Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Martes, 18 de febreiro de 2003 Páx. 1.819

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

DECRETO 159/2003, do 31 de xaneiro, polo que se regula a figura do mediador familiar, o Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia e o recoñecemento da mediación gratuíta.

O Parlamento de Galicia, en virtude da competencia que en materia de asistencia social lle atribúe o artigo 27.13º do Estatuto de autonomía, aprobou a Lei 4/2001, do 31 de maio, da mediación familiar. A dita lei ten por obxecto regula-la institución da mediación familiar en Galicia, como método de procura-la solución dos conflictos que poidan xurdir en supostos de crise matrimonial ou de parella. Para os efectos da lei, enténdese por mediación familiar a intervención de profesionais especializados requiridos voluntariamente e aceptados, en todo caso, polas partes en condición de mediador. A mediación poderá utilizarse tanto con carácter previo á iniciación de procedementos xudiciais como para acharlles saída a procedementos xudiciais en curso.

Xa que logo, a figura do mediador perfílase como elemento clave e vertebrador da institución da mediación familiar en Galicia. A Lei de mediación familiar, non obstante, non regula polo miúdo esta

figura, limitándose a establecer no artigo 5 a intervención, en cada procedemento de mediación, dunha persoa inscrita no rexistro de mediadores, que deberá reuni-los requisitos de experiencia profesional e formación específica que se establezan regulamentariamente. En todo caso, serán expertos en actuacións psico-socio-familiares.

Polo tanto, este decreto ten por obxecto a regulación da figura do mediador familiar así como a creación e regulación do Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia, no que preceptivamente deberán estar inscritos os mediadores para así poderen desenvolver axeitadamente a súa función, tal e como prescribe o artigo 18 da Lei reguladora da mediación familiar.

No seu desenvolvemento, o decreto ten en conta as pautas coas que a lei perfilou a institución mediadora e a figura do mediador, tendo así presente que a figura do mediador familiar se caracteriza por ser un profesional especializado, imparcial e independente, do que se require a súa actuación, por iniciativa das partes, para os efectos de facer posible a apertura de canles de comunicación entre elas, facilitándolles, con este fin, un procedemento de negociación que lles permita acadar solucións satisfactorias para as súas situacións de conflicto familiar, sen atribuírlle, polo tanto, facultades decisorias ou dirimentes sobre o conflicto, como é propio das arbitraxes.

Polo que antecede, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, por proposta da conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado, de acordo co informe do Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de xaneiro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

En desenvolvemento da Lei reguladora da mediación familiar, este decreto ten por obxecto:

a) Defini-lo concepto de mediador familiar e os requisitos de experiencia profesional e formación específica que estes deben posuír.

b) Regula-los dereitos e as obrigas dos mediadores familiares.

c) Establece-las causas de abstención e recusación dos mediadores familiares nos procesos de mediación.

d) Regula-lo procedemento de habilitación para a inscrición no Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia.

e) Crear e regula-la organización e funcionamento do Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia e a inscrición dos mediadores neste.

f) Regula-lo procedemento de designación dos mediadores familiares.

g) Regula-lo procedemento para o recoñecemento da mediación gratuíta.

Capítulo II

Dos mediadores familiares

Artigo 2º.-Concepto.

Considéranse mediadores familiares, para os efectos do disposto este decreto, aqueles profesionais especializados en actuacións psico-socio-familiares que, estando inscritos no Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia, actúen en funcións de cooperación e auxilio a aquelas persoas que teñen ou tiveron unha relación familiar, para ofrecerlles unha solución pactada á súa problemática matrimonial ou de parella, no marco do previsto na Lei 4/2001, do 31 de maio, reguladora da mediación familiar.

Artigo 3º.-Requisitos de habilitación para a inscrición no Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia.

1. Para o exercicio da actividade de mediación familiar regulada na Lei 4/2001, do 31 de maio, e no presente decreto, cómpre estar inscrito no rexistro de Mediadores Familiares de Galicia.

2. Para obte-la correspondente habilitación para a inscrición no rexistro deberán reunirse os seguintes requisitos:

a) Ser titulado en dereito, psicoloxía, pedagoxía, psicopedagoxía, traballo social ou en educación social.

b) Ter desenvolvido, alomenos durante os dous anos inmediatamente anteriores á solicitude de habilitación para a inscrición, actividades profesionais no eido psico-socio-familiar.

c) Estar en posesión das licencias ou autorizacións pertinentes para o exercicio da súa actividade profesional e, se é o caso, inscrito no seu colexio profesional.

Artigo 4º.-Dereitos dos mediadores.

Os mediadores familiares, no exercicio da actividade de mediación, terán os seguintes dereitos:

a) A actuar con total liberdade e independencia no desenvolvemento da actividade mediadora.

b) A esixirlles ás partes durante o desenvolvemento da actividade mediadora o debido respecto ás súas actuacións.

c) A obter da consellería competente en materia de familia toda a axuda e o asesoramento que precisa para o mellor desenvolvemento da súa actividade.

e) A ter garantido o dereito ó segredo profesional nos termos previstos nas leis.

f) A dar por rematada a mediación no momento que aprecie nalgunha das partes falta de vontade ou exista unha incapacidade manifesta para chegar a un acordo ou que a continuidade da mediación

non sexa eficaz, nos termos previstos no artigo 15 da Lei 4/2001.

g) Ó cobramento dos seus honorarios, comunicados e aceptados antes de inicia-la mediación polas partes intervenientes.

Artigo 5º.-Obrigas dos mediadores.

Os mediadores familiares, no desenvolvemento da actividade mediadora, teñen as seguintes obrigas:

a) Actuar de xeito imparcial e neutral, debendo absterse cando concorra algunha das causas previstas no artigo 6º deste decreto.

b) Garanti-lo deber de segredo e confidencia nos termos previstos no artigo 11 da Lei 4/2001, do 31 de maio, reguladora da mediación familiar.

c) Exercer con dilixencia a actividade mediadora, sen poder abandonar ou renunciar a ela sen causa xustificada.

d) Exerce-la actividade mediadora mantendo o respecto ós intereses superiores e ó benestar dos nenos e das nenas.

e) Proporciona-la información sobre un procedemento de mediación en curso cando esta sexa requirida pola autoridade xudicial ou calquera información requirida polo Ministerio Fiscal no exercicio das súas funcións.

f) Tratar con respecto e dignidade as partes sometidas á mediación.

g) Facilita-la comunicación entre as partes, promove-la comprensión entre elas e axudar á procura de posibles solucións ó conflicto suscitado.

i) Velar por que as partes tomen as súas decisións dun xeito libre, voluntario e informado.

j) Asistir persoalmente ás reunións ou sesións de mediación, sen que poida valerse de representantes ou outros intermediarios.

k) Remitir á consellería competente en materia de familia copia do informe da xuntanza inicial e da acta que poña fin ó proceso de mediación.

l) Poñer inmediatamente en coñecemento da autoridade xudicial ou do Ministerio Fiscal os indicios de comportamentos que supoñan unha ameaza para a vida ou a integridade física ou psíquica dalgunha das persoas afectadas pola mediación.

m) Subministrarlle á consellería competente en materia de familia todos aqueles datos que lles sexan requiridos de conformidade coa normativa vixente.

Artigo 6º.-Da abstención e recusación dos mediadores.

1. Os mediadores familiares nos que concorra algunha das circunstancias previstas no punto seguinte deste artigo deberán absterse de intervir nos procedementos de mediación e deberán comunicalo de inmediato á consellería competente en materia de familia, que resolverá o que proceda.

2. Son causas de abstención:

a) Ter interese persoal no asunto obxecto de mediación ou en calquera outro que poida influír directamente ou indirectamente nel.

b) Ter cuestión litixiosa pendente con algunha das partes intervenientes na mediación.

c) Ter vínculo de parentesco por consanguinidade ou afinidade ata o cuarto grao con algunha das partes intervenientes na mediación, cos seus asesores, representantes legais ou mandatarios, así como comparti-lo despacho profesional ou estar asociado con estes para o asesoramento, a representación ou o mandato.

d) Ter amizade íntima ou enemizade manifesta con algunha das persoas citadas no punto anterior.

e) Ter intervido como perito ou testemuña no proceso xudicial previo á mediación.

f) Ter relación de servicio coas partes intervenientes na mediación ou terlles prestado servicios profesionais de calquera tipo e en calquera circunstancia ou lugar, agás servicios de mediación familiar no ámbito desta norma, nos dous anos anteriores ó inicio do procedemento de mediación.

3. No suposto de que concorra algunha das circunstancias previstas no número 2 e o mediador non decline a súa designación, calquera das partes pode, en calquera momento do proceso, recusa-la súa designación mediante escrito motivado no que se faga consta-la causa ou causas da recusación.

A recusación será resolta, oído o mediador, polo titular da dirección competente en materia de familia.

Capítulo III

Procedemento para obte-la habilitación para a

inscrición no Rexistro de Mediadores Familiares

de Galicia

Artigo 7º.-Solicitudes e documentación.

1. Os interesados na obtención da habilitación para a inscrición no rexistro de mediadores familiares presentarán solicitude conforme o modelo que figura no anexo I, xunto coa documentación que se relaciona nel, na dirección xeral competente en materia de familia, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. No caso de que a documentación requirida segundo o anexo I resulte incompleta ou defectuosa, a dirección xeral competente en materia de familia requirirá o solicitante para que nun prazo de 10 días achegue os documentos preceptivos ou emende os defectos observados, con indicación de que, se non o fixese así, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se considerará desistido da súa petición, logo da resolución que deberá dictarse nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

Artigo 8º.-Resolución.

1. Correspóndelle á dirección xeral competente en materia de familia a resolución das habilitacións para a inscrición no rexistro no prazo máximo de dous meses desde a presentación da solicitude do interesado. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, a solicitude entenderase estimada.

2. Contra a antedita resolución poderase interpoñer recurso de alzada perante o titular da consellería competente en materia de familia, no prazo dun mes que comezará a contar desde o día seguinte ó da súa notificación.

3. Unha vez concedida a habilitación para a inscrición, a Administración procederá de oficio a esta no Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia, de acordo co disposto no artigo 12 deste decreto.

Artigo 9º.-Vixencia da inscrición no Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia.

1. A inscrición terá unha vixencia de dous anos, quedando prorrogada tacitamente por períodos anuais, agás no suposto de que o mediador solicite a súa baixa cun prazo de antelación mínima dun mes á data de vencemento. Neste caso, o mediador estará obrigado a remata-las mediacións que teña pendentes.

Capítulo IV

Do Rexistro de Mediadores Familiares

Artigo 10º.-Creación.

1. Créase o Rexistro de Mediadores Familiares e adscríbese á consellería competente en materia de familia.

2. No rexistro, que será xestionado a través da dirección xeral competente en materia de familia, deberán ser inscritas todas aquelas persoas que cumpran os requisitos esixidos no artigo 3 da presente disposición.

3. O Rexistro de Mediadores Familiares constitúese como un instrumento básico de coñecemento, control, ordenación, organización e publicidade dos mediadores inscritos.

Artigo 11º.-Da organización do rexistro.

1. O rexistro constará materialmente dun libro diario e un ficheiro auxiliar de mediadores que se levarán simultaneamente sobre soportes escritos e informáticos.

2. Cada mediador abrirá folio no libro de rexistro e asignaráselle un número diferente e correlativo, no que se farán consta-los datos establecidos no artigo seguinte.

3. O rexistro de mediadores familiares agrupará as inscricións por partidos xudiciais nos que os mediadores desenvolvan a súa actividade, para os efectos de facilita-las consultas.

4. As inscricións realizaranse seguindo a orde temporal de habilitación dos mediadores e sendo da mesma data por orde alfabética.

5. O responsable do rexistro realizará as anotacións nel, velará polo seu bo funcionamento e facilitará o acceso de todas aquelas persoas interesadas en acceder ós servicios de mediación familiar.

Artigo 12º.-Da inscrición e anotacións no Rexistro de Mediadores Familiares.

1. A inscrición no Rexistro de Mediadores Familiares será practicada de oficio unha vez comprobados os requisitos esixidos no artigo 3º desta disposición.

2. No folio rexistral de cada mediador farase constar expresamente:

a) Os datos precisos para a identificación persoal do mediador.

b) A titulación e actividade profesional do mediador, debendo constar, en todo caso, o seu domicilio profesional.

c) Data da inscrición, así como das sucesivas prórrogas.

d) As posibles sancións impostas ós mediadores no exercicio das súas funcións.

e) A data das altas e baixas voluntarias do mediador, se é o caso.

3. Os mediadores familiares están obrigados a comunicarlle ó rexistro de mediadores calquera variación dos datos iniciais de inscrición.

Artigo 13º.-Da publicidade do rexistro.

1. O Rexistro de Mediadores Familiares é público e o acceso a este polos cidadáns exercerase nos termos e condicións previstos no artigo 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O acceso ós datos do rexistro realizarase mediante solicitude por escrito do interesado dirixida ó seu responsable, na que se explicitarán as causas polas que se require.

3. A resolución pola que se denegue o acceso ó rexistro deberá ser motivada.

Capítulo V

Da designación dos mediadores familiares

Artigo 14º.-Designación dos mediadores familiares polas partes.

1. O mediador familiar será designado de común acordo polas partes de entre os inscritos no Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia, logo de solicitude formalizada ante da dirección xeral competente en materia de familia (anexo II).

2. Recibida a solicitude, e unha vez comprobado que o mediador designado nela figura inscrito no Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia, o titular da dirección xeral competente en materia de familia emitirá resolución na que se designe o mediador, no prazo de 10 días contados desde o seguinte ó da presentación da solicitude, que lles será notificada ós interesados.

Artigo 15º.-Designación dos mediadores pola consellería competente en materia de familia.

Procederá a designación pola consellería competente en materia de familia nos seguintes supostos:

1. Acordo das partes na utilización do procedemento de mediación pero non sobre o mediador.

2. Presentación da solicitude de mediador por unha soa das partes. Nestes supostos a consellería competente en materia de familia deberá solicitar, con carácter previo á designación do mediador, o consentimento da outra parte.

3. Interrupción da mediación por desistimento do mediador ou por desacordo das partes co mediador, mantendo a vontade de continuar co proceso de mediación, se non se designase un novo mediador polas partes.

4. Abstención ou recusación do mediador designado, cando as partes non cheguen a un acordo para a designación dun novo mediador.

Artigo 16º.-Procedemento para a designación do mediador pola consellería competente en materia de familia.

1. Nos supostos previstos nos puntos 1 e 2 do artigo anterior, as partes deberán presentar solicitude normalizada de designación do mediador ante a dirección xeral competente en materia de familia (anexo II).

Para os supostos previstos nos puntos 3 e 4 do artigo 15º, a consellería competente en materia de familia designará de oficio o mediador, unha vez acreditada a vontade das partes de continuar co proceso de mediación.

2. O mediador familiar designarase, de acordo cos criterios de orde temporal das inscricións no rexistro e de rotación entre tódolos agrupados, en función do partido xudicial nos que os mediadores desenvolvan a súa actividade, tendo en conta o disposto nos números 2 e 3 do artigo 11 deste decreto.

3. O titular da dirección xeral competente en materia de familia dictará resolución de designación do mediador no prazo de 10 días, contados desde o seguinte ó da presentación da solicitude ou, de se-lo caso, desde o seguinte á aceptación do desestimento, abstención ou recusación.

4. Esta resolución seralles notificada ós interesados e ó mediador designado.

Artigo 17º.-Designación do mediador na mediación gratuíta.

Nos supostos nos que xunto coa designación do mediador se solicite o recoñecemento da gratuidade da mediación, nas resolucións de designación de mediador deberase facer constar tal extremo, indicando a obriga dos interesados de aboa-las tarifas ocasionadas polos servicios efectivamente prestados polos profesionais designados, no caso de non obte-lo recoñecemento do dereito á mediación gratuíta.

Capítulo VI

Da mediación gratuíta

Artigo 18º.-Procedemento para o recoñecemento da mediación gratuíta.

1. Os solicitantes que reúnan, ou poidan reunir, a condición de beneficiarios do dereito de asistencia xurídica gratuíta de conformidade cos criterios establecidos na Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, deberán solicitar, xunto coa designación do mediador, o recoñecemento da mediación gratuíta (anexo III), achegando, se é o caso, a documentación acreditativa.

2. A dirección xeral competente en materia de familia comprobará e solicitará a información que considere precisa para verifica-la exactitude e realidade dos datos declarados polos solicitantes.

3. Analizada a solicitude e os documentos xustificativos, a dirección xeral competente en materia de familia resolverá, no prazo máximo de trinta días, contados a partir da recepción da solicitude ou da emenda dos defectos observados, sobre o recoñecemento da mediación gratuíta, comunicándollela ós interesados e ó mediador designado.

4. Se os solicitantes tiveran iniciado un proceso xudicial de dereito de familia e recoñecido para este o dereito de asistencia xurídica gratuíta, a dirección xeral competente en materia de familia resolverá automaticamente a gratuidade da mediación, logo da xustificación documental.

5. Nos supostos previstos no parágrafo anterior, se o dereito de asistencia xurídica gratuíta estivese pendente de determinación, a dirección xeral competente en materia de familia non resolverá sobre a gratuidade da mediación ata a resolución daquela.

Disposición adicional

A consellería competente en materia de familia poderá asinar convenios de colaboración cos correspondentes colexios profesionais ou asociacións para a atención da mediación gratuíta prevista no artigo 9 da Lei 4/2001, reguladora da mediación familiar.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o cumprimento e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de xaneiro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado