Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Martes, 11 de xullo de 1995 Páx. 5.547

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 202/1995, do 16 de xuño, polo que se crea o Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais.

Os Colexios de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo solicitaron a través da Intercolexial Galega de Enxeñeiros Técnicos Industriais, a creación dun Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, de ámbito autonómico, e que terá por obxecto basicamente agrupar e coordina-los distintos colexios integrados e asumi-la súa representación en cuestións de interese común profesional ante os poderes públicos autonómicos.

Para os efectos da súa constitución aportáronse por parte dos catro colexios oficiais existentes as actas das respectivas Xuntas Xerais Extraordinarias a través das que se acredita a vontade de constituí-lo Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais e se aproban os estatutos que rexerán o dito consello.

A creación do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais afecta directamente á Comunidade Autónoma de Galicia, que ten recoñecidas competencias exclusivas na materia de colexios profesionais, conforme o artigo 27.29º do Estatuto de autonomía, tal e como recoñece o Consello de Estado no seu dictame do 26 de novembro de 1992.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase a creación do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, que terá a súa sede no colexio que exerza a presidencia, co ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º

Igualmente, apróbanse os estatutos do referido consello que figuran como anexo a este decreto.

Disposición adicional

O disposto nos títulos quinto e sexto dos anteditos estatutos e, en xeral, a materia de posibles recursos, rexerase polo previsto na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, aplicarase o disposto nesta lei no relativo ó réxime xurídico dos órganos colexiados, sen prexuízo das peculiaridades organizativas do estatuto de seu.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

Estatuto do Consello Galego de enxeñeiros técnicos industriais

Xaneiro 1994

Título primeiro

Disposicións xerais

Capítulo primeiro

Constitución, natureza, persoalidade xurídica e enderezo

Artigo 1º

Constitúese o Consello dos Enxeñeiros Técnicos Industriais de Galicia, integrado polos colexios oficiais de enxeñeiros técnicos industriais e de peritos industriais da Coruña, coas súas delegacións territoriais de Santiago de Compostela, de Ferrol e das Pontes de García Rodríguez; Lugo, Ourense e Vigo, que no correspondente acordo estiveron representados polos decanos respectivos.

Artigo 2º

2.1. O Consello Galego dos Enxeñeiros Técnicos Industriais e os colexios que o integran son corporacións de dereito público recoñecidas e amparadas pola Constitución española, o Estatuto de autonomía de Galicia e a Lei de colexios profesionais.

No seu respectivo ámbito de actuación, cada unha delas é autónoma e ten, separada e individualmente, personalidade xurídica e plena capacidade de obrar para cumpri-los seus fins, podendo, a título oneroso ou lucrativo, transferir, vender, gravar, posuír e reivindicar toda clase de bens e dereitos e, en xeral, ser titulares de todo tipo de dereitos, exercer ou soportar calquera acción, reclamación ou recurso en tódalas vías e xurisdiccións, incluída a constitucional.

2.2. A representación legal do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, tanto en xuízo como fóra del, recaerá no seu presidente, quen se encontra lexitimado para outorgar poderes, xerais ou especiais, a procuradores, letrados ou calquera clase de mandatarios, logo de acordo do Pleno do devandito Consello.

2.3. O Consello Galego dos Enxeñeiros Técnicos Industriais terá un emblema, para o que se determinará a forma.

Artigo 3º

O consello terá a súa sede no colexio que ostente a presidencia.

Capítulo segundo

Finalidades e funcións

Artigo 4º

O consello terá por finalidade agrupar e coordina-los colexios integrados nel, e asumi-la súa representación nas cuestións de interese común diante da Xunta de Galicia e, en xeral, diante de calquera organismo, institución ou persoa, física ou xurídica, en que sexa necesario para o cumprimento dos seus fins, sen prexuízo da autonomía e competencia de cada colexio.

Artigo 5º

No ámbito territorial da súa competencia, terá as seguintes funcións:

5.1. As atribuídas ó Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Industriais de España, en canto teñan ámbito ou repercusión só no territorio da Comunidade Autónoma e cantas outras lle foran encomendadas en virtude de disposicións xerais ou

especiais, sempre que non interfiran na autonomía e competencias propias de cada colexio.

5.2. Aprobar e modifica-lo seu propio estatuto.

5.3. Formar e mante-lo censo dos enxeñeiros técnicos industriais incorporados nos colexios oficiais de enxeñeiros técnicos industriais de Galicia.

5.4. Fomentar, crear e organizar institucións, servicios e actividades, con relación á profesión de enxeñeiro técnico industrial, que teñan como obxecto a formación e perfeccionamento profesional, a promoción cultural, a asistencia social e sanitaria, a previsión, a cooperación e o mutualismo, o fomento da ocupación e outras actividades convenientes.

Establecer para tales fins os concertos ou acordos máis oportunos coa Administración e coas institucións ou entidades que correspondan.

5.5. Convocar e celebrar congresos, xornadas, simposios e actos similares vencellados coa enxeñería técnica industrial e co exercicio da profesión de enxeñeiro técnico industrial na Comunidade Autónoma. Así mesmo, terá a función, compartida neste caso con todos ou con calquera dos colexios, de convocar ou patrocinar outros actos científicos ou culturais.

5.6. Editar libros e traballos de carácter técnico-científico sobre enxeñería para Galicia e publica-las normas e disposicións de interese para os enxeñeiros técnicos industriais de Galicia.

5.7. A colaboración cos poderes públicos na realización e pleno desenvolvemento dos dereitos da persoa e das institucións dentro do seu propio territorio, e na máis eficiente, xusta e equitativa protección, regulación e garantía dos dereitos e liberdades da persoa.

5.8. Defende-los dereitos dos colexios oficiais de enxeñeiros técnicos industriais, como os dos seus colexiados, ante os organismos autonómicos galegos cando sexa requirido polo colexio respectivo ou así estea legalmente establecido.

5.9. O exercicio e xestión daquelas competencias públicas da Xunta de Galicia que lle sexan delegadas ou reciba dela e das facultades que puideren ser delegadas nel pola lexislación xeral do Estado ou por acordo de calquera outra Administración pública competente.

5.10. Designar representantes da enxeñería técnica industrial para participar, cando así estea establecido, nos consellos ou organismos consultivos da Administración pública no ámbito de Galicia.

5.11. Coñecer e resolve-los recursos que poidan interporse contra os acordos dos colexios oficiais de enxeñeiros técnicos industriais de Galicia.

Así mesmo, coñecer e resolve-los recursos de reposición que se interpoñan contra os acordos ou resolucións do propio consello, non suxeitos ó dereito administrativo.

5.12. Levar un rexistro de sancións que afecten ós enxeñeiros técnicos industriais dos colexios galegos.

5.13. Aproba-lo seu propio orzamento de ingresos e de gastos, e contas do mesmo.

5.14. Fixar equitativamente a cooperación dos colexios para os gastos do consello, por aportacións fixas, eventuais ou aportacións extraordinarias.

5.15. Establece-los ingresos propios que puidera ter por dereitos e retribucións como consecuencia dos servicios e actividades que preste.

5.16. Realizar, no tocante ó patrimonio propio do consello, toda clase de actos de administración, disposición e gravame.

5.17. Aprobar normas de honorarios profesionais aplicables por tódolos colexios de Galicia.

5.18. Emitir dictames e informes, sobre todo os que reclamen a Xunta de Galicia ou o Parlamento de Galicia, verbo de proxectos ou anteproxectos de disposicións de carácter xeral que afecten ó exercicio da enxeñería técnica industrial, á súa organización corporativa ou ó exercicio das profesións tituladas en xeral.

5.19. Adoptar acordos xerais en materia de deontoloxía profesional, sen prexuízo da normativa recollida e aprobada polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Industriais de España.

5.20. Calquera outra función similar ás contidas nos apartados anteriores non expresamente determinadas neles, así como aquelas que lle sexan transferidas ou delegadas polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Industriais de España.

Título segundo

Organización do consello

Capítulo primeiro

Órganos de goberno

Artigo 6º

6.1. Os órganos de goberno serán: Xunta Executiva, ponencias de traballo e Pleno do Consello.

6.2. A Xunta Executiva estará formada polos decanos dos colexios galegos integrados mais un vocal representante de cada colexio, exercendo a presidencia o decano que corresponda.

O vocal representante do colexio que exerza a presidencia do consello terá as funcións de secretario.

A Xunta Executiva considerarase constituída cando asistan máis da metade dos seus compoñentes, presidida polo decano que exerza a presidencia do consello. Reunirase, polo menos, unha vez cada tres meses.

Artigo 7º

7.1. As ponencias de traballo estarán formadas polo voceiro de cada ponencia e por dous representantes de cada colexio; de xeito excepcional poderán asistir, con voz e sen voto, expertos designados polo presidente do consello.

Consideraranse constituídas as ponencias cando asistan os ponentes de cada colexio ou persoas expresamente delegadas.

Estarán presididas polo voceiro ponente correspondente, designado pola Xunta Executiva, e as súas xuntanzas terán lugar, como mínimo, unha vez por semestre.

Artigo 8º

8.1. O Pleno do Consello estará formado polos plenos das xuntas de goberno dos colexios. O Pleno constituirase cando asista máis da metade dos seus integrantes.

Presidirao o decano presidente do consello, como mínimo, no último trimestre de cada ano.

A presidencia da Xunta Executiva e do Pleno do Consello, así como a xestión e administración do Consello, levarana os colexios en quenda rotativa, por períodos bianuais, na seguinte orde: A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.

8.2. Os acordos tomaranse por maioría absoluta, nas sesións dos órganos de goberno.

Os votos serán persoais.

8.3. As convocatorias faranse con sete días de anticipación, xuntando a correspondente orde do día.

Con carácter excepcional a convocatoria poderase realizar polo procedemento máis rápido e sempre cun mínimo de 24 horas.

8.4. De tódalas reunións cumprirá levanta-la correspondente acta.

8.5. As sesións celebraranse normalmente no colexio que exerza a presidencia ou por razóns especiais na localidade que se acorde.

Artigo 9º

No caso de cesamento dalgún dos representantes dos colexios nos diferentes órganos de goberno do consello, sucederán a estes outros correspondentes ó mesmo colexio.

As posibles substitucións manteranse polo tempo que lle restase ó colexio ó que estaban vinculados os cesantes.

Título segundo

Dos cargos do consello

Capítulo primeiro

Do presidente e vicepresidente

Artigo 10º

Correspóndelle ó presidente:

10.1. Ostenta-la representación máxima do consello, estándolle asignado o exercicio de cantos dereitos e funcións lle atribúan o presente estatuto e sexan necesarios para as relacións cos poderes públicos, entidades, corporacións e persoas xurídicas ou naturais de calquera orde, sempre que se trate de materias

de carácter xeral para a profesión dentro do ámbito do consello.

10.2. Exerce-las accións que correspondan na defensa de tódolos colexios integrados no Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais e dos seus colexiados, ante os tribunais de xustiza e autoridades de toda clase, cando se trate de normas, programas ou resolucións de índole xeral para tódolos colexios de Galicia, sen prexuízo da autonomía e competencias que correspondan a cada colexio.

10.3. Convocar, fixa-la orde do día e presidir tódalas reunións do Pleno do Consello. Ordena-las deliberacións e abrir, suspender ou levanta-las sesións.

10.4. Presidir e dirixi-las deliberacións, abrir, suspender e cerra-las sesións dos congresos, xornadas e simposios que organice o Consello.

10.5. Visa-los documentos e certificacións que expida o secretario.

10.6. Dirimir con voto de calidade os empates que puidesen resultar das votacións.

Artigo 11º

O vicepresidente substituirá o presidente no caso de ausencia, doenza ou vacante.

Desempeñará, ademais, todas aquelas funcións que lle confira ou delegue o presidente.

Para avalia-la orde substitutoria na vicepresidencia, tomarase en conta o establecido ó respecto no artigo 8º.1 3 parágrafo.

Capítulo segundo

Do secretario

Artigo 12º

Correspóndelle ó secretario:

12.1. Redactar e autoriza-las actas das sesións do consello. Dar conta das inmediatas anteriores para a súa aprobación, se fose o caso. Informar, se procede, sobre os asuntos que en tales reunións deban tratarse e lle encomende o presidente.

12.2. Executa-los acordos do consello, así como as resolucións que, conforme co estatuto, dicte a presidencia.

12.3. Informar ó consello e ós seus membros, con facultade de iniciativa, en todos cantos asuntos sexan de competencia do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais.

12.4. Realizar todas aquelas actividades tendentes a acada-los fins sinalados nos apartados anteriores.

12.5. Auxiliar na súa misión ó presidente e promover cantas iniciativas de orde técnico-profesional e corporativa cumpra adoptar.

12.6. Leva-los libros de actas necesarios, redactar e autoriza-las certificacións que procedan, así como as comunicacións e circulares que foran autorizadas polo consello ou polo seu presidente.

12.7. Forma-lo censo de colexiados de Galicia inscritos en cada colexio, levando un ficheiro-rexisto dos datos que procedan.

12.8. Leva-lo rexistro de sancións, anotando en cada expediente as circunstancias do artigo 24º.4. deste estatuto.

12.9. Redacta-la memoria anual das actividades e proxectos do consello.

12.10. Exerce-la alta dirección dos servicios que poida crea-lo consello e calquera outro que lle encomende o mesmo consello.

12.11. Asumi-la xefatura do persoal administrativo e das dependencias do consello. Solicita-los informes precisos segundo a natureza dos asuntos que se resolvan, sen que estes informes sexan vinculantes para o secretario.

12.2. Propor e xestionar cantos asuntos sexan conducentes á boa marcha administrativa.

Artigo 13º

Correspóndenlle tamén ó secretario as seguintes funcións de tesourería:

13.1. Expedir, co visto e prace do presidente, os libramentos para os pagamentos que vaian verificarse, e subscribi-los mandamentos de pagamento necesarios para o movemento das contas abertas a nome do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais.

13.2. Leva-los libros necesarios para o rexistro dos ingresos e gastos que afecten á caixa do consello e, en xeral, ó seu movemento patrimonial.

13.3. Cobrar tódalas cantidades que por calquera concepto deban ingresarse nas contas do consello, autorizando coa súa sinatura os recibos correspondentes, e dar conta ó presidente e ó Pleno do consello da situación da tesourería e do desenvolvemento das previsións do orzamento.

13.4. Propor e xestionar cantos asuntos sexan conducentes á boa marcha contable e de investimento dos fondos do onsello.

13.5. Formula-la memoria económica anual coas contas xerais de tesourería.

13.6. Elabora-lo proxecto anual de orzamento.

13.7. Subscribi-lo balance que da contabilidade se deduza, efectuando os arqueos que correspondan de xeito regular e periódico.

Artigo 14º

No caso de ausencia, doenza ou vacante do secretario, asumirán as súas funcións os vicesecretarios na mesma orde substitutoria sinalada para os vicepresidentes, no artigo 11º.

Artigo 15º

Do secretario técnico e administrativo.

Poderanse crear secretarías técnicas, os membros das cales serán designados polo consello.

En todo caso, os servicios dos diferentes colexios integrados no consello constituirán órganos de apoio a este.

Por acordo do Pleno poderase habilita-lo secretario técnico ou algún oficial do consello para face-los libramentos de que trata o artigo 13º 1, dentro dun límite económico prefixado.

Título cuarto

Do réxime económico

Artigo 16º

A economía do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais é independente da dos respectivos colexios oficiais de enxeñeiros técnicos industriais integrados nel e cada colexio será autónomo na xestión e administración dos seus bens, aínda que contribuirán no orzamento do consello no xeito de seguido sinalado.

Artigo 17º

Para cubri-los gastos do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, este disporá dos seguintes recursos:

17.1. Das cotas que establezan os colexios oficiais de enxeñeiros técnicos industriais de Galicia, que serán fixadas cada ano, en proporción cos ingresos estatutarios percibidos por cada colexio no exercicio anterior.

17.2. Da participación que lle corresponda na cota que os colexios oficiais de enxeñeiros técnicos industriais aporten ó Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Industriais de España, e outros ingresos deste.

17.3. O importe dos dereitos económicos polos documentos e certificados que expida.

17.4. As subvencións oficiais e particulares, doazóns e legados que o consello poida recibir.

17.5. As derramas extraordinarias que o consello poida determinar por circunstancias excepcionais.

17.6. Os dereitos por prestación de servicios e actividades que o consello realice.

17.7. Outros ingresos que o consello poida recibir con motivo das súas actividades.

Artigo 18º

O consello cerrará o exercicio autonómico cada fin de ano natural e formulará o proxecto de orzamento para o ano seguinte e un balance xeral e a liquidación do orzamento do ano anterior, someténdoos a estudio e aprobación do Pleno.

Título quinto

Xurisdicción disciplinar

Artigo 19º

O Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais é competente para o exercicio da función disciplinar en vía administrativa.

19.1. En primeira instancia, cando a persoa afectada sexa membro da Xunta de Goberno de calquera dos colexios de Galicia.

19.2. En segunda e derradeira instancia administrativa, na resolución dos recursos ordinarios interpostos contra os acordos dos colexios.

Artigo 20º

Nos expedientes disciplinarios que o consello instrúa en primeira instancia, daráselles audiencia ós afectados por aqueles, concedéndolles vista das actuacións con obxecto de que poidan formula-las alegacións de defensa e propo-las probas que consideren oportunas.

Contra das resolucións do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais nesta materia caberá recurso ordinario ante o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Industrais de España.

Título sexto

Dos recursos

Artigo 21º

21.1. Contra os actos, resolucións e acordos dos colexios oficiais de enxeñeiros técnicos Industriais suxeitos ó dereito administrativo, os colexiados afectos e demais persoas lexitimadas poderán interpor recurso ordinario diante do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, dentro do prazo de un mes, contado a partir do día seguinte ó da notificación.

21.2. Este recurso, que deberá ser razoado e fundamentado, presentarase no proprio colexio, o cal, no prazo de dez días, o elevará ó consello, xuntamente co expediente relativo ó acto ou acordo impugnado e, de consideralo conveniente, xunto cun informe sobre o recurso elaborado pola Xunta de Goberno.

21.3. O consello terá que resolve-lo recurso ordinario no prazo de tres meses contados desde a súa presentación. Transcorrido o devandito prazo sen se notificar acordo sobre o recurso, considerarase desestimado por silencio administrativo, salvo que o recurso fose imposto sobre a desestimación presunta dunha solicitude por transcurso do prazo, caso no que se entenderá estimado o recurso se, chegado o seu prazo de resolución, o órgano competente non dictase resolución expresa sobre del. O acordo do consello, expreso ou presunto, esgotará a vía administrativa e contra el poderase interpor recurso contencioso-administrativo.

Artigo 22º

Contra os actos, resolucións e acordos do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais suxeitos ó dereito administrativo, os colexios que formen parte del, e calquera outro interesado, poderá interpor recurso de revisión nos prazos e supostos previstos no capítulo II do título VII da Lei de réxime xurídico das

administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O consello deberá resolve-lo recurso no prazo de tres meses contados desde a súa presentación e, transcorrido o devandito prazo sen se notifica-la resolución expresa, considerarase aquel desestimado por silencio administrativo.

Contra o acordo do consello, expreso ou denegatorio por silencio, poderase interpor recurso contencioso-administrativo.

Título sétimo

Relacións coa Xunta de Galicia e con os colexios

Artigo 23º

O consello terá que lle comunicar á consellería competente en colexios profesionais da Xunta de Galicia:

23.1. O texto do seu estatuto e as súas modificacións, para que, logo de cualificación da súa legalidade, sexan inscritos e publicados no DOG.

23.2. As persoas que integran o consello con indicación dos cargos que ocupan.

Artigo 24º

Os colexios oficiais de enxeñeiros técnicos industriais de Galicia terán que lle notificar á secretaría do consello:

24.1. Os seus respectivos estatutos e modificacións.

24.2. Os nomes dos compoñentes das súas xuntas de goberno.

24.3. A relación de colexiados ata o 30 de novembro de cada ano e as altas e baixas que se produzan, coa indicación da causa destas últimas, con obxecto de poder leva-lo correspondente censo de enxeñeiros técnicos industriais de Galicia.

24.4. As sancións disciplinarias que impoñan; a firmeza das resolucións sancionadoras; os recursos e acordos de suspensións; os acordos resolutorios daqueles; o inicio da execución; o incumprimento e a cancelación.

Disposicións adicionais

Primeira.-Correspóndelle ó Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais a regulamentación, desenvolvemento e interpretación deste estatuto e velar polo seu cumprimento.

Segunda.-Con carácter supletorio serán de aplicación os estatutos do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Industriais de España, en todos aqueles aspectos que non estean previstos neste estatuto e a vixente lexislación ó respecto.

4738