Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Luns, 17 de febreiro de 2003 Páx. 1.772

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 3 de febreiro de 2003 pola que se establecen as bases que rexen determinados programas de axudas para o exercicio do ano 2003 da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais que, baixo a rúbrica xeral de Programas de Cooperación, están destinadas ó financiamento de accións de fomento de emprego por parte das entidades locais e se procede á súa convocatoria.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asume as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica da Xunta de Galicia e mailo Decreto 23/2003, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais asume o exercicio das competencias e funcións que ata o momento correspondían á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Así correspóndelle agora a esta consellería a convocatoria, xestión e control das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego xestionadas anteriormente polo Inem, entre as que están o programa de fomento do emprego no ámbito da colaboración coas entidades locais, cos órganos da Administración xeral do Estado e os seus organismos autónomos, comunidades autónomas, universidades e institucións sen ánimo de lucro, para a contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social e o de contratación de técnicos locais de emprego.

Estas medidas de fomento do emprego público agrúpanse, xa no ámbito competencial da Administración autonómica, baixo a rúbrica de Programas de Cooperación, respectando, en todo caso, as liñas mestras dos programas estatais ou comunitarios dos que traen causa.

A filosofía dos denominados programas de cooperación corresponde á necesidade de dar un tratamento global e coordinado ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde unha perspectiva de dinamización e de xeración de novas actividades no medio rural, con repercusión no emprego e na creación de alternativas de ocupación laboral que, inicialmente impulsadas e subvencionadas pola Administración, sexan capaces de perdurar e de ser mantidas ben por outras instancias da Administración autonómica, ben polas propias entidades locais afectadas ou ben, na medida do posible, pola propia iniciativa privada, a través do mantemento do emprego xerado pola vía do mantemento do servicio.

Os programas de cooperación concíbense ademais como medida de fomento do emprego a través da adquisición de experiencia profesional dos traballadores desempregados participantes na realización das obras ou servicios, de xeito que, coa mellora da súa empregabilidade, poidan situarse en mellores

condicións para acceder a un posto de traballo, unha vez rematada a súa participación neles.

Na presente convocatoria recóllense aquelas liñas de axuda que, integradas nos anteditos programas, se dirixen ás entidades locais. Así a orde estructúrase en tres capítulos: un dedicado ás disposicións comúns, tales como solicitude, tramitación, resolución e pagamento; e outros dous dedicados a regula-las condicións particulares de cada un dos programas: obxecto, requisitos, seguimento, etc.

As directrices europeas sobre o emprego recollen a importancia da creación de postos de traballo a nivel local e esbozan unha estratexia de implicación de toda a sociedade nese empeño. Así, o Comité das Rexións da Unión Europea, na súa resolución sobre o Pacto Europeo para o Emprego, considera determinante que municipios e rexións, na medida do posible, poidan planificar e aplica-las medidas activas de emprego do modo máis oportuno, en colaboración cos interlocutores sociais e de conformidade cos piares das devanditas directrices. Consecuentemente procede implementar un dispositivo que axude a promover iniciativas e articular mecanismos para que as administracións locais actúen como impulsoras do desenvolvemento local desde a perspectiva de que existen novos filóns de emprego non explotados susceptibles de xerar novos postos de traballo e é no ámbito local onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego.

Desde esta perspectiva faise necesario potencia-lo papel das entidades locais como motoras da creación de emprego e apoiar decididamente a constitución de pequenas e medianas empresas, dado que a súa existencia favorece un tecido empresarial máis estable, unha diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido.

Por outra banda, deben terse presentes as directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo sobre o emprego, relativas á mellora da capacidade de inserción profesional, ó desenvolvemento do espírito de empresa, ó fomento da capacidade de adaptación dos traballadores e das empresas e ó reforzamento da política de igualdade de oportunidades que deben materializarse cando se realice a selección das entidades beneficiarias e dos desempregados participantes en cada unha das accións concretas ás que aquela dea lugar.

Noutra orde de cousas, esta convocatoria axústase ó disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións.

De conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento das axudas previstas nesta orde realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.241A.460.0 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, por un importe de 10.387.006,25 A.

Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo .

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, da Inspección Xeral de Servicios e da Intervención Delegada, e, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora de Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións comúns

Artigo 1º.-Finalidade.

Esta orde ten por finalidade a definición, regulación e convocatoria dos distintos programas de axudas da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais que, baixo a rúbrica xeral de Programas de Cooperación, están destinadas ó financiamento de accións de fomento de emprego por parte das entidades locais.

Artigo 2º.-Liñas de axuda.

1. A través desta orde, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais subvencionará as entidades locais que contraten:

a) Traballadores desempregados para a realización de obras e servicios de interese xeral e social, nos termos establecidos no capítulo II desta orde.

b) A prestación de servicios públicos con empresas cualificadas como iniciativas de emprego, con centros especiais de emprego ou con empresas de economía social constituídas por mozos ou desempregados que participasen nalgún obradoiro de emprego ou curso de formación ocupacional ou por parados de longa duración ou por mulleres, nos termos establecidos no capítulo III desta orde.

2. As axudas previstas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.241A.460.0.

Artigo 3º.-Beneficiarios das subvencións.

Poderán ser beneficiarios da subvención as entidades locais ou entidades dependendentes ou vinculadas a unha Administración local que dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.

Artigo 4º.-Solicitudes, documentación e prazo.

1. As entidades locais que pretendan beneficiarse destas subvencións deberán formaliza-las correspondentes solicitudes, segundo o modelo anexo I, de acordo co disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que estarán ó seu dispor nas oficinas de emprego e nas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego y Relacións Laborais.

2. As solicitudes, que en todo caso deberán ser subscritas polo titular ou representante legal da entidade local, debidamente acreditado, deberán ir acompañadas, en duplicado exemplar, da seguinte documentación:

A) Documentación común:

-Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade local.

-Ficha de transferencia bancaria, no modelo que se publica como anexo VI.

-Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, no modelo que se publica como anexo V.

B) Documentación específica:

B.1) Axudas reguladas no capítulo II desta orde:

a) Certificación do secretario da entidade local na que consten os seguintes extremos:

-A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

-A aprobación da solicitude de subvención.

-A disposición de financiamento para as partidas orzamentarias que sexan financiadas por aquela.

b) Memoria explicativa, redactada polo técnico local de emprego da entidade local, se o hai, na que necesariamente debe figurar:

-Un estudio actualizado da estructura do paro por colectivos do seu ámbito territorial.

-A vinculación dos programas de cooperación solicitados coa estructura do paro do ámbito territorial, cos colectivos ós que van dirixidos e cos recursos e potencialidades da zona, apuntando os aspectos positivos que, previsiblemente, terá a posta en práctica dos programas no desenvolvemento económico e social do territorio.

c) Se é o caso, proxecto global do conxunto dos plans de obras e servicios que se van realizar, no modelo que se publica como anexo II.

d) Unha memoria de cada obra ou servicio, no modelo que se publica como anexo III, xunto co proxecto e planos cando o tipo de obra así o esixa.

B.2) Axudas reguladas no capítulo III desta orde:

a) Certificación do secretario da entidade local na que consten os seguintes extremos:

-A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

-O acordo de adxudicación provisional do contrato, cando este sexa preciso, a súa duración e o seu custo.

b) Memoria explicativa da conveniencia da prestación dos servicios, no modelo que se publica como anexo IV, que inclúa, ademais, os datos identificativos da empresa concesionaria ou centro especial de emprego.

3. As solicitudes dirixiranse ás delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. O prazo para a presentación de solicitudes será de 40 días a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Procedemento.

1. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos en cada caso esixidos ou a documentación achegada contivese erros ou sexa insuficiente, a delegación provincial requirirá o solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, terase por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá dictarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

2. Revisados os expedientes e completados, de se-lo caso, remitiránselle á comisión de valoración para o seu estudio e proposta de resolución.

3. Para os efectos previstos nesta orde a comisión de valoración estará composta polo secretario provincial, que a presidirá, e serán vocais o xefe de servicio de Fomento do Emprego e un xefe de sección do dito servicio, actuando este último como secretario.

Artigo 6º.-Resolución e recursos.

1. Dentro dos seis meses seguintes á entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver, logo do informe da comisión de valoración e fiscalizada a proposta pola respectiva Intervención Territorial, o delegado provincial, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego y Relacións Laborais, dictará a resolución que proceda, debendo ser notificada ós interesados. Transcorrido o devandito prazo sen que se dictara resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

2. As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da notificación da resolución, se fose expresa; se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, agás nos casos en que procedera o requirimento regulado nos tres primeiros puntos do artigo 44 da devandita lei, nos que o prazo contarase desde o día seguinte a aquel no que se reciba a comunicación do acordo expreso ou se entenda presuntamente rexeitado.

Artigo 7º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación, na delegación provincial da consellería, da seguinte documentación:

A) Documentación común:

-Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

B) Documentación específica:

B.1) Axudas reguladas no capítulo II desta orde:

-Orixinais ou copias compulsadas dos contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados e dos partes de alta na Seguridade Social.

-A certificación prevista no artigo 16º.3 desta orde, relativa á selección e contratación dos traballadores.

-Un certificado do secretario da entidade local no que consten as retribucións dos traballadores, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mailas cotizacións á Seguridade Social.

B.2) Axudas reguladas no capítulo III desta orde:

-Contrato administrativo de prestación de servicios públicos, copia compulsada do documento nacional de identidade dos socios traballadores, dos autónomos e, se é o caso, dos contratos debidamente comunicados dos traballadores contratados por conta allea, xustificación dos colectivos ós que pertencen, alta no IAE e, se é o caso, no réxime de autónomos.

2. A documentación xustificativa deberá remitirse á respectiva delegación provincial no prazo dun mes desde o inicio da obra ou servicio, agás autorización expresa de ampliación do mesmo por aquela, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria. En todo caso, esta documentación deberá obrar na respectiva delegación provincial antes do 31 de decembro do ano 2003.

Artigo 9º.-Incompatibilidades e obrigas dos beneficiarios.

1. Con carácter xeral, o importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-la entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

2. As entidades beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde virán obrigadas a:

a) Realiza-la actividade ou adopta-lo comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar ante a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a realización da actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos ou condicións que determinan a concesión ou desfrute da axuda, en particular e no caso das axudas do capítulo III, que os requisitos que serviron de base á concesión da subvención se manteñen ó longo da duración do período subvencionado.

c) O sometemento ás actuacións de comprobación e control que poda efectua-la Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas e ás que poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e ó Tribunal de Contas da Unión Europea.

d) Comunicarlle á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego y Relacións Laborais a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional.

e) Identificar convenientemente, para os efectos de difusión pública, as obras e servicios que se realicen, adecuándose á normativa correspondente e ás previsións do Fondo Social Europeo.

f) Satisfacer, no momento do seu vencemento, as obrigas económicas que se deriven do funcionamento dos servicios subvencionados, especialmente as de carácter salarial, tendo en conta que a retribución dos traballadores que se incorporen a estes programas será, de conformidade co disposto no artigo 15.1º d) do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, na súa redacción dada pola Lei 12/2001, do 9 de xullo, a que se acorde entre as partes sen que poida ser inferior á establecida, se é o caso, para os contratos de inserción no convenio colectivo aplicable. Todo isto con independencia de que se percibise con anterioridade á subvención concedida.

g) Cumpri-las demais obrigas que se poidan derivar da normativa de desenvolvemento desta orde.

Artigo 10º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde ou na normativa que a desenvolva orixinará, á vista da natureza e causas do incumprimento, o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Capítulo II

Das subvencións para a contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social

Artigo 11º.-Obxecto.

Este programa ten por obxecto o fomento do emprego, no ámbito da colaboración coas entidades locais, a través da subvención da contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social.

Artigo 12º.-Contía.

1. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á base mínima do grupo de cotización

ó que corresponda a categoría profesional desempeñada polo traballador contratado, máis a cotización empresarial á Seguridade Social derivada do dito salario, todo isto con independecia da retribución que finalmente perciba o traballador.

2. A contía da subvención prevista reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

Artigo 13º.-Requisitos e criterios para a selección das obras ou servicios.

1. As obras ou servicios que se van realizar deberán ser de interese xeral e social e competencia das entidades locais, incluídas aquelas que se realicen sobre bens inmobles que poñan á disposición da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, e se refiran a:

a) Obras destinadas á construcción ou reparación de instalacións para poñelas á disposición dos titulares de iniciativas de emprego, durante 5 anos e mediante o pagamento reducido de alugueres.

b) Obras destinadas á construcción ou reparación de instalacións para poñelas á disposición dos promotores de iniciativas de emprego, para a posta en marcha das anteditas iniciativas.

c) Obras ou servicios de utilidade colectiva, tales como mellora da vivenda, vixilancia e seguridade, revalorización de espacios públicos urbanos, transportes colectivos, comercios de proximidade, así como actividades que afecten á xestión de residuos, xestión de augas, protección e mantemento de zonas naturais así como aquelas que incidan, directa ou indirectamente, no control da enerxía.

d) Obras ou servicios que sirvan para complementar ou remata-los traballos dunha escola obradoiro.

e) Servicios de ocio ou culturais, tales como promoción do turismo, desenvolvemento cultural local, promoción do deporte e sector audiovisual.

f) Servicios personalizados de carácter cotián, tales como coidado de nenos, prestación de axuda a domicilio a persoas con discapacidade ou maiores, axuda a familias e mozos en dificultade e/ou con desarraigamento social.

g) Servicios dirixidos ós mozos e tendentes a favorece-la súa participación social e laboral.

h) Obras ou servicios dirixidos a paliar ou repara-los danos ou efectos producidos con ocasión de temporais, inclemencias meteorolóxicas ou calquera outro fenómeno da natureza.

i) Aqueloutras obras ou servicios de recoñecido interese xeral ou social que poidan demanda-las entidades locais e que redunden en beneficio dos cidadáns.

2. Ademais, as obras ou servicios deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polas empresas ás que se adxudique a súa execución.

b) Que na súa execución ou prestación se favoreza a formación e práctica profesionais dos desempregados.

c) Que a porcentaxe mínima de traballadores desempregados que se vaian ocupar na realización da obra ou servicio sexa do 75 por 100.

d) Que as obras e servicios se poidan executar na súa totalidade dentro do ano natural do exercicio orzamentario no que se produce a colaboración, agás que por causas debidamente xustificadas, o órgano competente para resolver autorice que poidan quedar rematadas dentro dos tres primeiros meses do exercicio orzamentario seguinte.

e) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servicios, mediante certificación do órgano competente da entidade local.

3. De entre as obras e servicios que cumpran os anteditos requisitos farase unha selección co obxecto de outorgárlle-las correspondentes subvencións, dándolles preferencia:

a) Ós que teñan un ámbito de actuación superior ó municipal e impliquen, no seu deseño e execución, a outras entidades locais do contorno.

b) Ós proxectos que fomenten a xeración de novas actividades ligadas ó territorio e á creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral.

c) Ós proxectos que na súa realización permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo estables.

d) Ós proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral, ben mediante a incorporación directa dos traballadores á entidade local á finalización do proxecto ou no prazo que se acorde entre a entidade beneficiaria e o órgano competente para resolver, ou calquera outra fórmula de previsión para a inserción laboral que, sendo obxectivable, este considere suficiente.

e) Ós proxectos que conten, se é o caso, co financiamento das entidades solicitantes para realizar accións complementarias que melloren a eficacia deste programa. Para estes efectos terase en conta o esforzo investidor para cada suposto.

f) Ós proxectos que se realicen, preferentemente, en períodos de baixo nivel de contratación, cando as obras ou servicios sexan executados nunha zona ou localidade con ciclos de emprego estacional.

4. Malia o establecido no punto anterior, serán en todo caso prioritarios os proxectos nos que o seu contido e desenvolvemento fosen obxecto de acordo entre a entidade local e os axentes económicos e sociais con presencia no territorio.

Artigo 14º.-Contido da resolución.

A resolución que poña fin ó expediente de solicitude conterá, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Denominación da obra ou servicio aprobado.

b) Denominación do proxecto global.

c) Duración e data de inicio.

d) Contía da subvención que se vai outorgar.

e) Categoría profesional e grupo de cotización dos traballadores que se van contratar.

f) Localización xeográfica da realización da obra ou servicio.

g) Código que se vaia incluír nos contratos para a súa posterior mecanización e rexistro para efectos estatísticos.

h) Referencia ó cofinanciamento polo Fondo Social Europeo da subvención concedida.

Artigo 15º.-Selección dos traballadores.

1. Os traballadores que sexan contratados para a realización das obras e servicios e polos que se outorgue a subvención deberán ser desempregados inscritos no Servicio Público de Emprego de Galicia.

2. As entidades beneficiarias da subvención solicitarán os traballadores desempregados necesarios mediante a presentación de oferta de emprego na oficina de emprego correspondente nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia ós requisitos e características que deben reuni-los traballadores que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes ós postos de traballo ofertados, debendo presentarse unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación.

A oferta, na súa formulación non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación que non responda ós criterios preferenciais establecidos no parágrafo seguinte.

3. Recibida a oferta realizarase unha sondaxe de demandantes en función das características dela atendendo á maior adecuación ó posto de traballo ofertado, proporcionando, de ser posible, o número de candidatos por posto de traballo que solicite a entidade beneficiaria, que en ningún caso poderá ser inferior a dous, de acordo cos seguintes criterios de selección:

a) Condición de discapacitado do demandante de emprego.

b) Nivel de protección por desemprego dos posibles beneficiarios.

c) Existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas ter a cargo do traballador desempregado que se contrata o cónxuxe, fillos menores de vinteseis anos, maiores incapacitados ou menores acollidos.

d) Condición de muller.

En todo caso, terán prioridade os traballadores desempregados maiores de 30 anos, así como os menores da devandita idade que, por non cumpri-los requisitos establecidos no artigo 2 do Decreto 148/2002, do 18 de abril (DOG nº 83, do 30 de abril), non sexan beneficiarios do Programa Labora: «Xuventude con Experiencia».

4. Cando as obras ou servicios que se van realizar sirvan para complementar ou remata-los traballos dunha escola obradoiro de duración inferior a 24 meses, darase preferencia ós traballadores desempregados que participasen naquela.

5. Os candidatos serán remitidos á entidade beneficiaria co fin de que esta realice a selección definitiva, que lle deberá ser notificada, para o seu coñecemento, á correspondente oficina de emprego.

Artigo 16º.-Contratación dos traballadores.

1. Seleccionados os traballadores na forma prevista no artigo anterior, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación nos termos expresados na solicitude en relación coa resolución de concesión de axudas, utilizando a modalidade de contrato temporal de inserción. Os traballadores que sexan parte nestes contratos non poderán repeti-la súa participación ata transcorridos tres anos desde o remate do anterior contrato desta natureza, sempre e cando o traballador fose contratado baixo esta modalidade por un período superior a nove meses nos últimos tres anos, de acordo co disposto no artigo 15.1º d) do Real decreto lexislativo 1/1995, de 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores na súa redacción dada pola Lei 12/2001, do 9 de xullo.

2. Os contratos de traballo subscritos cos traballadores seleccionados comunicaránselle á oficina de emprego correspondente coa indicación de Programas de Cooperación Xunta de Galicia-entidades locais, debendo incluírse, en cada contrato, o código reflictido na resolución de concesión das axudas.

3. A entidade beneficiaria remitiralle á delegación provincial, no prazo e xunto coa documentación prevista no artigo 8º desta orde, unha certificación do secretario da entidade local na que consten os seguintes extremos:

a) A formulación de oferta na correspondente oficina de emprego do Servicio Público de Emprego de Galicia.

b) A relación nominal de traballadores desempregados facilitada pola oficina de emprego.

c) A relación nominal dos traballadores seleccionados e contratados.

Artigo 17º.-Inicio das obras ou servicios.

A obra ou servicio iniciarase no prazo de trinta días naturais, contados a partir da data de inicio prevista na resolución. Non obstante, cando concorran causas debidamente xustificadas, o delegado provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá autoriza-lo inicio da obra ou servicio con posterioridade ó devandito prazo, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

Artigo 18º.-Seguimento e publicidade.

1. No prazo dun mes desde o remate da obra ou servicio, a entidade local remitiralle á respectiva delegación provincial un informe certificado de fin de obra ou servicio, no modelo normalizado que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

2. Para efectos de difusión pública, no lugar onde se realicen as obras ou servicios deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, en modelo normalizado, no que constará o cofinanciamento pola Con

sellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia e, se é o caso, polo Fondo Social Europeo.

Capítulo III

Das subvencións para a contratación de servicios públicos con empresas cualificadas como iniciativas de emprego, con centros especiais de emprego ou con empresas de economía social constituídas por mozos ou por desempregados que participasen nalgún obradoiro de emprego ou curso de formación ocupacional ou por parados de longa duración ou por mulleres

Artigo 19º.-Obxecto.

1. Este programa ten por obxecto o fomento do emprego, no ámbito da colaboración coas entidades locais, a través da subvención da contratación por parte destas, da prestación de servicios públicos de interese xeral e social con empresas creadas nos últimos tres anos, computados ata o remate do prazo de presentación de solicitudes establecido no artigo 3º.3 desta orde, que cumpran algún dos seguintes requisitos:

a) Que teñan a cualificación de iniciativas de emprego e que xerasen emprego estable para tres desempregados no momento da contratación do servicio pola entidade local.

b) Que se trate de centros especiais de emprego.

c) Que se trate de empresas de economía social dirixidas e constituídas, preferentemente, por algún dos seguintes colectivos:

-Menores de 30 anos.

-Mulleres.

-Traballadores que, ata a súa incorporación á empresa, tivesen a condición de parados de longa duración.

-Traballadores que participasen nalgún obradoiro de emprego ou curso de formación ocupacional sobre a actividade que presta a empresa constituída.

-Mozos titulados universitarios ou de formación profesional.

2. Para os efectos previstos nesta orde, entenderase por entidades de economía social susceptibles de ser subvencionada a súa contratación, as seguintes:

a) As cooperativas de traballo asociado e as sociedades laborais nas que alomenos a metade dos seus socios traballadores pertenzan a algún dos colectivos enumerados no artigo 19º.1 c).

b) Os autónomos que, pertencendo a algún dos citados colectivos, teñan contratados, como mínimo, dous traballadores por conta allea, dos que alomenos un estea incluído nun destes colectivos.

3. As entidades locais ou entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local, que se obriguen á contratación ou á prórroga da contratación da prestación de servicios públicos de interese xeral e social coas entidades referidas nos puntos ante

riores, poderán ser beneficiarias da subvención, sempre que:

a) Non resolvera ou non deixara de renovar nos tres anos inmediatamente anteriores un contrato co mesmo obxecto.

b) A duración mínima do contrato sexa igual ou superior a 6 meses.

c) Se respecte a lexislación vixente en materia de contratación administrativa das administracións públicas.

4. Os requisitos esixidos nos epígrafes anteriores deberán manterse ó longo da duración do período subvencionado.

Artigo 20º.-Contía.

1. Con carácter xeral, a subvención consistirá no financiamento de ata o 80 por 100 do custo total da contratación do servicio co límite máximo de 9.100 A por emprego estable creado, socio traballador ou traballador contratado.

2. Cando a contratación se realice con empresas dirixidas e constituídas, preferentemente, por mozos que participasen como alumnos nunha escola obradoiro ou casa de oficios subvencionada nos últimos tres anos pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais ou ben en obras ou servicios de interese xeral e social realizados en virtude de calquera outro programa de fomento do emprego subvencionado nos últimos dous anos pola citada consellería, a subvención poderá financia-lo 100 por 100 do custo total da contratación do servicio, respectando o límite máximo anteriormente establecido.

Artigo 21º.-Criterios para a selección dos contratos que se van subvencionar.

De entre as entidades solicitantes que reúnan os requisitos sinalados, farase unha selección co obxecto de outorgárlle-las correspondentes subvencións, dándolles preferencia:

a) Ós proxectos que, fomentando a xeración de novas actividades ligadas ó territorio e a creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral se realicen, preferentemente, nalgún dos seguintes subsectores:

1. Servicios de utilidade colectiva, tales como mellora da vivenda, vixilancia e seguridade, revalorización de espacios públicos urbanos, transportes colectivos, comercios de proximidade, así como actividades que afecten á xestión de residuos, xestión de augas, protección e mantemento de zonas naturais así como aquelas que incidan, directa ou indirectamente, no control da enerxía.

2. Servicios de ocio ou culturais, tales como promoción do turismo, desenvolvemento cultural local, promoción do deporte e sector audiovisual.

3. Servicios personalizados de carácter cotián, tales como coidado de nenos, prestación de axuda a domicilio a persoas con discapacidade ou maiores, axuda a familias e mozos en dificultade e/ou con desarraigamento social.

4. Servicios dirixidos ós mozos e tendentes a favorece-la súa participación social e laboral.

b) Ós proxectos que na súa realización permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo estables.

Artigo 22º.-Prórroga da contratación.

1. As entidades locais ou entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local que percibisen en exercicios anteriores a subvención prevista neste capítulo, poderán solicita-la correspondente prórroga.

2. Na resolución que, de se-lo caso, aprobe a concesión da prórroga terase en conta o cumprimento dos requisitos previstos no momento da concesión inicial e que non se poderá subvencionar unha mesma contratación durante máis de tres exercicios orzamentarios.

Artigo 23º.-Seguimento e publicidade.

1. No prazo dun mes desde o remate do contrato, a entidade local remitiralle á respectiva delegación provincial un informe pormenorizado dos servicios realizados pola empresa contratada, dos postos de traballo xerados, así como das perspectivas de continuidade dela.

2. Para efectos de difusión pública, nas accións que se realicen deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, en modelo normalizado, no que constará o cofinanciamento pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.

Dsposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario na aplicación 14.04.241A.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2003.

Segunda.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Terceira.-Se, por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o respectivo delegado/a provincial.

Diposicións derradeiras

Pimeira.-Autorízase o director xeral de Promoción do Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2003.

María José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e

Relacións Laborais