Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 26 de decembro de 2001 Páx. 16.412

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

RESOLUCIÓN do 19 de novembro de 2001 pola que se ordena publica-la decisión do xurado do premio Elías Valiña ó esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago.

Por Orde do 14 de marzo de 2001 (DOG nº 63, do xoves 29 de marzo) convocouse o premio Elías Valiña ó esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago, co fin de recoñecer e recompensa-los méritos de todas aquelas institucións, asociacións ou entidades culturais que dediquen unha parte significativa da súa actividade á revitalización e promoción do Camiño de Santiago, contribuíndo así ó coñecemento e divulgación do significado histórico, relixioso e cultural da Ruta Xacobea.

O artigo 4 da citada orde establece que o premio será outorgado por un xurado presidido polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou persoa en quen delegue, e estará integrado polos seguintes membros: o presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, dous membros nomeados polo citado comité, as institucións asociacións culturais, padroados ou fundacións que resultasen gañadores nas anteriores convocatorias e os presidentes das entidades inscritas no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago cos números 17, 18, 19 e 20.

De acordo co citado artigo 4º, as decisións do xurado serán inapelables e daranse a coñecer mediante publicación no DOG e por comunicación directa ó galardoado.

Por todo isto,

RESOLVO:

Artigo único.-Ordeno publica-la decisión do xurado do premio Elías Valiña ó esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago.

O citado xurado, reunido en Santiago de Compostela o día 16 de novembro de 2001, acordou concede-lo premio Elías Valiña ó esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago, ó proxecto presentado pola Asociación Internacional de Peregrinos Ave Fénix, de Villafranca del Bierzo.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2001.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo