Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 11 de abril de 2001 Páx. 4.885

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 30 de marzo de 2001 pola que se regulan prestacións por desprazamento previstas no artigo 12 do Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro.

O Real decreto 63/1995, do 20 de xaneiro, sobre ordenación de prestacións do Sistema Nacional de Saúde, en concordancia cos principios básicos establecidos na Lei xeral de sanidade, regula as prestacións do sistema baixo o principio de igualdade e contempla entre as prestacións complementarias obrigatorias o transporte sanitario, entendendo como tal o traslado de enfermos ou accidentados en vehículos especialmente acondicionados para o efecto.

O Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro, que regula o transporte sanitario na Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 12 os traslados que non se consideran prestacións sanitarias obrigatorias, ben que prevé que os gastos ocasionados polos ditos traslados poderán ser asumidos polo Servicio Galego de Saúde, sempre que concorran circunstancias que así o aconsellen e exista crédito orzamentario dispoñible.

Esta prestación vense concedendo actualmente na Comunidade Autónoma de Galicia, pero cómpre establece-la de xeito uniforme na procura dun sistema máis axeitado para o usuario.

En consecuencia, de acordo coas facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As prestacións previstas no artigo 12 do Decreto 42/1998 satisfaranse, nas condicións que se regulan na presente orde, ós pacientes que teñen cobertura polo Servicio Galego de Saúde que se despracen con fins asistenciais e non precisen usar transporte sanitario.

Artigo 2º

A necesidade do desprazamento será indicada polo facultativo responsable do paciente ou ben pola Inspección de Servicios Sanitarios cando concorran circunstancias de carácter asistencial que así o aconsellen.

Artigo 3º

Dentro da mesma provincia consideraranse prestacións por desprazamento as que teñan a súa causa en:

a) Tratamentos de diálise, rehabilitación, quimioterapia e radioterapia.

b) Outros tipos de tratamentos que precisen realizar un número de desprazamentos igual ou superior a 8 viaxes en períodos de 30 días.

Artigo 4º

En ningún caso se aboarán os desprazamentos que se realicen dentro do mesmo municipio, sexa de orixe ou de destino.

Artigo 5º

As prestacións por desprazamentos fóra da provincia aboaranse sempre que se autoricen previamente mediante orde de asistencia ou calquera outro procedemento regulamentario que se estableza. Non obstante, cando o desprazamento se efectúe por solicitude e por iniciativa do interesado, os custos serán ó seu cargo.

Artigo 6º.-Contía das prestación.

1. En desprazamentos na comunidade autónoma, provinciais ou interprovinciais, aboarase unha contía fixa de 20 pesetas por quilómetro en viaxe de ida e volta desde o lugar de residencia (no medio rural tomarase como referencia a parroquia) ata a localidade onde se reciba a asistencia, con independencia do medio de transporte utilizado e da necesidade ou non de acompañante.

2. Nos desprazamentos fóra da Comunidade Autónoma aboarase a contía correspondente a un billete de ida e volta en autobús ou tren desde a residencia do paciente ata a localidade de destino. Excepcionalmente, cando as condicións clínicas así o aconsellen, poderá autorizarse o desprazamento en avión.

Aboarase o desprazamento do acompañante no caso de menores de 18 anos e daqueloutros pacientes que por razóns clínicas o precisen.

Cando o usuario modifique o medio ou as condicións de transporte autorizado, aboarase a contía correspondente ó medio autorizado pola Inspección Médica.

Se o desprazamento se efectúa en medios propios, aboarase a contía correspondente a un billete de ida e volta no medio ordinario de transporte dispoñible, con independencia da necesidade ou non de acompañante.

3. Non se poderán xerar aboamentos por outros conceptos.

Artigo 7º.-Procedemento.

1. A solicitude será presentada polo interesado ou os seus representantes legais no modelo de solicitude de prestación sanitaria P.8, na Dirección Provincial do Sergas correspondente á súa residencia habitual ou en calquera dos rexistros previstos no artigo 38.4º

da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xuntarase á solicitude:

-Fotocopia da tarxeta sanitaria.

-Informe clínico que xustifique a necesidade da asistencia.

-Xustificante do centro no que consten as datas en que se prestou a asistencia sanitaria.

Se o desprazamento se produce fóra da comunidade autónoma, deberá presenta-los billetes orixinais do medio de transporte utilizado.

3. Unha vez recibida a solicitude pola unidade de prestacións, a Inspección Médica emitirá o informe-proposta, que será elevado á Dirección Provincial para a súa resolución.

4. A estes expedientes, e para efectos da súa fiscalización, seranlles de aplicación as instruccións da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, do 27 de marzo de 2000, dictadas ó abeiro da orde da consellería de Economía e Facenda do 23 de novembro de 1999 sobre o exercicio da función interventora polo procedemento de mostraxe (DOG nº 235, do 7 de decembro).

5. O prazo para a resolución do expediente é de tres meses de acordo co disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º

Os aboamentos faraos efectivos a Dirección Provincial do Sergas na que o asegurado teña asignada a clave médica.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido na presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde será de aplicación a tódolos desprazamentos que tivesen lugar con posterioridade ó 1 de xaneiro de 2001.

Ós desprazamentos anteriores ó 1 de xaneiro de 2001 seranlles de aplicación os criterios utilizados con anterioridade á entrada en vigor da presente orde.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2001.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais