Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 16 de agosto de 1999 Páx. 10.272

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 2 de agosto de 1999 pola que se modifica a do 12 de xuño de 1996, pola que se dictan normas de aplicación sobre os documentos que acompañan o transporte de productos vitivinícolas e dos rexistros que se deben levar no sector vitivinícola na Comunidade Autónoma de Galicia.

Pola Orde do 12 de xuño de 1996 reguláronse no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia as condicións que debe cumpri-lo transporte de productos vitivinícolas e os rexistros que deben levarse no sector vitivinícola galego.

Así mesmo, o Decreto 69/1999, do 18 de marzo, modificou o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establecía a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, o que fai necesario axusta-la devandita orde á nova estructura creada.

Por outra banda, a experiencia adquirida nos controis realizados dentro do sector vitivinícola fai conveniente modifica-la devandita Orde do 12 de xuño de 1996.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en uso das competencias que confire a Lei 1/983, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada por Lei 11/1988 do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os seguinte artigos da Orde do 12 de xuño de 1996 do seguinte xeito:

1. No artigo 4.1º, engádese o seguinte parágrafo:

«Correspondendo ós Servicios Industriais e Comercialización Agroalimentaria a certificación de indicación de procedencia para os viños de mesa con indicación xeográfica, indicando no documento de acompañamento, no recadro correspondente, a lenda: Este documento ten valor de certificado de procedencia para os viños de mesa que nel figuran».

2. No artigo 5º engádese o punto 3:

3. Tódolos documentos de acompañamento de transporte de productos vitivinícolas en recipientes de volume nominal superior a 60 litros, xa se trate dos recollidos na lexislación vixente sobre impostos especiais ou do indicado no artigo 2º desta norma deberán ter un número de referencia que forme parte dunha serie consecutiva e remita de maneira inequívoca as partidas concretas asentadas na contabilidade do expedidor.

3. No artigo 9º engádese o punto 3:

3. A escritura dos asentos nos libros rexistro deberá facerse de forma lexible e indeleble, non sendo admisible que se fagan a lapis nin deixar entreliñas en branco. As anotacións nos libros rexistros efectua

ranse, polo que respecta ás entradas, a máis tardar o día hábil seguinte ó da recepción e, polo que respecta as saídas, a máis tardar o terceiro día hábil seguinte ó envío.

4. Engádese ó punto 1 do artigo 10º o seguinte parágrafo:

«As anotacións nos libros rexistros das elaboracións feitas pola industria comprenderán, igualmente, tipo de producto, graduación alcohólica ou densidade».

5. No artigo 10º, o punto 3 queda modificado da seguinte forma:

«As entradas diarias de uva nas adegas de molturación reflectiranse nos libros-rexistro nun só asento diario pola cantidade total de mosto obtido para cada tipo de producto. Se na etiquetaxe dos productos obtidos se incluíse a varidade de uva, o ano de colleita, a procedencia xeográfica e demais indicacións recollidas nos artigos 17 e 18 do RCEE 2392/1989, estas faranse constar inescusablemente nos epígrafes «Designación do producto» ou en «Observacións» de tódolos asentos dos libros de rexistro que se refiran ás partidas que interviñeron na súa elaboración».

6. No artigo 10º engádese o punto 4, redactado da seguinte forma:

«4. Nas anotacións dos libros rexistros admitiranse as seguintes tolerancias:

-Na indicación do grao alcohólico adquirido e no total, unha toleración do ±0,2% vol.

-Na indicación do contido de axucre, unha toleración do 3%».

7. O artigo 12º queda modificado da seguinte forma:

«Os libros-rexistro pecharanse o 31 de agosto de cada ano, coincidindo co inventario anual de existencias.

O 1 de setembro anotaranse como entradas as existencias a esa data, diferenciándoas por productos da mesma categoría, denominación, grao alcohólico ou densidade.

Se as existencias teóricas non coincidisen coas reais, deixarase constancia deste feito nos libros pechados, e procederase a regulariza-la situación».

8. Substitúense os anexos I, II e III polos modelos que figuran no anexo I desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación para dicta-las normas necesarias para o mellor cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria