Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Mércores, 08 de novembro de 1995 Páx. 8.203

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 4 de outubro de 1995 pola que se regulan as actividades de estudio alternativas ó ensino da relixión, establecidas polo Decreto 235/1995, do 20 de xullo, para as ensinanzas de réxime xeral na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 235/1995, do 20 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 10 de agosto), que regula o ensino da relixión nas ensinanzas de réxime xeral na Comunidade Autónoma de Galicia, establece que para os alumnos e alumnas que non opten polas ensinanzas de relixión se ofertará, en horario simultáneo a estas ensinanzas, unha serie de actividades orientadas á análise e á reflexión respecto de contidos que non estean incluídos nos distintos currículos e que se refiran a diferentes aspectos da vida social e cultural. No segundo ciclo da educación secundaria obrigatoria e no primeiro curso de bacharelato, estas actividades versarán sobre aspectos culturais relacionados coas relixións. Igualmente, establece que as actividades de estudio alternativas ás ensinanzas de relixión non serán obxecto de avaliación e non quedará constancia delas no expediente académico dos alumnos.

A presente orde regula o carácter das ensinanzas alternativas para aqueles alumnos que non opten por cursar ensinanza relixiosa. Ditas ensinanzas alternativas terán o carácter de complementarias e versarán sobre contidos que non estean incluídos no currículo.

En consecuencia, en cumprimento do establecido na disposición derradeira primeira do Decreto 235/1995, do 20 de xullo, no que se autoriza o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para

que dicte as disposicións que sexan precisas para a aplicación do disposto no devandito decreto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Os centros educativos organizarán actividades de estudio alternativas con carácter de ensinanzas complementarias para os alumnos que non optaran por seguir ensinanza relixiosa.

2. As actividades de estudio alternativas ó ensino da relixión teñen como finalidade facilita-lo coñecemento e apreciación de determinados aspectos da vida social e cultural, na súa dimensión histórica e actual, a través do achegamento, da análise e do comentario de diferentes manifestacións literarias, plásticas e musicais.

3. No segundo ciclo da educación infantil, na educación primaria e no primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria estas actividades consistirán na realización, por parte dos alumnos e das alumnas e baixo a supervisión e dirección dun profesor, de tarefas prácticas axeitadas á idade dos alumnos e das alumnas en torno ós aspectos sinalados no apartado anterior.

4. No segundo ciclo da educación secundaria obrigatoria e no primeiro curso de bacharelato, as actividades de estudio alternativas consistirán na realización por parte dos alumnos de tarefas prácticas dirixidas por un profesor. Estas actividades versarán sobre as manifestacións escritas, plásticas e musicais das diferentes confesións relixiosas, que permitan coñece-los feitos, personaxes e símbolos máis relevantes, así como a súa influencia nas concepcións filosóficas e na cultura das distintas épocas.

5. En tódalas etapas, estas actividades deberán atender ás preferencias e intereses dos alumnos e das alumnas, implicalos no desenvolvemento das mesmas e promover un clima de cooperación, solidariedade e tolerancia.

6. As actividades de estudio alternativas non serán obxecto de avaliación e non terán constancia no expediente académico dos alumnos.

Artigo 2º

1. As actividades de estudio alternativas, relacionadas no anexo á presente orde, que se propoñen con carácter orientativo, poderán ser de dous tipos:

a) Cultura relixiosa.

b) Outras ensinanzas ou actividades complementarias.

No segundo ciclo da educación infantil, na educación primaria e no primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria, os alumnos e alumnas que non optaran pola ensinanza relixiosa poderán realizar actividades de estudio complementarias dos dous tipos establecidos na presente orde.

No segundo ciclo da educación secundaria obrigatoria e no primeiro curso de bacharelato, os alumnos e alumnas que non optaran pola ensinanza relixiosa deberán desenvolver exclusivamente actividades de cultura relixiosa.

A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros difundirá materiais de apoio destinados ós alumnos das diferentes etapas, que sirvan de orientación ós centros para elabora-los seus propios proxectos neste eido.

2. Os equipos de ciclo en educación infantil e en educación primaria e os departamentos didácticos en educación secundaria obrigatoria e bacharelato elaborarán propostas de actividades de estudio de acordo co establecido na presente orde. Estas propostas deberán constar no proxecto curricular de centro.

3. Cada actividade poderá ter unha duración igual ou inferior a un curso académico. No segundo caso, os alumnos realizarán distintas actividades ó longo do curso, de acordo coa duración delas.

Artigo 3º

1. Nos centros de educación infantil, educación primaria e nos institutos de educación secundaria a dirección das actividades de estudio alternativas correrá a cargo dos mestres e profesores de secundaria que de forma voluntaria poidan realizalas en función da súa dispoñibilidade horaria, da súa especialidade e da natureza das actividades.

2. De non haber profesorado voluntario, o director do centro asignaralles esta tarefa ós mestres ou profesores de secundaria en función da súa dispoñibilidade horaria, da especialidade e da natureza das actividades.

Artigo 4º

1. Ó final de cada curso, e co fin de que quede constancia de que os alumnos realizaron as actividades alternativas propostas, os profesores encargados entregaranlle ó xefe de estudios do centro unha relación dos alumnos que participaron nas actividades correspondentes.

2. A petición dos interesados, os centros poderán expedir unha acreditación que especifique as actividades de estudio alternativas que realizaron. Para estes efectos considerarase que os alumnos realizaron a actividade se asistiron a ela e participaron nas tarefas correspondentes.

Artigo 5º

Os Centros de Formación Continuada do Profesorado incluirán na súa programación anual actividades de formación do profesorado relacionadas coas actividades de estudio alternativas obxecto desta orde.

Disposición derradeira

Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros para dicta-las normas que sexan precisas para a execución do establecido na presente orde.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Sr. Director Xeral de Ordenación Educativa e Centros

ANEXO

ACTIVIDADES ALTERNATIVAS Ó ENSINO DE RELIXIÓN

I. Cultura relixiosa.

Con carácter obrigatorio para os alumnos e alumnas do segundo ciclo da educación secundaria obrigatoria e do primeiro curso de bacharelato.

As actividades relacionadas co feito relixioso pretenden lograr que os alumnos, gradualmente e en función da súa idade e da etapa na que se atopen, poidan discerni-los principais elementos de procedencia relixiosa nas súas diferentes manifestacións plásticas, literarias e musicais e concrecións históricas, así como que os interpreten en relación cos seus axentes ou actores, a súa finalidade e os seus significados simbólicos.

A comprensión das relacións entre os elementos de procedencia relixiosa con outros fenómenos importantes, tanto naturais coma sociais, axudará á valoración crítica da súa aportación á construcción do patrimonio da humanidade e á constitución da identidade sociocultural galega.

Estas actividades fomentarán a tolerancia e a aceptación da diferencia que debe permiti-la convivencia democrática ante o pluralismo relixioso, incluídos o laicismo irrelixioso, agnóstico ou indiferente.

Son exemplos de temas que se poden desenvolver:

-O sagrado na natureza: o sol, a lúa, as pedras, a auga, os animais...

-Os axentes ou actores: santos, curandeiros, sacerdotes, ermitáns, peregrinos...

-Os símbolos: colores e números, días da semana, vestidos, animais, obxectos, fenómenos, partes do corpo...

-O tempo: ano litúrxico, festas, romarías...

-A comunidade: a familia, a igrexa, a secta...

-Os espacios sagrados: cidades santas, templos, santuarios...

-O culto: ritos, cerimonias...

-Mitos, tradicións e lendas.

II. Outras ensinanzas ou actividades de estudio complementarias.

No segundo ciclo da educación infantil, na educación primaria e no primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria, ademais das actividades sinaladas no apartado anterior convenientemente adaptadas, os alumnos e as alumnas, trala realización de estudios previos desenvolvidos no contexto da aula, poderán participar en actividades con repercusión directa na vida do centro, tales como as que se relacionan a continuación:

-Actividades de biblioteca. As actividades relacionadas con este ámbito poderán incluí-la organización dunha hemeroteca, etiquetaxe e rexistro de documen

tos, busca e selección de material bibliográfico cun fin determinado ou exposición de fondos en relación cun tema concreto.

-Construcción e reparación de obxectos. Estas actividades estarán encamiñadas á reconstrucción e reparación de obxectos de distinto tipo. Dentro destas estarían incluídas: pequenos traballos de carpintería e marquetería, reparación de libros, xoguetes, arranxos de roupa de bonecos, dalgunha prenda dos alumnos ou da que poida haber no centro para as dramatizacións.

-Coñecemento do seu contorno e doutros obxecto de visitas. O que se pretende con estas actividades é familiariza-los alumnos e alumnas coa zona na que se atopa o centro e con aqueloutras que sexan obxecto dalgunha visita. Poderanse incluír actividades como a elaboración de guías ou folletos sobre distintos aspectos da localidade ou da comarca propia ou visitada (turismo, monumentos, artesanía, actividades productivas, etc); actividades de elaboración de planos comentados de rutas alternativas. Os traballos resultantes poderán pasar a formar parte da biblioteca do centro.

-Exposicións. Estas actividades terán como finalidade segui-los pasos da organización dunha exposición: motivo dela, difusión, lugar e acondicionamento, recompilación dos obxectos...Estas actividades poden ser simuladas ou ben os alumnos e alumnas poden realizar unha exposición real no centro.

-Taller de reciclaxe. Preténdese con este taller que os alumnos e alumnas se informen de como é o proceso de reciclaxe, que materiais deben seleccionar, como é a súa recollida e como se poden transformar para ser utilizados de novo. Así mesmo, se as características do centro o permiten, poderanse realizar tarefas de reciclaxe.

-Taller de medio ambiente. Con este taller os alumnos e as alumnas poderán achegarse a experiencias relacionadas coa semente, coidado e recolleita das plantas. Pódese incluí-lo deseño e conservación de xardíns para contribuír á mellora da estética ambiental.

95-07226