Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Mércores, 24 de xuño de 1998 Páx. 7.052

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 1998, da Dirección Xeral de Industria, pola que se aproba unha instrucción interpretativa do artigo 26 do Regulamento de liñas eléctricas aéreas de alta tensión (Decreto 3151/1968, do 28 de novembro).

Vista a solicitude presentada pola Asociación de Productores y Distribuidores de Energías Eléctricas de Galicia (APYDE), sobre a aplicación do artigo 26 do Regulamento de liñas eléctricas aéreas de alta tensión e mailos informes emitidos ó respecto polas delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio en Ourense e Pontevedra e por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., esta dirección xeral, ó abeiro do establecido no Art. 1 do citado regulamento,

RESOLVE:

Primeiro.-Aproba-la instrucción interpretativa do Art. 26 do Regulamento de liñas eléctricas aéreas de alta tensión, que se inclúe como anexo desta resolución.

Segundo.-A presente resolución será de aplicación facultativa en tódalas instalacións eléctricas situadas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia que se proxecten con posterioridade á súa entrada en vigor, sen prexuízo de que as instalacións executadas con anterioridade á dita data poidan adaptarse ós seus criterios interpretativos.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 1998.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

ANEXO

Instrucción interpretativa do Art. 26 do Regulamento de liñas eléctricas aéreas de alta tensión.

1. Introducción. A Asociación de Productores y Distribuidores de Energía (APYDE) solicita que a Dirección Xeral de Industria autorice, nas liñas eléctricas aéreas de terceira categoría, a instalación de apoios que soporten seccionamentos unipolares sen postas a terra con resistencias de difusión non superiores a 20 ohmios, sempre que se reforce o seu illamento ó correspondente chanzo superior de tensión indicado no artigo 24 do Regulamento de liñas eléctricas aéreas de alta tensión para as ondas de choque, que se empreguen electrodos de difusión en anel pechado (enterrado a un metro de distancia das arestas do macizo de cimentación) e que as liñas estean equipadas con proteccións sensibles e rápidas.

APYDE fundamenta a súa solicitude en que:

a) O artigo 26 do referido regulamento establece con carácter xeral a obriga de realizar instalacións de posta a terra non superiores a 20 ohmios nos apoios das liñas que soporten seccionadores, o que implica uns costes de realización e de mantemento desmedidos.

b) Nas liñas eléctricas de terceira categoría, se se cumpren as condicións de seguridade indicadas (proteccións sensibles e rápidas), o risco eléctrico intrínseco a un apoio que soporte seccionadores unipolares (que deben manobrarse sempre sen carga), é inferior ó risco eléctrico intrínseco a un apoio que non soporte aparamenta de manobra, pero situado nunha zona frecuentada e de pública concorrencia.

c) A recente aparición no mercado de proteccións de liñas electrónicas, baseadas en tecnoloxía dixital, posibilita a existencia de proteccións de liña, extremadamente sensibles e rápidas.

d) Desde o punto de vista da seguridade e en relación coas hipotéticas fugas a ferraxes que puideran aparecer ó manobrar un seccionador, a resistencia de difusión a terra de 20 ohmios diminúe as tensións de contacto aplicadas no caso de que un operario o manobre cos pés apoiados sobre o terreo, en concordancia co caso xeral de dispositivo seccionador (tipo tripolar). Sen embargo, os seccionamentos unipolares son accionados sempre por un operario subido ó apoio que os soporta, o que fai a función de plataforma equipotencial e elimina o carácter vantaxoso da instalación dunha posta a terra con resistencia de difusión non superior a 20 ohmios.

En relación coa cuestión que suscita APYDE, esta dirección xeral entende que, aínda que o artigo 26 do dito Regulamento de liñas eléctricas aéreas de alta tensión establece a obriga de realizar instalacións de posta a terra non superiores a 20 ohmios unicamente para o suposto previsto no parágrafo 2º do mesmo precepto, é dicir, cando non estea prevista a desconexión rápida da liña, resulta conveniente acceder ó solicitado co fin de evita-las dúbidas que poden xurdir na interpretación do dito precepto, xa que existen versións del que non respectan tal división en parágrafos.

2. Nas liñas eléctricas aéreas de terceira categoría con tensión nominal de 10, 15 ou 20 kV, neutro illado e intensidade de defecto franco a terra non superior a 120 amperios poderán instalarse seccionamentos unipolares en apoio con illamento reforzado respecto do nominal da liña, entendendo por tal o correspondente chanzo superior de tensión indicado no artigo 24 do Regulamento de liñas eléctricas aéreas de alta tensión para as ondas de choque, sempre que:

2.1. Estean protexidas contra defectos a terra mediante dispositivos que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que o seu limiar de funcionamento sexa como máximo do cincuenta por cento da intensidade de

perturbación que se produza no punto da rede onde estean situados.

b) Que permitan tempos de mantemento de defecto máximos de 300 milisegundos, totalizando os tempos parciais de mantemento da corrente de defecto no caso de instalacións con reenganche automático rápido (non superior a 0,5 segundos).

2.2. As dimensións en planta da base do apoio se atopan contidas nun cadrado de dous metros de lado.

3. En tales supostos, o electrodo de posta a terra do apoio realizarase cos elementos de interconexión necesarios, con cable de cobre nu de 50 mm e a seguinte configuración:

-Tres aneis de cable cadrados e concéntricos co apoio, dispostos a 0,4 metros de profundidade e situados: un a 1,1 metros da súa cara máis exterior, outro 0,20 metros por dentro do primeiro e o terceiro 0,40 metros por fóra del.

-Unha cruz de cable que divida o anel maior en catro cadrados iguais.

-Catro picas de posta a terra dun metro de lonxitude e catorce milímetros de diámetro, fincadas no terreo nas esquinas do anel maior.

4. O responsable técnico da obra encherá, para cada instalación que se realice de acordo co disposto nesta instrucción, un documento cos seguintes datos:

* Empresa titular da instalación:

* Denominación do proxecto:

* Autor do proxecto:

* Identificación da instalación:

* Responsable técnico da instalación (técnico titulado competente):

* Indicación expresa de que a instalación se axusta ó modelo que se autoriza.

* Especificación das dimensións máximas en planta da base do apoio (Deberá estar totalmente contida nun cadrado de dous metros de lado):

* Réxime neutro (deberá estar illado):

* Tensión nominal da liña (10,15 ou 20 kV):

* Intensidade de defecto franco a terra en amperios (máxima 120 A):

* Fracción da intensidade de defecto a terra que excita á protección existente contra o mesmo, expresada en tanto por cento:

* Limiar de funcionamento da protección contra defectos a terra, en amperios:

* Tempo máximo de mantemento do defecto, totalizando os tempos parciais en caso de existir dispositivo de reenganche automático rápido (máximo trescentos milisegundos):

* Resistencia da instalación de posta a terra, en ohmios:

* Indicación expresa da conservación íntegra de electrodo, incluíndo contraste do valor da súa resistencia cos obtidos desde a súa construcción:

* Tensión de contacto correspondente a unha intensidade de excitación das proteccións igual ó dobre da súa sensibilidade (máxima cento vintecinco voltios).

4193