Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Xoves, 28 de decembro de 2000 Páx. 16.938

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

1

A participación da sociedade civil nos asuntos de interese xeral, e máxime naquelas situacións que redunden na erradicación de situacións de discriminación, é un feito que ten cada vez maior incidencia na comunidade, debendo considerarse esta participación como o recoñecemento dun dereito que efectivamente a asiste e como unha necesidade que ten o Estado e, neste caso, a Comunidade Autónoma de Galicia para darlles resposta a necesidades da poboación.

Isto é máis determinante coa aparición de novas necesidades dos cidadáns, sexan as manifestadas ou aquelas sentidas pero non expresadas, e ante as limitacións do esforzo público e conscientes de que a atención e melloría da calidade de vida esixe unha participación pública que debe complementarse coa participación privada. Non se trata de deixar actuacións públicas que van seguir sendo necesarias, senón de atopar un espacio de colaboración coa actuación privada que participe, nunha manifestación de solidariedade, na atención de necesidades que afectan a sociedade.

O voluntariado é unha forma de participación da sociedade na atención de necesidades na que conflúen a liberdade de actuación, a solidariedade e o altruísmo. Nesta lei considérase desde unha organización, superando o puro voluntarismo de carácter informal, que non entra dentro do seu obxecto de

atención, e sempre dentro dun proxecto dirixido á atención concreta de necesidades de interese xeral.

Como forma de participación social preténdese o seu recoñecemento, promovendo e impulsando este voluntariado formal, cun respecto escrupuloso cara á liberdade dos cidadáns para constituír entidades que teñan unha finalidade de atención voluntaria de necesidades da sociedade, desligando estas situacións de calquera forma de servicios retribuída, así como regulando a relación entre as persoas voluntarias e a organización a través dun cadro de dereitos e deberes que comporta esta relación.

2

A Constitución española no seu artigo 9.2 establece a obriga dos poderes públicos de promove-las condicións para que a liberdade e igualdade dos individuos e dos grupos nos que se integran sexan reais e efectivas, remove-los atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e mais facilita-la participación de tódolos cidadáns na vida política, económica, cultural e social, como manifestación da solidariedade cidadá en beneficio da comunidade.

A nivel do Estado español promúlgase, consecuente con este mandato, a Lei 6/1996, do 15 de xaneiro, do voluntariado, que regula as actuacións dos cidadáns dirixidas á satisfacción de necesidades de interese xeral e especialmente a erradicación de situacións de discriminación. O seu ámbito limítase a entidades, tanto públicas coma privadas, de ámbito estatal ou internacional.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 4.2 recolle en termos semellantes o precepto constitucional do artigo 9.2 da Constitución española, así como en disposicións sectoriais normativa referida ó voluntariado, dirixida preferentemente a regula-las relacións entre as persoas voluntarias e as entidades do voluntariado. Así, tanto a Lei 3/1987, do 27 de maio, de servicios sociais, coma a máis recente Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, reflicten disposicións que afectan o voluntariado.

Preténdese agora unha regulación máis ampla do voluntariado, na que se recollan tódolos posibles campos de actuación do voluntariado, máis alá do eido social, dictando unhas normas comúns de aplicación a tódalas entidades de voluntariado, que permitan unha coordinación e planificación que afecte, dentro da Xunta de Galicia, as distintas consellerías que teñen intereses neste ámbito, así como da Administración autonómica coas administracións locais e coas propias entidades de acción voluntaria.

A regulación que se pretende a través desta Lei do voluntariado proporciona unha resposta concreta ás peculiaridades desta actividade desenvolvida no ámbito territorial propio de Galicia, atendendo a idiosincrasia da sociedade galega e os seus sectores máis deficitarios e a través dunhas institucións ou organismos creados en atención á estructura das competencias que constitucionalmente esta Comunidade Autónoma ten atribuídas.

Supérase, deste xeito, a Lei estatal 6/1996, do 15 de xaneiro, do voluntariado, cando establece o seu ámbito de aplicación ás persoas voluntarias e entidades que participen ou desenvolvan programas de ámbito estatal ou supraautonómico, así como ós que participen en programas que desenvolvan actividades de exclusiva competencia do Estado; e dótase a Galicia dun marco normativo propio de regulación das actividades das persoas voluntarias e entidades de voluntariado aquí desenvolvidas, de igual xeito que outros lexisladores autonómicos coa promulgación de diferentes leis autonómicas que regulan con carácter xeral esta actividade no ámbito territorial de cada comunidade autónoma.

3

A Lei galega do voluntariado ten por obxecto a regulación xeral deste tipo de actividade no ámbito propio da Comunidade Autónoma galega, facendo fincapé naqueles aspectos importantes que definen e delimitan a condición de voluntario, sen necesidade, por outra banda, de comprometer nin desvirtua-la esencia desta acción.

O lexislador autonómico fundamenta a súa regulación nos seguintes puntos básicos:

a) Garanti-la liberdade de traballo voluntario fronte ós atrancos que poidan opoñerse a este, así como favorece-lo recoñecemento deste labor a nivel social.

b) Supera-lo concepto tradicional de voluntario, moitas veces asimilado ó ámbito puramente asistencial e a determinados campos de acción, fundamentalmente ó social, para abranguer outros eidos de participación cidadá, como poden se-lo ocio, a cultura, o deporte, o servicio sanitario, a cooperación ó desenvolvemento, a dinamización cidadá, a defensa do medio ambiente ou calquera outro de natureza análoga.

c) Supera-lo puro voluntarismo, entendido como a acción individual e illada, loable pero pouco eficaz, para reconducilo cara a entidades estables e democráticas con capacidade para canaliza-lo esforzo dun xeito colectivo e con maiores garantías de eficacia.

d) Deslinda-lo traballo voluntario de calquera forma retribuída de servicios, sen que poidan cubrirse con persoal voluntario postos de traballo que deban ser cubertos por persoal asalariado. A experiencia do voluntariado é que este xera empregos, en tanto descobre necesidades nas que poida existir unha demanda solvente. En ningún caso poderá utilizarse para vulnera-los dereitos laborais ou destruír postos de traballo.

e) Deslinda-lo traballo voluntario do asalariado, partindo do principio de complementariedade do voluntariado.

4

Partindo desta base, o contido da lei estructúrase en oito capítulos con 28 artigos, tres disposicións adicionais, unha transitoria, unha derrogatoria e tres derradeiras.

O capítulo I establece disposicións xerais sobre o obxecto da lei, delimitando o ámbito de aplicación a toda actividade de voluntariado organizada e que se desenvolva no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega ou no ámbito de competencias da Xunta de Galicia. Define o voluntariado e regula as áreas de interese xeral, así como os fins e os principios básicos polos que deben rexerse as actuacións das persoas voluntarias.

O capítulo II prevé a existencia dunha organización pública ou privada, constituída legalmente e con personalidade xurídica, que, sen ánimo de lucro, realice programas no marco de actividades de interese xeral, e configúrase así como o requisito básico do que vai deriva-la posibilidade, se é o caso, de poder contar coa colaboración de voluntariado. Estructúrase en seis artigos: 1) Entidades de acción voluntaria. 2) Obrigas das organizacións coas persoas voluntarias. 3) Incumprimento de obrigas. 4) Responsabilidade extracontractual fronte a terceiros. 5) O acordo ou compromiso de incorporación. 6) Arbitraxe do voluntariado.

O capítulo III regula o estatuto do voluntariado, establecendo un concepto amplo, que permite a participación de tódolos cidadáns cando de xeito libre e responsable lle dediquen o seu tempo libre a realizar actividades de interese xeral para a comunidade, no seo de entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro, excluíndo as situacións nas que medie relación laboral, funcionarial, administrativa ou mercantil, así como familiar ou de boa veciñanza. Tamén se detallan neste capítulo os dereitos e os deberes das persoas voluntarias.

O capítulo IV regula a promoción e o fomento do voluntariado.

Establece as competencias da Xunta de Galicia e das corporacións locais na aplicación desta lei, para facer efectiva unha política de fomento da actividade voluntaria e de participación dos cidadáns e cidadás.

Regúlanse medidas de promoción mediante a acción concertada, sinalando os requisitos que terán que reuni-los programas e proxectos e establecendo un Plan galego para a promoción e fomento da acción voluntaria. A elaboración e seguimento deste levarase a cabo a través do organismo previsto no artigo 24 e someterase ó informe do Consello Galego do Voluntariado.

Faise un recoñecemento explícito dos concellos no campo do voluntariado, nun marco xurídico no que poderán exercer libremente a súa iniciativa no seu ámbito local. Respóndese así ó principio da autonomía local para a xestión dos seus respectivos intereses e no ámbito das súas competencias, que lles permite promover toda clase de actividades e prestar cantos servicios contribúan a satisfacer necesidades e aspiracións da súa comunidade veciñal.

A actuación do concello no campo do voluntariado ten na lei unha dobre vertente, en canto se lle reco

ñece a súa capacidade para dispoñer de agrupacións propias de voluntarios e se determina o amparo que lle debe prestar á iniciativa privada sen ánimo de lucro, colaborando con ela mediante o asesoramento técnico, a coordinación, a planificación no seu ámbito municipal e o apoio económico.

Finalmente, preténdese buscar unha coordinación de actuacións a nivel público, tanto dentro da Xunta de Galicia coma coa Administración local.

O capítulo V crea o Servicio Galego de Voluntariado, como organismo especializado en materia de voluntariado ó que se adscribe a Comisión de Arbitraxe. Encoméndanselle a elaboración e o seguimento do Plan galego de fomento e promoción da acción voluntaria e a xestión do sistema de rexistro autonómico de entidades, así como desenvolve-las actuacións técnicas de promoción, investigación, asistencia e formación.

O capítulo VI regula o Consello Galego do Voluntariado, en canto órgano consultivo e asesor, adscrito á consellería con competencias en materia de Administración local, onde estarán representadas a Xunta de Galicia, as entidades locais e as entidades de acción voluntaria, entre outros.

O capítulo VII regula a Comisión de Arbitraxe, como instrumento de protección e defensa das partes que levan actuacións de voluntariado.

O capítulo VIII regula o Rexistro de entidades de voluntariado; a inscrición neste será requisito para que as entidades de voluntariado poidan acollerse ás axudas que na lei se prevén. A non inclusión no Rexistro de entidades de voluntariado non exime das obrigas que se establecen na relación delas cos voluntarios adscritos ós seus programas.

5

En definitiva, o importante servicio que as entidades de voluntariado lle prestan á comunidade, desenvolvendo o espírito de iniciativa, responsabilidade e solidariedade entre os seus membros, servindo con eficacia ó interese xeral e de xeito complementario á acción dos poderes públicos e cumprindo unha función insubstituíble de mediación, intercambio e equilibrio social, fundamenta a promulgación desta lei que regula os aspectos xerais da actividade do voluntariado na Comunidade Autónoma galega, impulsando unha maior participación na vida comunitaria.

O recoñecemento normativo da acción voluntaria quere fomenta-la solidariedade en tódolos niveis da sociedade galega, facilitando unha vía de participación dos cidadáns neste ámbito e potenciando os valores que derivan da nosa Constitución e Estatuto de autonomía, como son os de liberdade, xustiza, igualdade, pluralismo e dignidade da persoa e os dereitos inviolables que lle son inherentes.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.21 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei/1983, do 23

de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei do voluntariado de Galicia.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta lei ten por obxecto regular, promover e fomenta-la participación solidaria dos cidadáns en actuacións organizadas de voluntariado por medio de entidades públicas ou privadas estables e democráticas sen ánimo de lucro, así como ordena-las relacións entre as administracións públicas e as ditas entidades.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Esta lei élle aplicable a toda a actividade de voluntariado que constitúe o seu obxecto, no ámbito territorial da comunidade autónoma.

2. Seralles igualmente aplicable ás actuacións en materia de voluntariado que desenvolvan programas ou proxectos de interese xeral no ámbito de competencias da Comunidade Autónoma.

Artigo 3º.-O voluntariado.

1. Para os efectos desta lei, enténdese por voluntariado o conxunto de actividades desenvolvidas en áreas de interese xeral sempre que se realicen:

-De maneira altruísta, desinteresada e solidaria.

-Con carácter voluntario e libre, sen que teñan por causa unha obriga persoal ou deber xurídico.

-Sen contraprestación económica.

-Por medio de entidades públicas ou privadas estables e democráticas sen ánimo de lucro e de acordo con concretos programas ou proxectos de interese xeral.

2. Quedan excluídas do concepto de voluntariado as actividades:

-Desenvolvidas como consecuencia dunha relación laboral, mercantil ou funcionarial de calquera tipo.

-Illadas, esporádicas ou realizadas por razóns de benevolencia, amizade ou boa veciñanza.

Artigo 4º.-Áreas de interese xeral.

Para os efectos do disposto no artigo 2, enténdense por áreas de interese xeral as de servicios sociais, saúde, protección civil, medio ambiente, educación, cultura, ocio e tempo libre, consumo, defensa dos dereitos humanos, xuventude, cooperación internacional, defensa e fomento da economía e calquera outra que responda á natureza e ós fins da actuación de voluntariado.

Artigo 5º.-Fins do voluntariado.

As actuacións de voluntariado poderán ter por finalidade:

a) Contribuír a elimina-los obstáculos que impidan a igualdade, eliminando calquera tipo de violencia e favorecendo o avance da sociedade.

b) Promove-los valores sociais, culturais, deportivos e ecolóxicos.

c) Previr e remove-las situacións causantes de feitos que producen exclusión.

d) Promove-la defensa dos dereitos e intereses dos cidadáns.

e) Desenvolver programas nas áreas de interese xeral con especial incidencia no ámbito educativo e sociocomunitario.

Artigo 6º.-Principios básicos.

A actuación do voluntariado fundaméntase nos seguintes principios básicos:

a) A participación libre, altruísta e responsable dos cidadáns en actividades de interese xeral.

b) A solidariedade coas persoas e cos grupos sociais, procurando a integración activa de todos na sociedade.

c) O respecto ás conviccións e crenzas das persoas, loitando contra as distintas formas de exclusión.

d) A colaboración entre as entidades e as administracións públicas.

e) A autonomía e a independencia das entidades de acción voluntaria respecto dos poderes públicos.

f) A gratuidade e a proximidade, de tal xeito que as actividades de voluntariado se realicen o máis preto posible dos cidadáns e do seu medio.

g) A complementariedade respecto do traballo profesional.

h) En xeral, todos aqueles principios inspiradores dunha sociedade democrática, pluralista e participativa.

Capítulo II

Das entidades de acción voluntaria e das súas

relacións coas persoas voluntarias

Artigo 7º.-Entidades de acción voluntaria.

Son entidades de acción voluntaria as legalmente constituídas e dotadas de personalidade xurídica, así como as agrupacións de voluntariado integradas no seo das administracións públicas, que, sen ánimo de lucro, desenvolven programas ou proxectos de voluntariado no marco das áreas de interese xeral do artigo 4, a través de persoas voluntarias.

Artigo 8º.-Obrigas das entidades coas persoas voluntarias.

As entidades de acción voluntaria deberán:

a) Responder a principios democráticos e participativos na composición dos seus órganos e no seu funcionamento.

b) Cumpri-los compromisos adquiridos coas persoas voluntarias no acordo de incorporación daquelas á organización de acción voluntaria.

c) Proporcionarlles ás persoas voluntarias a formación específica e a orientación necesaria para o exercicio das súas actividades.

d) Acredita-la subscrición dunha póliza de seguro que cubra tanto os danos ocasionados ás persoas voluntarias coma a terceiros no exercicio da actividade de voluntariado, coas características e polos capitais que se establezan regulamentariamente.

e) Cubri-los gastos das persoas voluntarias derivados do desenvolvemento da súa actividade.

f) Dota-las persoas voluntarias dos medios e recursos axeitados para o cumprimento das súas funcións.

g) Garantirlles ós voluntarios as debidas condicións de seguridade e hixiene no desenvolvemento da súa actividade, así como o establecemento das correspondentes medidas de prevención de riscos.

h) Facilitarlles ás persoas voluntarias unha acreditación que as habilite e identifique para o desenvolvemento da súa actividade.

i) Certifica-la actividade das persoas voluntarias con constancia dos seus datos persoais identificativos e a duración e natureza da actividade desenvolvida.

j) Levar un rexistro de altas e baixas das persoas voluntarias.

k) Informa-las persoas voluntarias sobre os fins e o réxime de funcionamento da entidade.

l) Facilita-la participación do voluntariado na elaboración, deseño, execución e avaliación dos programas nos que interveñan.

m) Efectua-lo seguimento e a avaliación das actividades programadas, garantindo a consecución dos obxectivos previstos.

n) As demais que deriven desta lei e do resto do ordenamento xurídico.

Artigo 9º.-Incumprimento de fins e obrigas.

O incumprimento reiterado polas entidades de acción voluntaria dos seus fins e das obrigas establecidas no artigo anterior, verificado polo órgano competente da Xunta de Galicia mediante expediente contradictorio, poderá determinar:

a) A baixa no Rexistro de entidades de acción voluntaria.

b) A revogación de toda subvención concedida polas administracións públicas.

c) A resolución de calquera convenio subscrito coas administracións para a execución de programas e proxectos.

d) O cesamento, se é o caso, como membro do Consello Galego do Voluntariado.

Artigo 10º.-Responsabilidade extracontractual fronte a terceiros.

As entidades ás que se refire este capítulo responderán civilmente fronte a terceiros polos danos

e perdas causados, por acción ou omisión, polas persoas voluntarias que participen nos seus programas, nos seguintes termos:

a) Cando se trate de entidades privadas, de acordo co establecido no Código civil.

b) Cando se trate de entidades públicas, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-O acordo ou compromiso de incorporación.

A incorporación das persoas voluntarias ás entidades deberá formalizarse por escrito mediante acordo ou compromiso no que se determinará o carácter altruísta da relación e no que se detallará:

a) O conxunto de dereitos e deberes que, conforme esta lei, lles correspondan a ámbalas dúas partes.

b) O contido das funcións, actividades e tempo de dedicación a elas que se comprometen a realiza-las persoas voluntarias.

c) A formación requirida para o desenvolvemento das actividades encomendadas e, se é o caso, o procedemento que se debe seguir para adquirila.

d) A duración do compromiso e as causas e formas de resolución deste polas dúas partes.

e) Os fins e obxectivos da entidade na que se integra.

Artigo 12º.-Arbitraxe.

Os conflictos que poidan xurdir entre as entidades de acción voluntaria e as persoas voluntarias poderán, antes de acudir á orde xurisdiccional que corresponda, ser sometidos á Comisión de Arbitraxe do Voluntariado á que se refire o artigo 27 desta lei.

Capítulo III

Das persoas voluntarias

Artigo 13º.-Concepto.

1. Para os efectos desta lei, enténdese por persoa voluntaria toda persoa física que de modo libre, altruísta e responsable realiza actividades en favor dos demais ou de interese colectivo, no seo de entidades de acción voluntaria públicas ou privadas e democráticas sen ánimo de lucro e sen recibir ningún tipo de contraprestación económica. A condición de persoa voluntaria será compatible coa de socio na mesma entidade.

2. Os menores de idade poderán participar en programas e proxectos de voluntariado especificamente adaptados ás súas características, mediante autorización expresa dos seus pais, titores ou da institución que os teña ó seu cargo, con respecto en todo caso á vontade do menor.

3. A autorización expresa acompañará necesariamente o acordo ou compromiso de incorporación que se subscriba.

Artigo 14º.-Dereitos das persoas voluntarias.

Son dereitos das persoas voluntarias:

a) Participaren activamente na organización na que estean integradas de acordo cos seus estatutos, colaborando na planificación, deseño, execución e avaliación dos programas nos que colaboren.

b) Seren tratadas sen discriminación, respectando a súa liberdade, dignidade, intimidade e crenzas.

c) Recibiren a orientación, apoio e formación necesarios para o exercicio da súa actividade.

d) Estaren aseguradas polos riscos que poidan derivar do exercicio da actividade voluntaria, polos capitais que regulamentariamente se establezan.

e) Dispoñeren dunha acreditación identificativa da súa condición de voluntarios.

f) Realizaren as súas actividades en condicións de seguridade e hixiene.

g) Seren reembolsadas dos gastos que lles poida ocasiona-la actividade de voluntariado.

h) Dispoñeren dos medios e recursos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade.

i) Recibiren certificacións da súa participación nos programas e proxectos de voluntariado, que poderán, se é o caso, como recoñecemento do seu valor social, ser obxecto de valoración no seu currículo.

j) Cesaren libremente na súa condición de persoas voluntarias.

k) Obteren o cambio de programa asignado cando existan causas que o xustifiquen, dentro das posibilidades da entidade.

l) En xeral, os demais que deriven desta lei e do resto do ordenamento xurídico.

m) Non seren asignadas á execución de tarefas alleas ós fins e á natureza da entidade.

Artigo 15º.-Deberes das persoas voluntarias.

Son deberes das persoas voluntarias:

a) Cumpriren os compromisos acordados coas entidades nas que se integran, respectando o disposto nos seus estatutos.

b) Gardaren a confidencialidade respecto da información recibida e coñecida no desenvolvemento da súa actividade.

c) Rexeitaren toda clase de contraprestación económica ou material que poida serlles ofrecida polo beneficiario ou por outras persoas en virtude da súa actuación.

d) Actuaren de forma dilixente, responsable e solidaria na execución das tarefas que lles sexan encomendadas seguindo as instruccións que se impartan.

e) Respectaren os dereitos e as crenzas das persoas beneficiarias.

f) Participaren nas actividades de formación establecidas pola organización.

g) Observaren as medidas de seguridade e hixiene que se adopten.

h) Coidaren e faceren bo uso dos recursos materiais que poñan á súa disposición as entidades para o desenvolvemento da súa actividade, así como empregaren debidamente as acreditacións e os distintivos da organización que se lles outorguen.

Capítulo IV

Da promoción e do fomento do voluntariado

Artigo 16º.-Competencias da Xunta de Galicia.

1. Coa finalidade de desenvolve-la acción de voluntariado, a Xunta de Galicia levará a cabo as seguintes actuacións:

a) Promover e fomenta-la participación dos cidadáns e cidadás nas actuacións de voluntariado a través das entidades legalmente constituídas.

b) Fomenta-la coordinación e planificación de accións conxuntas da administración e das entidades de acción voluntaria ou destas entre si.

c) Subscribir convenios ou outras formas de colaboración coas entidades de acción voluntaria para a execución e o desenvolvemento de programas e proxectos de voluntariado.

d) Establecer bolsas de estudios de formación e colaboración para o deseño, a execución e a elaboración de proxectos de interese xeral en materia de voluntariado que regulamentariamente se establezan.

e) Proporcionarlles información, formación xeral, asesoramento técnico e apoio material e económico ás corporacións locais e ás entidades de acción voluntaria.

f) Realizar estudios e investigacións, así como elaborar estatísticas en materia de voluntariado.

g) Crear e xestiona-lo Rexistro de entidades de acción voluntaria.

h) Establecer medidas de recoñecemento público das entidades e das persoas que colaboren no desenvolvemento da acción voluntaria.

i) Crear un fondo documental e unha base de datos sobre voluntariado que integrará o contido dos diferentes programas de acción voluntaria.

j) Establece-los criterios para o seguimento e a inspección das entidades de acción voluntaria no relativo ó cumprimento dos fins, obrigas e programas que se leven a cabo ó abeiro desta lei financiados con cargo ós fondos públicos.

k) Impulsa-la cooperación con organismos de ámbito estatal ou internacional.

l) Establecer ofertas formativas para potenciar un voluntariado de calidade.

m) En xeral, calquera outra competencia que esta lei ou outras normas xurídicas poidan establecer.

2. As competencias que se lle atribúen á Xunta de Galicia nesta lei serán exercidas pola consellería competente en materia de Administración local a través do Servicio Galego de Voluntariado, sen prexuízo das actuacións que lles correspondan a cada unha das demais consellerías por razón da materia.

Artigo 17º.-Competencias das corporacións locais.

Correspóndelles ás corporacións locais:

a) Programar e promove-la coordinación das actuacións en materia de voluntariado dentro do seu ámbito territorial.

b) Facilitarlles ás entidades de acción voluntaria a información, formación e asistencia técnica necesaria para o desenvolvemento da súa actividade.

c) Promover estudios e investigacións sobre voluntariado e colaborar coa Xunta de Galicia na elaboración de estatísticas sobre voluntariado.

d) Realiza-lo seguimento e a inspección das entidades de acción voluntaria no relativo ó cumprimento das súas obrigas legais e dos programas e proxectos de voluntariado que se realicen no ámbito das súas competencias con cargo ós fondos públicos.

e) Colaborar coas demais administracións públicas no aproveitamento dos recursos orientados á cooperación internacional para o desenvolvemento.

f) Promove-la creación de oficinas municipais de voluntariado, ben por si mesmas ou mediante agrupacións entre elas.

g) Calquera outra función que se lles encomende por delegación da Xunta de Galicia.

Artigo 18º.-Programas e proxectos de voluntariado.

1. Son programas ou proxectos de voluntariado os especificamente elaborados nas áreas de interese xeral do artigo 4 desta lei e xestionados polas entidades de acción voluntaria.

2. Os programas ou proxectos de voluntariado poderán ser financiados polas administracións públicas a través de axudas concedidas de conformidade cos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

3. Nas correspondentes convocatorias públicas de axudas estableceranse os criterios e a proporción cos que as entidades responsables dos programas deberán contribuír ó seu financiamento.

4. As entidades de acción voluntaria poderán computar parte da actividade das persoas voluntarias como contribución ó financiamento dos programas. A dita participación determinarase regulamentariamente.

5. A concesión das axudas levará consigo a formalización dun convenio entre a correspondente administración pública e a organización adxudicataria para a execución do programa específico de que se trate.

Artigo 19º.-Axudas e subvencións.

As administracións públicas concederán axudas e subvencións para o fomento dos programas e proxectos de voluntariado de conformidade cos criterios e coas directrices do plan galego ó que se refire o artigo 23 desta lei.

Artigo 20º.-Programas experimentais.

As administracións públicas fomentarán, por iniciativa propia ou en colaboración coas entidades de voluntariado, actuacións propias de voluntariado, naquelas áreas de interese xeral nas que non existan actividades de acción social.

Artigo 21º.-Póliza de seguro.

A Xunta de Galicia subscribirá unha póliza de seguro que cubrirá os riscos derivados da acción dos voluntarios Ctanto a responsabilidade civil derivada das súas actuacións coma os accidentes sufridos polos mesmos voluntariosC cando participen nas actividades organizadas pola dita administración. A esta poderán adherirse as entidades de acción voluntaria que reúnan as condicións que se establezan no Plan galego de voluntariado.

Artigo 22º.-Participación das entidades de acción voluntaria.

1. As entidades de acción voluntaria serán recoñecidas como instrumentos de participación cidadá no deseño e na execución das políticas públicas nas áreas de interese xeral do artigo 4.

2. Para os ditos efectos, estarán representadas nos órganos de consulta e participación constituídos para estes efectos en cada unha das ditas áreas, de conformidade co previsto nos seus respectivos regulamentos.

Artigo 23º.-Plan galego para a promoción e o fomento da acción voluntaria.

1. O plan galego comprenderá o conxunto de accións que en materia de promoción e fomento do voluntariado desenvolvan os distintos departamentos da Xunta de Galicia a fin de logra-la súa coordinación. Así mesmo, posibilitará a integración nas ditas accións das actividades e iniciativas das administracións locais e das entidades de acción voluntaria que, cumprindo os requisitos esixidos nesta lei e estando inscritas no Rexistro de entidades de acción voluntaria, soliciten a súa incorporación.

2. A elaboración e o seguimento do plan correspóndenlle ó Servicio Galego de Voluntariado, e a súa aprobación compételle ó Consello da Xunta de Galicia, logo do informe do Consello Galego do Voluntariado.

Capítulo V

Do Servicio Galego de Voluntariado

Artigo 24º.-O Servicio Galego de Voluntariado.

1. Créase o Servicio Galego de Voluntariado como organismo especializado en materia de voluntariado

adscrito á consellería con competencias en materia de Administración local.

2. Correspóndelle ó Servicio Galego de Voluntariado o exercicio das competencias en materia de promoción e coordinación da acción voluntaria de conformidade co establecido nesta lei.

Capítulo VI

Do Consello Galego de Voluntariado

Artigo 25º.-O Consello Galego de Voluntariado.

1. Créase o Consello Galego de Voluntariado da Comunidade Autónoma galega como órgano consultivo e asesor en materia de voluntariado, adscrito á consellería con competencias en materia de Administración local.

2. Exercerá as funcións de informe e análise das actividades de voluntariado, así como as que determine a súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 26º.-Composición.

1. O Consello Galego do Voluntariado estará integrado por:

a) Presidencia: o presidente da Xunta de Galicia.

b) Vicepresidencia: o conselleiro con competencia en materia de Administración local.

c) Vocais:

* Un representante dos órganos superiores ou organismos autónomos da Xunta de Galicia, con rango de director xeral, das seguintes áreas:

-Administración local.

-Comunicación social.

-Consumo.

-Cultura.

-Deportes.

-Educación.

-Estatística.

-Familia.

-Medio ambiente.

-Muller.

-Protección civil.

-Relacións coas comunidades galegas fóra de Galicia.

-Sanidade.

-Servicios sociais.

-Vivenda.

-Xuventude.

* Catro representantes de entidades locais designados pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

* Un representante do Consello da Xuventude de Galicia.

* Seis representantes das entidades de acción voluntaria nomeados polo presidente do Consello Galego do Voluntariado, por proposta dos consellos galegos das seguintes áreas: servicios sociais, sanidade, educación, medio ambiente, protección civil e cultura.

* Tres representantes das organizacións sindicais máis representativas da Comunidade Autónoma.

* Un representante da Confederación de Empresarios de Galicia.

2. A secretaría estará ocupada polo responsable do Servicio Galego de Voluntariado, con voz pero sen voto.

3. Poderán asistir ás reunións do Consello Galego do Voluntariado, para efectos simplemente informativos ou de asesoramento, persoas expertas na materia de que se trate.

Capítulo VII

Da Comisión de Arbitraxe

Artigo 27º.-A Comisión de Arbitraxe do Voluntariado.

1. Créase a Comisión de Arbitraxe do Voluntariado, adscrita ó Servicio Galego de Voluntariado, configurándose como instrumento de protección e defensa das partes que levan a cabo actuacións de voluntariado.

2. A súa organización, funcións e procedemento determinaranse regulamentariamente de conformidade co disposto nesta lei.

Capítulo VIII

Do rexistro de entidades

Artigo 28º.-O rexistro de entidades de acción voluntaria.

1. Créase o Rexistro público de entidades de acción voluntaria da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de Administración local e xestionado polo Servicio Galego de Voluntariado.

2. A inscrición no rexistro será condición indispensable para integra-las accións, actividades e iniciativas das entidades de acción voluntaria no Plan galego para a promoción e fomento da acción voluntaria e acceder ás axudas e subvencións, así como para subscribir convenios coas administracións públicas en materia de voluntariado.

3. A organización e o procedemento de acceso ó rexistro determinaranse regulamentariamente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Esta lei seralles aplicable ó voluntariado social regulado na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais de Galicia, así como ás agrupacións de voluntarios de protección civil, sen prexuízo da aplicación da súa normativa específica reguladora en todo o que non contradiga esta lei.

Segunda.-Ás persoas que participen de forma voluntaria e gratuíta en programas de entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro da Comunidade Autónoma galega e que se desenvolvan no estranxeiro seralles aplicable o establecido na disposición adicional primeira da Lei 6/1996, do 16 de xullo, do voluntariado.

Terceira.

1. Son voluntarios de cooperación para o desenvolvemento as persoas que, cumprindo os requisitos do artigo 13 desta lei, realicen actividades a través de entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro da Xunta de Galicia e xestionen programas ou proxectos de cooperación para o desenvolvemento. Estes rexeranse polo disposto no artigo 37 da Lei 23/1998, do 7 de xullo, de cooperación e desenvolvemento, e, no non previsto expresamente nel, polas disposicións desta lei.

2. A cooperación para o desenvolvemento que se realice desde a Comunidade Autónoma galega e desde as entidades locais inspirarase nos principios, obxectivos e prioridades establecidos na sección 2.0 do capítulo I da Lei 23/1998, do 7 de xullo.

Disposición transitoria

Única.-As entidades de acción voluntaria que desenvolven programas e proxectos de voluntariado deberán axustarse ó disposto nesta lei no prazo máximo dun ano desde a súa entrada en vigor.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas tódalas disposicións legais ou regulamentarias que se opoñan ó establecido nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o Consello da Xunta de Galicia para que proceda ó desenvolvemento regulamentario desta lei.

Segunda.-No prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei, o Consello da Xunta de Galicia, por proposta do titular da consellería con competencias en materia de Administración local, aprobará o regulamento de funcionamento do Servicio Galego de Voluntariado, do Rexistro de Entidades de Voluntariado e da Comisión de Arbitraxe do Voluntariado.

Terceira.-O Consello Galego do Voluntariado elaborará, no prazo de seis meses desde a súa constitución, o seu regulamento de funcionamento.

Cuarta.-Esta lei entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintedous de decembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente