Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 18 de abril de 1995 Páx. 2.881

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 4 de abril de 1995 pola que se establece a denominación da biblioteca pública da Coruña.

As bibliotecas públicas teñen un papel fundamental na educación, na formación cultural e da sensibilidade, e na oferta dunha alternativa de san ocio ós cidadáns galegos. Son institucións vitais nunha sociedade moderna e culta, e contan cada unha delas cunha historia e cunhas circunstancias de nacemento e desenvolvemento que as fan distintas unhas doutras e que lles outorgan carácter diferenciado. Este carácter que os anos lles van outorgando, e que fan de cada biblioteca un mundo diferente, un ser distinto con personalidade propia, configúrao, de forma esencial, o guía e responsable dese desenvolvemento vital: o bibliotecario.

A Biblioteca Pública da Coruña tivo a enorme fortuna de contar moitos anos coa dirección de Miguel González Garcés, bibliotecario exemplar e notable escritor, que soubo impregna-lo centro coa amplitude de miras intelectual e co profundo espírito humanista tan intimamente gravados no seu propio ser. González Garcés creou na cidade da Coruña un punto obrigado de refencia para os amantes da cultura e para os amantes da liberdade, coa paciente creación na biblioteca dunha colección bibliográfica de coidada selección, e co continuo labor organizador de actos culturais á fronte da Asociación Cultural Iberoamericana. Foi home polifacético: escritor, profesor, crítico, historiador, poeta. Pero foi sobre todo un galego modelo, como intelectual e como persoa. A súa figura acolledora, sempre aberta a quen pedía o seu consello, afable entusiasta, e enormemente culta quedará empresa unida á imaxe da biblioteca herculina, e será, por moitos anos, un modelo inspirador para os seus sucesores.

Calquera homenaxe sería reducido en comparación coa enorme contribución realizada por Miguel González Garcés á nosa cultura, pero con toda probabilidade que, de escoller algunha, poucas lle agradarían tanto como a de conserva-lo recordo do seu nome na biblioteca que foi parte fundamental da súa vida. Agora que, despois de tanto tempo, a biblioteca coruñesa vai poder contar cun novo e amplo edificio, e cunhas novas instalacións nas que asenta-los seus fondos, é o momento máis oportuno para cumprir esta débeda de agradecemento con quen tanto fixo para que este centro puidera converterse na magnífica realidade que é hoxe en día. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único.-A Biblioteca Pública da Coruña, sita na rúa Miguel González Garcés, da citada cidade, pasará a chamarse Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da

súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 1995.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

Sr. Director Xeral de Cultura