SÍMBOLOS DE GALICIA

O escudo

Escudo de Galicia

O escudo de Galicia presenta, sobre un campo azul, un cáliz de ouro cunha hostia de prata e sete cruces recortadas do mesmo metal.

O primeiro escudo que representou as armas do Reino de Galicia recóllese nun armorial do século XV, onde simplemente aparecía o símbolo eucarístico cun copón, que a finais do XVI se converte nun cáliz cunha hostia enriba; logo rodeouse de seis cruces que acabaron sendo sete para identificarse coas sete cidades do antigo reino.

Foi en 1972 cando a Real Academia Galega adoptou en sesión plenaria o modelo definitivo deste símbolo que hoxe é considerado oficial.

Segundo o teor da lei 5/1984, do 5 de maio, de símbolos de Galicia, o escudo de Galicia trae, en campo de azur, un cáliz de ouro sumado dunha hostia de prata, e acompañado de sete cruces recortadas do mesmo metal, tres a cada lado e unha no centro do xefe.

O timbre, coroa real, cerrada, que é un círculo de ouro, engastado de pedras preciosas, composto de oito floróns de follas de acanto, visibles cinco, interpoladas de pérolas, e das súas follas saen cadansúas diademas sumadas de pérolas que converxen nun mundo de azur, co semimeridiano e o ecuador de ouro, sumado de cruz de ouro. A coroa, forrada de gules, ou vermello.