Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Xoves, 28 de novembro de 1996 Páx. 10.721

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de outubro de 1996 pola que se regulan as condicións e o procedemento para flexibiliza-la duración do período de escolarización obrigatoria dos alumnos con necesidades educativas especiais asociadas a condicións persoais de sobredotación intelectual.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, determina que a educación primaria e a educación secundaria obrigatoria constitúen o ensino básico que comprenderá dez anos de duración, iniciándose ós seis anos e rematándose ós dezaseis. Así mesmo, o artigo 3.5º establece que estas ensinanzas se adecuarán ás características dos alumnos e das alumnas con necesidades educativas especiais.

Deste xeito, a devandita lei establece no seu artigo 36 os principios de normalización e integración escolar para atende-lo alumnado con necesidades educativas especiais, e dispón que a identificación e valoración destas necesidades as realicen equipos integrados por profesionais cualificados.

Igualmente, no seu artigo 37 determínase, entre outras condicións, que os centros deberán contar coa debida organización escolar e realiza-las adaptacións curriculares necesarias, así como que a atención ós alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais deberá iniciarse desde o momento da súa detección, e que a Administración educativa regulará e favorecerá a participación das familias nas decisións que afecten a escolarización destes alumnos.

O artigo 1 do Decreto 320/1996, do 26 de xullo, de ordenación da educación de alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais na Comunidade Autónoma de Galicia, inclúe entre as necesidades educativas especiais as asociadas a condicións de sobredotación. Do mesmo xeito, o seu artigo 3.4º determina que a identificación daqueles alumnos que deban seguir apoios e medios complementarios efectuarase por parte dos servicios da Administración educativa.

Ó mesmo tempo, o artigo 4 do devandito decreto establece a posibilidade de que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria modifique a duración da escolarización obrigatoria dos alumnos con necesidades educativas especiais, quedando ademais especificado na disposición adicional primeira que a Administración educativa deberá establece-las condicións e o procedemento para flexibilizar, con carácter excepcional, o período de escolarización obrigatoria dos alumnos con sobredotación.

A Orde do 6 de outubro de 1995, pola que se regulan as adaptacións do currículo nas ensinanzas de réxime xeral, especifica no seu artigo 5 que as

adaptacións curriculares suporán a modificación de todos ou dalgún dos elementos prescritivos do currículo para atende-las necesidades educativas especiais dun alumno ou alumna motivadas tanto por unha determinada dificultade persoal como polas súas capacidades excepcionais. Así mesmo, no seu artigo 6 establece que as adaptacións estarán tamén dirixidas a aqueles alumnos e alumnas que, por posuír calidades excepcionais, non poden segui-lo proceso ordinario de ensino aprendizaxe sen medidas de modificación esencial do currículo de referencia.

Por outra banda, a Orde do 24 de abril de 1996 (Boletín Oficial del Estado do 3 de maio), pola que se regulan as condicións e o procedemento para flexibilizar, con carácter excepcional, a duración do período de escolarización obrigatoria dos alumnos con necesidades educativas especiais asociadas a condicións persoais de sobredotación intelectual, posúe carácter de norma básica, tal e como se sinala na súa disposición derradeira primeira, en virtude da competencia estatal para regula-las condicións de obtención, expedición e homologación de títulos académicos e profesionais válidos en todo o territorio español.

Polo tanto, en resposta á nova ordenación da educación dos alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais asociadas a condicións persoais de sobredotación intelectual, cómpre establecer unha normativa que concrete as condicións e o procedemento para flexibiliza-lo período de escolarización destes alumnos.

Así, a presente orde establece os criterios de flexibilización do período de escolarización e determina as características dos informes psicopedagóxicos e o procedemento de solicitude e de acreditación administrativa no correspondente expediente académico, así como as medidas de carácter curricular que han posibilitar, dentro do contexto escolar ordinario, o máximo desenvolvemento das potencialidades dos alumnos e alumnas sobredotados intelectualmente.

Por todo o exposto, e en virtude da disposición derradeira do Decreto 320/1996 e da disposición derradeira segunda da orde do 24 de abril de 1996, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN

Primeiro.-Obxecto.

O obxecto desta orde é regula-las condicións e o procedemento para flexibilizar, con carácter excepcional, a duración do período de escolarización obrigatoria dos alumnos con necesidades educativas especiais asociadas a condicións persoais de sobredotación intelectual, así como adecua-la súa avaliación psicopedagóxica e determina-lo sistema de rexistro das medidas curriculares excepcionais adoptadas con estes alumnos.

Segundo.-Ámbito de aplicación.

A presente orde será de aplicación en tódolos centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan as ensinanzas de réxime xeral.

Terceiro.-Criterios xerais.

1. Considérase flexibilización do período de escolarización tanto a anticipación do inicio da escolarización obrigatoria como a reducción da duración dun ciclo educativo do ensino básico.

2. A reducción do período de escolarización obrigatoria será dun máximo de dous anos. Esta reducción máxima non se poderá aplicar durante a mesma etapa educativa.

3. O inicio da escolarización obrigatoria poderá anticiparse un ano, nas condicións que se establecen na presente orde.

4. A sobredotación intelectual dun alumno ou alumna deberá ser acreditada mediante a avaliación psicopedagóxica correspondente. Nela deberase prever que a medida de flexibilización do período de escolarización é adecuada para o desenvolvemento do equilibrio persoal e da socialización do alumno ou alumna.

5. A decisión de reduci-lo período de escolarización obrigatoria irá acompañada das pertinentes medidas curriculares que fagan posible que a flexibilización do período escolar non se limite a un simple adianto de curso.

6. Cando, a resultas da avaliación psicopedagóxica, se prevexa a posibilidade de flexibiliza-lo período de escolarización obrigatoria dun alumno, manterase informados ós seus pais ou titores legais, que deberán da-la súa conformidade por escrito. Do mesmo xeito, informarase tamén ó propio alumno.

7. Os alumnos con necesidades educativas especiais asociadas a condicións de sobredotación intelectual serán escolarizados en centros ordinarios.

8. As adaptacións curriculares que se realicen para estes alumnos promoverán o desenvolvemento pleno e equilibrado das capacidades establecidas nos obxectivos xerais da educación obrigatoria.

9. Tanto a decisión de reduci-lo período de escolarización obrigatoria como as medidas curriculares que a acompañen estarán suxeitas a un proceso continuado de avaliación, podendo anularse tal decisión cando o alumno non alcance os obxectivos propostos. Do mesmo xeito, esta anulación terá tamén carácter reversible.

Cuarto.-Criterios específicos.

1. Poderá anticiparse un ano a escolarización no primeiro curso de educación primaria cando na avaliación psicopedagóxica, unha vez acreditada a sobredotación intelectual do alumno, se prevexa que a dita medida é a máis axeitada para o desenvolvemento do seu equilibrio persoal e da súa socialización, e que globalmente ten adquiridos os obxectivos de educación infantil.

2. Poderá reducirse un ano a escolarización en educación primaria cando na avaliación psicopedagóxica que acredite a sobredotación intelectual do alumno se prevexa que a dita medida é a máis axeitada para o desenvolvemento do seu equilibrio persoal e da súa socialización, e que globalmente ten adquiridos os obxectivos do ciclo que lle corresponde cursar. Non poderán acollerse a este apartado aqueles alumnos que xa anticiparan o inicio da súa escolarización obrigatoria.

3. Poderá reducirse un ano a escolarización na educación secundaria obrigatoria cando na avaliación psicopedagóxica que acredite a sobredotación intelectual do alumno se prevexa que a dita medida é a máis axeitada para o desenvolvemento do seu equilibrio persoal e da súa inserción social, e que globalmente ten adquiridos os obxectivos do ciclo ou curso que lle corresponde cursar.

Quinto.-A avaliación psicopedagóxica.

1. Para que un alumno poida acollerse ás medidas de atención a que se refire a presente orde terase en conta a avaliación psicopedagóxica realizada polos equipos psicopedagóxicos de apoio do sector dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. En todo caso, estes deberán solicitar información do equipo docente que atende ou atendeu o alumno ou alumna en cuestión.

2. Para os efectos desta orde, un alumno ou alumna poderá ser considerado sobredotado se demostra cando menos posuír unha intelixencia moi superior á media e un nivel alto de creatividade.

3. Ademais do sinalado no punto anterior, a avaliación psicopedagóxica destes alumnos haberá de reunir información sobre aspectos como os seguintes:

a) Referentes ó ámbito persoal do alumno ou alumna: o nivel das capacidades persoais en relación coas que desenvolve o currículo, debendo quedar reflectidos, se é o caso, os posibles desequilibrios entre os diferentes aspectos intelectual, psicomotor e afectivo; o autoconcepto e o nivel de autoestima; os estilos de aprendizaxe, a súa perseveranza na tarefa e o ritmo de aprendizaxe; a súa habilidade para formular e resolver problemas; a concreción das áreas, os contidos e o tipo de actividades que prefire; os seus intereses...

b) Referentes ó contexto escolar: o tipo de interaccións que o alumno en cuestión establece cos demais compañeiros e cos profesores.

c) Referentes ó contexto familiar: o grao de comprensión da familia sobre as características e o tratamento da sobredotación intelectual; os recursos culturais, económicos e sociais da familia e do seu contorno que poidan contribuír ó mellor desenvolvemento integral do alumno ou alumna.

4. Os aspectos sinalados no punto anterior, máis aqueloutros que se consideren oportunos, recolleranse nun informe no que se deberá propoñe-la pertinencia ou non da flexibilización do período de escolarización e as adaptacións do currículo que se suxiren.

5. Aconsellarase a anticipación do inicio da escolarización obrigatoria ou a reducción do período de escolarización cando, realizada a avaliación psicopedagóxica, se comprobe que o alumno ten acadados os obxectivos da etapa, ciclo ou curso e se prevexa que esta medida é a máis axeitada para o seu desenvolvemento persoal e social.

6. Aconsellarase unha adaptación curricular de ampliación dentro do curso que lle corresponda por idade cando, realizada a avaliación psicopedagóxica, se comprobe que o alumno obtén un rendemento excepcional nun número limitado de áreas ou cando, aínda obtendo un rendemento global alto e continuado, se detectara desequilibrio co ámbito afectivo e de inserción social.

Sexto.-Medidas curriculares.

1. A adaptación curricular para un alumno con sobredotación intelectual pode referirse tanto ó enriquecemento dos obxectivos e contidos como á flexibilización dos criterios de avaliación ou á metodoloxía, da que se modificará o tipo de actividades, os materiais e a secuencia dos contidos, se é o caso.

2. Para todo o referido ás adaptacións curriculares haberá que aterse ó disposto na Orde do 6 de outubro de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 7 de novembro) pola que se regulan as adaptacións do currículo nas ensinanzas de réxime xeral.

3. De acordo coas dispoñibilidades do centro, desde os primeiros niveis de escolarización e durante a educación obrigatoria o alumno con sobredotación intelectual poderá seguir medidas de enriquecemento que fagan posible o desenvolvemento da creatividade.

4. Tanto en educación primaria como en educación secundaria obrigatoria a adaptación do currículo para alumnos e alumnas con sobredotación intelectual poderá considerar que se curse no nivel inmediatamente superior unha ou varias áreas ou materias, optativas ou non, cando se valore que o seu rendemento nelas é alto e continuado e que teñen adquiridos os obxectivos que para elas se establecen no ciclo ou nivel que lles corresponde cursar.

5. Igualmente, poderanse utilizar fórmulas flexibles de organización grupal que faciliten a incorporación deste tipo de alumnos a grupos de diferente nivel de competencia curricular ó que lle corresponde por idade.

6. A avaliación das aprendizaxes destes alumnos naquelas áreas ou materias que foran obxecto de adaptacións curriculares efectuarase tomando como referencia os obxectivos e criterios de avaliación fixados para eles.

Sétimo.-Procedemento para solicita-la flexibilización do período de escolarización.

O procedemento para solicita-la anticipación da escolarización ou a reducción da duración dun ciclo no ensino obrigatorio será o que segue:

1. Cando desde o contorno familiar ou escolar se manifestaran indicios de que determinado alumno ou alumna podería posuír necesidades educa

tivas especiais asociadas a sobredotación intelectual, a dirección do centro, coa conformidade dos pais e nais ou titores legais ou ordinarios do interesado, ou das persoas ou institucións que ostenten a garda e protección dos menores, solicitaralle ó departamento de orientación do centro, se é o caso, ou ó equipo psicopedagóxico de apoio do sector correspondente que realice unha avaliación individual psicopedagóxica.

2. Unha vez realizada a avaliación psicopedagóxica segundo o que se establece no artigo cuarto da presente orde, a dirección do centro elevará ó inspector de educación que lle corresponda, durante o período comprendido entre o 1 e o 15 de xuño, a solicitude de flexibilización do período de escolarización, que deberá incluí-la seguinte documentación:

a) O informe do profesor titor que coordine o equipo de docentes que imparte ou impartiu docencia ó alumno ou alumna en cuestión.

b) O informe sobre o resultado da avaliación psicopedagóxica realizada polo equipo psicopedagóxico de apoio do sector e o departamento de orientación do centro, se é o caso.

c) A proposta concreta de adaptación do currículo, na que se recollan os obxectivos, contidos e criterios de avaliación que se propoñen, así como as opcións metodolóxicas que se consideren adecuadas, entre as que se recollerán as decisións relativas ó agrupamento, ós materiais e á distribución de espacios e tempos.

d) A conformidade dos pais ou titores legais respecto ó adianto de curso.

3. A inspección educativa elaborará un informe sobre a idoneidade ou non da proposta de flexibiliza-lo período de escolarización, así como das medidas de adaptación curricular que a acompañan.

4. A delegación provincial correspondente remitiralle antes do 30 de xuño a documentación sinalada nos puntos 2 e 3 do artigo 7 desta orde ó director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, quen resolverá no prazo dun mes e enviará comunicación á delegación provincial e á dirección do centro para o seu traslado ós interesados, de xeito que o alumno poida ser adecuadamente escolarizado.

Oitavo.-Rexistro das medidas excepcionais adoptadas.

1. A anticipación da escolarización consignarase no expediente académico do alumno dentro do apartado Datos médicos e psicopedagóxicos relevantes, mediante a expresión Flexibilización do período obrigatorio de escolarización: anticipación. No antedito expediente incluirase tamén o informe psicopedagóxico e a adaptación curricular realizada.

2. A reducción do período de escolarización, coa concreción do ciclo ó que afecta, consignarase no expediente académico do alumno dentro do apartado Datos médicos e psicopedagóxicos relevantes,

mediante a expresión Flexibilización do período obrigatorio de escolarización: reducción. No expediente incluirase tamén o informe psicopedagóxico e a adaptación curricular realizada.

3. A flexibilización do período de escolarización consignarase tamén no apartado Observacións do libro de escolaridade do ensino básico, mediante a dilixencia correspondente na que deberá consta-la data da resolución pola que se autorizou esta medida excepcional.

4. Incluirase tamén no conxunto do expediente académico do alumno a resolución pola que se autoriza a anticipación ou a reducción do período obrigatorio de escolarización.

5. Cando un alumno non alcanzara os obxectivos que se pretendían coa flexibilización da duración da educación primaria, a avaliación rexistrarase no libro de escolaridade ó finaliza-lo segundo curso do ciclo que se pensara, nun principio, reducir.

6. Cando un alumno non alcanzara os obxectivos que se pretendían coa flexibilización da duración da educación secundaria obrigatoria, a avaliación rexistrarase no libro de escolaridade ó finaliza-lo segundo curso se a proposta fora para reduci-la duración do primeiro ciclo. Se a proposta fose, en cambio, para adiantarse en terceiro ou en cuarto curso, rexistrarase a avaliación por separado en cada un dos cursos.

7. Cando o alumno se traslade de centro, o de procedencia remitirá -ademais dos documentos básicos establecidos no punto décimo sexto da orde do 6 de maio de 1993, reguladora da avaliación na educación primaria, e no punto décimo segundo da Orde do 25 de abril de 1994 sobre avaliación na educación secundaria obrigatoria, segundo corresponda- unha copia do informe de avaliación psicopedagóxica realizado no seu día polos equipos psicopedagóxicos de apoio do sector, da resolución de autorización correspondente e da adaptación curricular realizada.

8. Cando o centro solicite os libros de escolaridade para o alumnado do primeiro curso de educación primaria incluirá na relación os alumnos con sobredotación intelectual que se incorporen ó dito curso un ano antes do que lles correspondería por idade, xuntando á solicitude unha copia das resolucións individuais de autorización.

9. O rexistro das adaptacións curriculares axustarase ó disposto no apartado 2 dos artigos 10 e 14 da Orde do 6 de outubro de 1995 pola que se regulan as adaptacións do currículo nas ensinanzas de réxime xeral, debéndose garantir, en todo caso, o seu carácter confidencial.

10. Cando un alumno curse materias do curso inmediatamente superior, farase constar esta circunstancia no expediente académico, nas actas de avaliación e no informe individual de avaliación. Nas actas de avaliación e no libro de escolaridade consignarase mediante dilixencia no apartado Observacións sobre a escolaridade.

11. Os documentos relativos á avaliación psicopedagóxica levarán constancia do seu carácter con

fidencial co cuño correspondente. A súa custodia será competencia do departamento de orientación, se é o caso, ou do equipo psicopedagóxico de apoio, e trasladarase ó expediente do alumno só aquela información relevante para a intervención pedagóxica dos docentes. Esta información levará igualmente o cuño de confidencialidade.

Disposicións adicionais

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional para dictar, no ámbito das súas competencias, as instruccións oportunas para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

8726