Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Luns, 27 de abril de 1998 Páx. 4.321

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 120/1998, do 23 de abril, polo que se regula a orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo no seu artigo 2º, apartado 3º, establece a atención psicopedagóxica e a orientación educativa e profesional entre os principios ós que debe atende-la actividade educativa.

O artigo 55 da citada lei determina que os poderes públicos prestarán atención prioritaria ó conxunto de factores que favorecen a calidade e mellora do ensino, citando entre eles a orientación educativa e profesional.

O artigo 60.1º desta lei dispón que a titoría e a orientación dos alumnos formarán parte da función docente e atribúe a cada grupo de alumnos a atención dun profesor titor.

Nesta liña, o artigo 60.2º da mesma lei establece que as administracións educativas garantirán a orientación académica, psicopedagóxica e profesional dos alumnos, especialmente no que se refire ás distintas opcións educativas e á transición do sistema educativo ó mundo laboral, prestando singular atención á superación de hábitos sociais discriminatorios que condicionan o acceso ós diferentes estudios e profesións. A coordinación das actividades de orientación levarana a cabo profesionais coa debida preparación.

Isto implica concibi-la orientación educativa desde dúas perspectivas: por unha banda, a realización por profesionais da atención individualizada -e non excluínte-dos problemas de aprendizaxe e, pola outra, a consideración da actividade orientadora como un ámbito máis de actuación da función docente.

Así, vemos como a educación asume a misión de posibilitar que todos e cada un dos cidadáns desenvolva na escola o máximo das súas potencialidades e elabore un proxecto de vida persoal que poida transcender, se é o caso, condicionantes de partida desfavorables. Este reto, que asume a escola como lugar de construcción da igualdade de oportunidades, implica un rotundo cambio, tanto teórico como institucional, na concepción, organización e desenvolvemento da orientación educativa. En consecuencia, supérase a concepción da orientación unicamente como axuda externa puntual aportada polo experto e téndese ó concepto da orientación como actuacións que se desenvolven dentro da actividade educativa e inseridas no contexto económico e sociocultural no que se desenvolve o individuo.

Esta atención educativa debe garantirse desde as primeiras idades do alumnado para permiti-la prevención e detección temperá das súas dificultades

no desenvolvemento persoal ou da aprendizaxe e o seguimento continuado da súa evolución. Igualmente, a función titorial do profesorado debe verse apoiada por un especialista da orientación que, mediante estratexias de colaboración, facilite a mediación entre os intereses e demandas do alumnado e as ofertas socioeconómicas e profesionais da comunidade. Esta colaboración entre o profesional da orientación e os docentes será á que permitirá o desenvolvemento dun alumnado que teña unha imaxe completa e adecuada de si mesmo e das súas posibilidades no mundo laboral.

Os departamentos de orientación han de constituír dentro de cada centro o garante de que a orientación forma parte esencial da actividade educativa e de que se establece unha vía de asesoramento permanente ó profesorado e ás familias.

Así, enténdese a orientación como un proceso que inclúe a toda a comunidade educativa, que comeza desde a escolarización do neno e da nena e remata ó finaliza-las ensinanzas non universitarias. Este proceso abrangue a toda a poboación escolar, calquera que sexa o tipo e grao de diversidade que presente. Trátase dun proceso global que integra aspectos relativos ó desenvolvemento persoal, ós procesos de ensino-aprendizaxe e á toma de decisións. Esta última debe capacita-los estudiantes para, perante as distintas alternativas, optar de forma fundamentada e responsable pola modalidade académica ou profesional que máis se adapte ou conveña ós seus intereses e características.

Vemos, en consecuencia, que o ámbito de actuación dos profesionais da orientación ha de amplia-la súa intervención, tomando en consideración as variables nas que se contextualiza a actuación docente e que son aqueles aspectos socioeconómicos e culturais da zona na que esta se desenvolve. Esta ampliación da súa actuación á comunidade na que se localiza o centro educativo implica a necesidade de coordinación con profesionais especializados, tanto en ámbitos da psicopedagoxía como de servicios sociais ou sanitarios.

En consonancia con esta concepción da orientación educativa, por unha parte, o Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, no artigo 53, establece que neses centros existirá un departamento de orientación; e, pola outra, o presente decreto crea equipos de orientación específicos cunha composición profesional que poida dar resposta ás necesidades de intervención externa ligadas a aspectos psicopedagóxicos específicos e a cuestións sociais ou mesmo familiares que teñen incidencia no ámbito educativo.

Por outra banda, no Decreto 87/1995, do 16 de marzo, polo que se regula a admisión de alumnos nos centros sostidos con fondos públicos de edu

cación infantil, educación primaria e de educación secundaria, disponse que os centros de educación primaria estarán adscritos a institutos de educación secundaria para os efectos de que o alumnado teña predeterminado o instituto no que vai continua-la súa escolarización sen necesidade de trámite de admisión, todo isto sen prexuízo da liberdade de elección de centro.

Do exposto despréndese a conveniencia de que se creen igualmente departamentos de orientación nos colexios de educación infantil e primaria, e de educación primaria, de xeito que se estableza un plan común de actuación dos departamentos de orientación dos institutos de educación secundaria cos departamentos de orientación dos centros que teñen adscritos.

Os departamentos de orientación dos institutos de educación secundaria deben estar dirixidos, con carácter xeral, por un funcionario do corpo de profesores de ensino secundario da especialidade de psicoloxía e pedagoxía, creada polo Real decreto 1701/1991, do 29 de novembro, polo que se establecen as especialidades do corpo de profesores de ensino secundario e se adscriben a elas os profesores correspondentes do dito corpo e se determinan as áreas e materias que deberá imparti-lo profesorado respectivo.

Os departamentos de orientación dos colexios de educación infantil e primaria, e de educación primaria deben estar coordinados por un mestre, responsable da orientación, que formará parte do departamento de orientación do instituto de educación secundaria ó que estea adscrito o centro.

Os equipos psicopedagóxicos de apoio veñen desenvolvendo as súas funcións nos centros públicos de educación infantil, primaria, secundaria e, se é o caso, nos centros de educación especial,como se recolle no apartado segundo do punto primeiro da resolución da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, con data do 26 de novembro de 1996.

A titulación que posúen os membros dos equipos psicopedagóxicos de apoio, a experiencia acumulada no campo da orientación educativa, así como a razoable utilización dos recursos humanos dos que se dispón cando se procede a unha reorganización dos servicios, aconsella e xustifica a adscrición destes profesionais ós departamentos de orientación ou ós equipos de orientación específicos, sen que isto implique unha modificación da situación xurídica destes funcionarios ou persoal laboral.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, consultado o Consello Escolar de Galicia, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello

da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintetrés de abril de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Nos institutos de educación secundaria créase un departamento de orientación que abranguerá no seu plan de actuación as escolas de educación infantil, os colexios de educación infantil e primaria, e os de educación primaria adscritos a el.

2. Nos colexios de educación infantil e primaria, e nos colexios de educación primaria créase, nas condicións que a Administración educativa determine, un departamento de orientación que abranguerá no seu ámbito de actuación, ademais do propio centro, aqueloutros centros incompletos da mesma zona de escolarización, e que estará coordinado por un mestre responsable da orientación educativa, que exercerá as súas funcións como xefe do dito departamento.

Artigo 2º

Créanse os equipos de orientación específicos, que abranguerán no seu plan de actuación os institutos de educación secundaria, as escolas de educación infantil, os colexios de educación infantil e primaria, os colexios de educación primaria e os colexios de educación especial que a Administración educativa determine, en función do ámbito territorial que ós ditos equipos se lles asigne.

Artigo 3º

Formarán parte do departamento de orientación dos institutos de educación secundaria:

a) Os funcionarios de carreira do corpo de profesores de ensino secundario, da especialidade de psicoloxía e pedagoxía existentes no centro. Un destes funcionarios desempeñará a xefatura do departamento, agás nos supostos establecidos neste decreto.

b) O profesor ou profesora de pedagoxía terapéutica e, naqueles centros nos que estea catalogado, o especialista de audición e linguaxe, que exercen a función de apoio á atención ó alumnado con necesidades educativas especiais, destinados no instituto de educación secundaria.

c) O xefe do departamento de orientación, se é o caso, de cada un dos colexios de educación infantil e primaria e de educación primaria adscritos ó instituto de educación secundaria.

d) Un titor ou titora por cada un dos ámbitos lingüístico-social e científico-tecnolóxico, designados polo director ou directora, por proposta da comisión de coordinación pedagóxica. Na designación procurarase que existan profesores de cada unha das etapas educativas que imparte o centro ou, cando corresponda, de distintos niveis educativos.

e) Nos institutos nos que se imparta formación profesional específica, incorporarase ó departamento de orientación un profesor ou profesora que imparta a área de formación e orientación laboral designado polo director por proposta da comisión de coordinación pedagóxica.

Artigo 4º

Formarán parte do departamento de orientación dos colexios de educación infantil e primaria, e de educación primaria:

a) O xefe do departamento de orientación, que será un funcionario ou funcionaria do corpo de mestres, preferentemente en posesión da titulación do título de doutor ou licenciado en psicopedagoxía, ou en psicoloxía, ou en filosofía e ciencias da educación (especialidades de psicoloxía ou ciencias da educación) ou en filosofía e letras (especialidades de pedagoxía ou psicoloxía)

b) O profesor ou profesora de pedagoxía terapéutica e de audición e linguaxe, que exercen a función de apoio á atención do alumnado con necesidades educativas especiais.

c) Os coordinadores de ciclo e, se é o caso, un mestre de educación infantil, designado pola dirección, por proposta da comisión de coordinación pedagóxica.

d) O mestre responsable ou o director dos colexios incompletos da zona de escolarización que se determinen.

Artigo 5º

1. O equipo de orientación específico terá a composición que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determine en función da avaliación das necesidades educativas nas que contextualizan as accións docentes e, en todo caso, formarán parte del:

a) Un funcionario de carreira do corpo de profesores de ensino secundario, da especialidade de psicoloxía e pedagoxía, coa titulación de psicoloxía ou psicopedagoxía.

b) Un funcionario de carreira do corpo de profesores de ensino secundario, da especialidade de psicoloxía e pedagoxía, coa titulación de pedagoxía ou psicopedagoxía

c) Un funcionario de carreira do corpo de mestres especialista en audición e linguaxe.

d) Un traballador social e/ou educador social

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria posibilitará que, a nivel provincial, existan cando menos profesionais nestes equipos con formación e experiencia na orientación vocacional e profesional, na atención de alumnado con discapacidades sensoriais, motóricas, sobredotación intelectual, trastornos xeneralizados do desenvolvemento e trastornos da conducta.

Artigo 6º

1. Os departamentos de orientación desenvolverán as súas funcións naqueles ámbitos relacionados coa orientación psicopedagóxica, académica e profesional, e terán as seguintes competencias:

a) Valora-las necesidades educativas, no ámbito da orientación, dos alumnos e alumnas do seu contorno e deseñar, desenvolver e avaliar programas específicos de intervención.

b) Elaborar, de acordo coas directrices establecidas polas comisións de coordinación pedagóxica, as propostas do plan de orientación académica e profesional, e do plan de acción titorial dos centros, así como coordina-lo profesorado e ofrecerlle soporte técnico para o desenvolvemento destes plans.

c) Participar na elaboración dos proxectos educativo e curricular do centro, incidindo nos criterios de carácter organizativo e pedagóxico para a atención ó alumnado con necesidades educativas especiais e nos principios de avaliación formativa e, cando cumpra, na adecuación dos criterios de promoción.

d) Deseñar accións encamiñadas á atención temperá e á prevención de dificultades ou problemas de desenvolvemento ou de aprendizaxe derivadas tanto de condicións desfavorables como de altas capacidades que presenten os alumnos e as alumnas.

e) Participar na avaliación psicopedagóxica e no deseño e desenvolvemento de medidas de atención á diversidade.

f) Facilitarlle ó alumnado o apoio e o asesoramento necesarios para enfronta-los momentos escolares máis decisivos ou de maior dificultade, como o ingreso no centro, o cambio de ciclo ou etapa e, cando corresponda, a elección de optativas ou de itinerarios formativos, a resolución de conflictos de relación interpersoal ou a transición á vida profesional.

g) Impulsa-la participación do profesorado en programas de investigación e innovación educativa nos ámbitos relativos a hábitos de traballo intelectual, programas de ensinar a pensar, habilidades sociais, técnicas de dinámica de grupos e en calquera outros relacionados co seu ámbito de actuación.

h) Promove-la cooperación entre o centro e as familias, implicándoas no proceso educativo dos seus fillos.

i) Favorece-lo proceso de maduración vocacional orientando e asesorando o alumnado sobre as súas posibilidades académicas e profesionais, así como as ofertas do seu contorno que lle faciliten elixir responsablemente.

l) Nos institutos onde se imparta formación profesional específica, coordina-la orientación laboral e profesional con outras administracións ou institucións.

m) Aqueloutras que a Administración educativa lle puidese encomendar no ámbito das súas funcións.

2. As funcións establecidas no apartado anterior serán exercidas nos colexios de educación infantil e primaria, e nos colexios de educación primaria, polo departamento de orientación destes centros, sen prexuízo da intervención, cando proceda, dun especialista e das competencias propias do consello escolar e do claustro de profesores.

Artigo 7º

A xefatura dos departamentos de orientación terá as seguintes funcións:

a) Dirixir e coordina-las actividades e actuacións propias do departamento.

b) Responsabilizarse da redacción do plan de actividades do departamento, velar polo seu cumprimento e elabora-la memoria final de curso.

c) Participar na elaboración do proxecto educativo e do proxecto curricular de etapa, representando o departamento na comisión de coordinación pedagóxica.

d) Convocar e presidi-las reunións do departamento conforme o procedemento que se estableza.

e) Velar pola confidencialidade dos documentos, se é o caso.

f) Coordina-la organización de espacios e instalacións para a orientación, a adquisición de material e de equipamento específico, velando polo seu uso correcto e conservación.

g) Realiza-las avaliacións psicopedagóxicas, se é o caso, e asesorar no deseño, desenvolvemento e avaliación das medidas de atención á diversidade conforme o procedemento que se estableza.

h) Facilita-la colaboración entre os membros dos departamentos de orientación implicados.

i) Coordinar, en colaboración co profesor ou profesora de apoio, a atención do alumnado con necesidades educativas especiais, elevando ó xefe de estudios, cando cumpra, a proposta de organización da docencia para este alumnado.

l) Aqueloutras funcións que a Administración educativa lle poida asignar referidas á orientación.

Artigo 8º

Os equipos de orientación específicos terán as seguintes funcións:

a) Asesorar e apoia-los departamentos de orientación dos centros docentes que se lles adscriban.

b) Desenvolver programas de investigación, elaboración, recompilación e difusión de recursos para darlles resposta ás necesidades específicas do alumnado.

c) Colaborar cos departamentos de orientación na avaliación psicopedagóxica do alumnado, cando sexa necesaria a intervención dun profesional externo ó centro.

d) Contribuír á formación especializada dos departamentos de orientación e do profesorado no ámbito das necesidades educativas especiais que atenden.

e) Colaborar con outros servicios educativos e sociais, no ámbito das súas competencias.

f) Calquera outra que se lles puidese encomendar no ámbito das súas funcións.

Artigo 9º

En cada equipo de orientación específico haberá un coordinador que será nomeado polo delegado provincial entre os seus membros por un período de dous anos, renovables, se é o caso, e cesará nas súas funcións ó final deste ou polas causas que se determinen.

Artigo 10º

A inspección educativa, no ámbito das súas competencias, velará polo cumprimento das funcións dos departamentos de orientación, realizará o seu seguimento, prestará o asesoramento necesario e impulsará a coordinación dos departamentos de orientación dos institutos de educación secundaria cos dos colexios de educación infantil e primaria, e cos dos colexios de educación primaria que lles estean adscritos.

A nivel provincial, corresponderalle a un inspector de educación a coordinación dos equipos de orientación específicos que se crean polo presente decreto, coa finalidade de garanti-la uniformidade nas actuacións e dar cumprimento ó plan xeral anual, de acordo coas directrices emanadas, a tal fin, da dirección xeral correspondente.

Artigo 11º

Os alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais escolarizados nos centros ordinarios tamén poderán ser atendidos por profesionais dos centros de educación especial que se constituirán en centros de recursos específicos para os centros ordinarios da zona, nas condicións que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determine .

Artigo 12º

A cobertura dos postos de traballo dos departamentos de orientación dos institutos de educación secundaria efectuarase de conformidade coas normas que regulan a provisión das prazas correspondentes ós corpos docentes que imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Artigo 13º

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria cubrirá o posto de traballo do responsable do departamento de orientación naqueles colexios de educación infantil e primaria ou de educación primaria que, segundo o establecido no artigo 1º.2, se determine, a través dun concurso de méritos específico entre os funcionarios do corpo de mestres, considerándose criterio preferente estar en posesión dunha das titulacións citadas no apartado a) do artigo 4º do presente decreto.

Disposicións adicionais

Primeira.-As competencias que de acordo coa normativa vixente teñen atribuídas os equipos psicopedagóxicos de apoio serán exercidas polos departamentos de orientación e polos equipos de orientación específicos creados no presente decreto.

Segunda.-O persoal que desempeña, con carácter definitivo, as súas funcións nos equipos psicopedagóxicos de apoio regulados pola Orde do 8 de agosto de 1985 (Diario Oficial de Galicia do 3 de setembro) adscribirase ós departamentos de orientación ou ós equipos de orientación específicos, de acordo co procedemento que estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou incorporarase ó exercicio da docencia.

Terceira.-No procedemento de adscrición ós departamentos de orientación terase en conta que os membros dos equipos psicopedagóxicos de apoio incluídos nas sentencias números 861/1990 e 495/1993, dictadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, así como os que accederan definitivamente a postos de psicólogo ou pedagogo dos equipos psicopedagóxicos de apoio ou ós antigos servicios de orientación escolar e vocacional, que estean en posesión das titulacións que se especifican no apartado a) do artigo 4º, poderán adscribirse a un centro educativo, preferentemente do sector no que desempeñan actualmente as súas funcións. No caso dos institutos de educación secundaria poderán adscribirse a aqueles nos que exista vacante a praza de psicoloxía e pedagoxía, unha vez resolto o concurso de traslados convocado pola Orde do 21 de novembro de 1997.

Estes profesionais exercerán a xefatura do departamento de orientación con carácter definitivo.

Cuarta.-Os especialistas de audición e linguaxe dos actuais equipos psicopedagóxicos de apoio poderán adscribirse indistintamente ós equipos de orientación específicos, ós departamentos de orientación dos institutos de educación secundaria, ós dos colexios de educación infantil e primaria ou ós dos colexios de educación primaria, localizados preferentemente na zona do sector onde actualmente desempeñan as súas funcións, de acordo co procedemento que estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Quinta.-Os funcionarios do corpo de profesores de ensino secundario procedentes das extinguidas escalas de profesores numerarios e psicólogos de ensinanzas integradas e de profesores de materias técnico-profesionais e educadores de ensinanzas integradas, adscritos a departamentos de orientación educativa e profesional ou que estean exercendo actualmente funcións de orientación en virtude da Orde do 12 de xuño de 1989, quedarán adscritos ós departamentos de orientación creados polo presente decreto.

Se estes funcionarios posúen algunha das titulacións relacionadas no apartado a) do artigo 4º, á entrada en vigor do presente decreto, asumirán a xefatura do departamento de orientación.

Sexta.-Quedan, igualmente, adscritos ós departamentos de orientación os funcionarios do corpo de profesores técnicos de formación profesional procedentes da extinguida escala de profesores de prácticas e actividades de ensinanzas integradas que estean actualmente dedicados á función de orientación, en virtude da adscrición realizada pola Orde do 12 de xuño de 1989.

Sétima.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria catalogará, nos correspondentes cadros de persoal docente, os postos de traballo correspondentes ós equipos de orientación específicos, así como ós departamentos de orientación, tanto nos institutos de educación secundaria como nos colexios de educación infantil e primaria ou nos colexios de educación primaria.

Oitava.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria garantirá a orientación dos alumnos escolarizados nos centros públicos incompletos a través dos departamentos de orientación dos colexios de educación infantil e primaria ou colexios de educación primaria que se determinen.

Novena.-Os funcionarios do corpo de profesores de ensino secundario que a través da resolución dos concursos de traslados ocupen unha praza de psicoloxía e pedagoxía sen posuí-la especialidade ou a acaden polo procedemento de adquisición doutra especialidade, seralles computable o tempo de servicios prestados nela como desenvolvidos na especialidade de orixe, para os efectos de adquisición da condición de catedrático.

Décima.-Os centros concertados que impartan o primeiro e o segundo ciclo da educación secundaria obrigatoria recibirán o correspondente apoio económico para o desenvolvemento das accións de orientación. A dotación económica estará en función do número de unidades de educación secundaria obrigatoria que teña concertado o centro, no marco do disposto na Lei de orzamentos xerais do Estado ou, se é o caso, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións transitorias

Primeira.-Nos institutos de educación secundaria nos que se desenvolven os proxectos de orientación educativa que, con carácter experimental, se autorizan nos anexos I, II e III da Orde do 18 de outubro de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 9 de novembro), pola que se designan os centros de educación secundaria autorizados para levar á práctica, con carácter experimental, proxectos de orientación educativa, mentres non se cubra a praza de psicoloxía e pedagoxía correspondente, considéranse prorrogados.

Segunda.-Nos institutos de educación secundaria e profesional nos que se estean a desenvolver, con carácter experimental, proxectos de orientación educativa, dirixidos por un funcionario de carreira docente dos recollidos na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, clasificado no grupo B, e en posesión dunha das titulacións que se relacionan no apartado a) do artigo 4º, non se ofertará a praza de psicoloxía e pedagoxía durante tres anos, que se computarán desde a entrada en vigor do presente decreto.

Se o director ou directora do proxecto de orientación educativa accedese ó corpo de profesores de ensino secundario no prazo sinalado no parágrafo anterior, quedará destinado definitivamente no instituto como xefe do departamento de orientación educativa e profesional.

Terceira.-Os institutos de educación secundaria e os colexios de educación infantil e primaria ou de educación primaria nos que non exista o departamento de orientación, serán atendidos, mentres este non se constitúa, conforme o que se dispón no presente decreto, polo departamento de orientación do instituto de educación secundaria que se determine, conforme a adscrición que, de se-lo caso, realizará o delegado provincial por proposta do Servicio de Inspección Educativa.

Cuarta.-Mentres non se vaian dotando as prazas de xefe dos departamentos de orientación previstos no artigo 4º do presente decreto, nos colexios de educación infantil e primaria, e de educación primaria, nomearase como mestre responsable da orientación un mestre especialista de pedagoxía terapéutica ou de audición e linguaxe, se é o caso, que exercen como profesor ou profesora de apoio á atención de alumnos con necesidades educativas especiais.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Quedan derrogados os artigos 54, 55, 56 e 57 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 9 de agosto), polo que se aproba o regulamento orgánico de institutos de educación secundaria.

Segunda.-Queda derrogada a Orde do 8 de agosto de 1985 (Diario Oficial de Galicia do 3 de setembro) pola que se regulan os equipos psicopedagóxicos de apoio na Comunidade Autónoma de Galicia e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para dictar cantas disposicións sexan precisas para a execución e desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de abril de mil novecentos oitenta e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

3375