A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, dispón no seu artigo 10 que os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega. O mesmo artigo establece no seu número 2 que lle corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia.
Tendo en conta o Decreto 132/1984, do 6 de setembro, polo que se establece o procedemento para a fixación ou recuperación da toponimia, contando co preceptivo dictame da Comisión de Toponimia, emitido na súa reunión do día dezasete de decembro de dous mil dous, aínda que os topónimos correspondentes ás entidades de poboación que figuran como anexo a este decreto xa foron aprobados e publicados no Diario Oficial de Galicia, as correccións propostas pola Comisión fan necesario aproba-lo nomenclátor correspondente á provincia da Coruña como corpo único que recolla a forma oficial das ditas entidades.
Polo exposto, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración
Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de febreiro de dous mil tres,
DISPOÑO:
Artigo único
Queda aprobado o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña, que figura como anexo a este decreto.
Disposición adicional
Do establecido neste decreto daráselles conta ás autoridades estatais correspondentes para os efectos que sexan necesarios no exercicio das súas funcións.
Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas tódalas normas de igual ou inferior categoría que se opoñan ó establecido neste decreto.
Disposición derradeira
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, seis de febreiro de dous mil tres.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Jaime Pita Varela
Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais
e Administración Pública
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS
E VIVENDA