.gal
  • Do formulario co que inicia un procedemento administrativo
  • En calquera momento posterior, tanto a través do portal como da "Carpeta do cidadán" da sede electrónica da Xunta (modelo "Modificación dos datos de notificación")

A Xunta de Galicia remitirá as notificacións de resolucións e actos administrativos preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando a persoa interesada resulte obrigada a recibilas por esta vía. 

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (artigo 14.2) e a Lei 4/2019, de administración dixital de Galicia (artigo 10) establecen a obrigatoriedade de recibir todas as notificacións por vía exclusivamente electrónica para determinados colectivos. Isto aplica a:

  • Persoas xurídicas
  • Entidades sen personalidade xurídica
  • Profesionais colexiados/as
  • Empregados/as das administracións públicas (no exercicio das súas funcións)
  • Traballadores/as autónomos/as (no exercicio da súa actividade profesional)
  • Estudantes universitarios/as (no exercicio da súa condición académica)
  • Persoas que representen a algunha das anteriormente indicadas

Como funciona Notifica.gal?

As notificacións realizaranse por medios electrónicos cando así o soliciten os cidadáns e, en todo caso, cando as persoas destinatarias resulten obrigadas.

No caso de que se solicite recibir as notificacións por vía electrónica (ou no caso de pertencer a un colectivo obrigado) e cando transcorresen 10 días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se accedese ao seu contido, a notificación entenderase como rexeitada.

Se se elixe a vía postal as notificacións tamén estarán dispoñibles en Notifica.gal por se desexa acceder a elas de forma electrónica. Neste caso non terá ningunha consecuencia o feito de non ter accedido a esas notificacións vía electrónica.

Notifica.gal remitirá ás persoas destinatarias os avisos da posta a disposición das notificacións, mediante un correo electrónico e/ou SMS dirixido á conta e/ou número de móbil que consta na solicitude realizada.

Como acceder a Notifica.gal?

Para utilizar os servizos de Notifica.gal pode acceder ao portal https://notifica.xunta.gal

Deberá dispoñer dun usuario e clave no servizo Chave365 ou dun certificado de persoa física ou xurídica asociado ao NIF da persoa destinataria e comprobar que o seu navegador e sistema operativo cumpren con estes requirimentos técnicos.

O portal vaille permitir:

  • Acceder ás notificacións enviadas pola Xunta de Galicia ou por calquera das administracións públicas galegas adheridas a Notifica.gal
  • Modificar o medio de notificación (postal ou electrónico) elixido para cada procedemento.
  • Autorizar a outra persoa a acceder no seu nome ás notificacións.
  • Actualizar os seus datos persoais (correo electrónico, teléfono...), que son os que utiliza a plataforma para enviarlle avisos, recordatorios...
  • Darse de baixa (no caso de que non pertenza a un dos colectivos obrigados a recibir notificacións electrónicas).

Como acceder ás notificacións?

Para poder acceder a unha notificación electrónica, deberá contar cun usuario e clave no servizo Chave365 ou cun certificado electrónico de persoa física ou de persoa xurídica asociado ao NIF da persoa destinataria.

Lembre que a través do portal de Notifica.gal tamén pode autorizar a outra persoa a acceder ao contido das súas notificacións.