Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 09 de setembro de 1999 Páx. 11.081

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 1 de setembro de 1999 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Liste-Museo Etnográfico de Vigo.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Liste-Museo Etnográfico de Vigo, con domicilio en Vigo, na rúa da Pastora, 22.

Supostos de feito.

1. Rafael Ojea Pérez, na súa calidade de secretario da fundación, en escrito do 20 de xullo de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día 15 de xuño de 1999, ante o notario Mariano Vaqueiro Rumbao, co número 1361 do seu protocolo por Manuel Pérez Álvarez, Francisco Javier García Martínez, Olimpio Liste Regueiro e Josefina Fernández Mosquera; interveñen o primeiro, asistido do segundo, en nome e representación do Concello de Vigo, e Olimpio Liste Regueiro e Josefina Fernández Mosquera, no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 2 dos seus estatutos o obxecto da fundación é:

a) A protección, promoción e defensa do patrimonio etnográfico, nos termos definidos na Lei 8/1995 (artigo 64 e concordantes) e na Lei 16/1985 (artigo 46 e concordantes).

b) A creación e xestión do Museo Etnográfico Liste de Vigo, conforme a normativa rectora destas institucións.

c) Desenvolver actividades de recuperación, investigación, formación conservación e difusión do patrimonio etnográfico de Galicia.

4. O padroado da fundación estará constituído por: María Teresa Fernández Piñeiro e Manuel Robles González como representantes do Concello de Vigo, Josefina Fernández Mosquera e Cristina Toscano Novella designados por Olimpio Liste Regueiro, Ángel Sicart Giménez representante da Xunta de Galicia, designado pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, José Enrique Ares Gómez como persoa de recoñecido prestixio, Olimpio Liste Regueiro como presidente, o alcalde de Vigo como vicepresidente, e o secretario da fundación será nomeado conforme ó disposto no artigo 15.4º dos estatutos fundacionais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da

Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Liste-Museo Etnográfico de Vigo, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fudamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 30 de agosto de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Liste-Museo Etnográfico de Vigo e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública