Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Venres, 14 de xuño de 1996 Páx. 5.865

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 233/1996, do 24 de maio, polo que se crea o Centro de Innovación e Servicios Tecnolóxico da Madeira.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, crea o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) como un ente de dereito público, con personalidade xurídica e patrimonio propios, adscribíndoo á Consellería de Economía e Facenda e concibíndoo como un instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para impulsa-lo desenvolvemento competitivo do sistema productivo galego.

Entre as funcións do Igape, previstas no artigo 4 da dita norma, están as de favorece-la modernización e innovación tecnolóxica e organizativa das empresas galegas, en particular das pequenas e medianas, e as de fomenta-lo desenvolvemento da relación científica e tecnolóxica entre os centros universitarios, técnicos e de investigación e as empresas productivas, todo isto en aplicación das políticas xerais da Xunta de Galicia.

Pola súa parte, o Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento do Igape, desenvolve, en aplicación da habilitación da

Lei 5/1992, os seus aspectos organizativos, correspondéndolles entre outras, ó seu Consello de Dirección, ó decidir sobre tódalas cuestións relacionadas coa organización, e ó presidente do Igape, a proposta de adopción das disposicións regulamentarias necesarias para a organización e funcionamento do dito instituto.

Dado ese marco legal e as habilitacións que contén e vista tamén a demanda empresarial existente no sector industrial da madeira para a prestación de determinados servicios de asesoramento, desenvolvemento tecnolóxico e investigación, verificación e ensaios en apoio da normalización, entre outros, parece oportuno abordar con criterios de eficacia e eficiencia a creación dun Centro de Innovación e Servicios Tecnolóxico da Madeira como unha unidade dependente do Igape.

Como criterio de eficacia, deberá terse moi en conta a formulación de obxectivos concretos que non só sexan alcanzables nunha secuencia temporal coñecida senón que, sobre todo, resolvan problemas do empresario existentes na actualidade. De aí a necesidade de que sexa o empresario industrial da madeira, a través dos mecanismos de participación que se establezan, o que en estreito contacto co Igape os concrete, no marco dos obxectivos da política da Xunta de Galicia.

Como criterio de eficiencia, entenderase que os obxectivos anteriores non só deberán alcanzarse segundo o previsto senón facelo ó mínimo custo posible. Esta segunda condición esixe, á súa vez, dous requisitos. En primeiro lugar, a paulatina implicación do empresariado no sostemento do centro asumindo en todo ou en parte o custo dos servicios que reciba. En segundo lugar, este mesmo criterio de eficiencia obriga, non só en beneficio da calidade do servicio, senón do mellor aproveitamento dos recursos materiais e humanos existentes en Galicia, a establecer redes de colaboración e de cooperación institucional entre centros universitarios e outros dedicados á investigación básica e aplicada no ámbito forestal e industrial.

Desde esta perspectiva, o centro concíbese non só como un instrumento de coordinación senón tamén como un instituto de investigación aplicada.

De acordo con todo o anterior, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vintecatro de maio de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Capítulo I

Natureza, finalidade, funcións

Artigo 1º

De acordo co previsto na Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Igape, e no Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o seu regulamento, créase, dentro da estructura do Igape, o

Centro de Innovación e Servicios Tecnolóxico da Madeira, que se instalará no Parque Tecnolóxico de Ourense.

Artigo 2º

O centro configúrase como unha unidade do Igape e rexerase polas normas xerais referidas no anterior artigo e polas particulares deste decreto.

Artigo 3º

O centro terá como finalidade contribuír a eleva-la competitividade do sector industrial galego relacionado coa madeira de acordo coas directrices forestais, tecnolóxicas e medioambientais fixadas pola Xunta de Galicia.

Artigo 4º

Serán funcións do centro:

a) O asesoramento ás empresas industriais da madeira dentro das oportunidades de mercado existentes, dentro e fóra de Galicia.

b) O desenvolvemento tecnolóxico, investigación e enxeñería para a creación de novos productos e procesos, así como os ensaios técnicos, tanto de materias primas como de materiais, en desenvolvemento e aplicación dos plans xerais e específicos da Xunta de Galicia, do Estado e da Unión Europea, en cooperación e coordinación con outros centros.

c) A verificación e ensaios para a homologación e normalización.

d) A formación humana en materias relacionadas coas anteriores funcións.

e) A elaboración de informes, estudios, publicacións, documentación técnica e bases de datos relacionadas coas súas funcións.

f) En xeral, o desenvolvemento de calquera outra actividade que faga progresa-la tecnoloxía, a calidade e a competitividade do sector.

Capítulo II

Organización

Artigo 5º

Os órganos do centro serán o Consello Asesor e o director do centro, que dependerán do director xeral do Igape.

Artigo 6º

Correspóndelle ó Consello Asesor orienta-la actuación do centro para o cumprimento dos seus obxectivos, decidir sobre tódalas cuestións estratéxicas contidas no programa trianual de actuacións e difundir entre o empresariado as informacións precisas para a mellor utilización do centro. Así mesmo, aprobará a memoria anual de actividades.

O Consello Asesor reunirase, como mínimo, dúas veces ó ano e poderá delegar no director do centro calquera función específica.

Será presidente do Consello Asesor o director xeral do Igape ou a persoa en quen delegue.

Poderán formar parte do Consello Asesor, ademais do director xeral do Igape e o do centro, que actuará de secretario, representantes das universidades de Galicia, dos empresarios, do Parque Tecnolóxico de Galicia, S.A., da Xunta de Galicia e doutros centros de recoñecido prestixio tanto españois como estranxeiros.

Artigo 7º

Correspóndelle ó director do centro executa-lo programa anual de actividades e elabora-la a memoria correspondente. Así mesmo elaborará o programa trianual, que se elevará ó Consello Asesor do centro para a súa aprobación.

Disposición adicional

O centro deberá constituírse no prazo de dous meses desde a entrada en vigor do presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para que dicte as disposicións precisas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación completa no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de maio de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

4530