Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Luns, 11 de agosto de 1997 Páx. 7.782

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 7 de xullo de 1997 pola que se establecen axudas económicas individuais para asistencia a actividades de formación do profesorado.

O plan de formación continuada do profesorado dos centros de formación dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura persegue, como obxectivo xeral, mellora-la competencia profesional do profesorado, fomenta-la reflexión crítica sobre a súa actividade e crear actitudes proclives á investigación e á renovación pedagóxica coa incorporación de novas metodoloxías educacionais.

Coa finalidade de facilita-la participación do profesorado en actividades de formación que contribúan á consecución dos obxectivos anteriormente sinalados, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Finalidade.

Establecer axudas individuais cofinanciadas co Fondo Social Europeo, para o profesorado que asista a actividades de formación que se leven a cabo na Comunidade Autónoma de Galicia, no resto do territorio español ou no estranxeiro durante o ano 1997.

Artigo 2º.-Obxecto.

As axudas concederanse para actividades de formación: cursos, xornadas, encontros, conferencias, congresos e outras análogas directamente relacionadas coa disciplina, área, ciclo ou especialidade que imparta o solicitante.

Artigo 3º.-Contía.

A contía da axuda será fixada de forma individual, para o cal se terán en conta os gastos ocasionados ó profesorado pola asistencia ás actividades formativas e que abranguen os seguintes conceptos:

-Importe da matrícula e documentación entregada pola organización.

-Gastos de desprazamento.

-Gastos de aloxamento.

-Gastos de mantenza.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

4.1.-Poderán solicitar axudas os profesores con destino nos centros docentes de formación profesional marítimo-pesqueira, náutico-pesqueira e ciclos formativos de grao medio e superior en acuicultura dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e sempre que para a asistencia á mesma actividade, non sexan beneficiarios doutra axuda.

4.2.-Os interesados deberán presenta-la súa solicitude ante a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación a través da dirección do centro onde presta os seus servicios, cunha antelación mínima de 15 dÍas antes do comezo da actividade para a que se solicita a axuda.

4.3.-Coa solicitude xuntarase a seguinte documentación:

a) Orixinal ou fotocopia da convocatoria da actividade para a que se solicita a axuda.

b) Orzamento dos gastos de matrícula e desprazamento.

c) Breve explicación dos motivos polos que se desexa asistir á actividade e repercusión na súa formación docente.

d) Informe do director do centro onde se xustifique que o solicitante exerce actualmente nel; a disciplina, área, ciclo ou especialidade que imparte e a conveniencia da súa asistencia á actividade.

Artigo 5º.-Exclusións e incompatibilidades.

5.1.-O profesorado que asista a actividades de formación organizadas e convocadas pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación non serán beneficiarios das axudas económicas establecidas na presente orde, xa que as ditas actividades serán obxecto dunha cobertura e tratamento específico.

5.2.-Estas axudas serán incompatibles coas indemnizacións por razón de servicio reguladas polo Decreto 21/1994, do 4 de febreiro, da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Artigo 6º.-Concesión e denegación.

6.1.-As solicitudes de axudas serán resoltas pola directora xeral de Formación Pesqueira e Investigación nun prazo de 10 días naturais.

6.2.-A concesión ou denegación da axuda será notificada ó interesado a través do centro onde está adscrito.

Artigo 7º.-Reclamacións.

Contra as resolucións de concesión ou denegación das axudas caberá, no prazo dun mes, recurso ordinario perante o Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, que será substanciado pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Artigo 8º.-Documentos de pagamento.

O pagamento da axuda farase efectivo unha vez que finalice a actividade; para isto, o interesado deberá remitir á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, dentro dos 15 días seguintes á finalización da actividade, os seguintes documentos:

a) Breve memoria con informe crítico da actividade desenvolvida.

b) Fotocopia debidamente compulsada do resgardo da matrícula ou documento que xustifique a inscrición, no que se especificará o importe do gasto realizado.

c) Xustificación dos gastos de desprazamento segundo corresponda (billete de avión, de tren, factura da axencia..., ou declaración xurada de ter realizado o desprazamento en vehÍculo propio ) . Todo isto en documentos orixinais.

Salvo en circunstancias excepcionais, non se autoriza a realización de desprazamentos en vehículo propio e, en caso de facelo, a contía aboada será a correspondente ó importe do billete de avión, tren ou calquera outro medio de transporte colectivo.

d) Facturas do hotel polo aloxamento.

e) Facturas polas comidas.

As cantidades aboadas polos conceptos d) e e) non poderán ser superiores ó establecido na normativa que regula as indemnizacións por razón de servicio ó persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

f) Fotocopia compulsada do certificado de asistencia expedido pola entidade organizadora ou documento equivalente.

Artigo 9º.-Financiamento.

As citadas axudas financiaranse con cargo ó concepto orzamentario 12.04.322S 640.1 dos orzamen

tos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, ata un límite de 3.000.000 de pesetas.

Disposición derradeira

Facúltase a directora xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dicta-las resolucións precisas para o cumprimento da presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 1997.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

6228