Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Venres, 26 de setembro de 2003 Páx. 12.093

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

DECRETO 354/2003, do 16 de setembro, polo que se regulan as ludotecas como centros de servicios sociais e se establecen os seus requisitos.

No exercicio da competencia exclusiva en materia de asistencia social, artigo 27.23º do Estatuto de autonomía de Galicia, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, que ordena e regula os aspectos básicos dun sistema integrado de servicios sociais definido como servicio público da Comunidade Autónoma de Galicia.

No artigo 5 da lei fíxase a estructura do sistema dividido en dous niveis de atención, a primaria e a especializada, e as áreas de actuación, entre elas, a área de familia, infancia e da mocidade. O referido

artigo indica que aqueles establecementos ou instalacións nos que se desenvolvan con regularidade programas e actividades no ámbito dos servicios sociais, debidamente tipificados e acreditados, considéranse equipamentos do sistema de servicios sociais. Estes equipamentos están suxeitos ó cumprimento dos requisitos xerais e específicos que regulamentariamente se determinen e sometidos ó réxime de autorizacións administrativas para a súa creación ou construcción, modificación substancial, inicio e cesamento de actividades e que deberán solicita-las entidades prestadoras de servicios sociais titulares destes.

En desenvolvemento da lei o Consello da Xunta aprobou o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, que regula o réxime de autorización e acreditación dos centros de servicios sociais. O artigo 7 do referido decreto determina os requisitos xerais que deberán cumprir tódolos centros de servicios sociais calquera que sexa a súa tipoloxía, tanto materiais como funcionais.

De entre as áreas de servicios sociais enumeradas na Lei de servicios sociais, a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado en virtude do Decreto 280/2003, do 17 de xuño, que modifica o Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, de modificación da estructura orgánica da Xunta de Galicia e o Decreto 195/2003, do 20 de marzo, que establece a súa estructura orgánica, asume as competencias na área de familia, infancia e mocidade. Entre os equipamentos de servicios sociais de atención especializada que lle serven de soporte para programas e tratamentos orientados cara á normalización, personalización da integración socio-familiar dos seus beneficiarios figuran, entre outros, as garderías infantís, residencias de menores, casas de familia, vivendas tuteladas e ludotecas.

Tendo en conta a demanda social e co fin de garanti-la calidade na prestación dos servicios sociais e os dereitos dos usuarios, cómpre desenvolve-las previsións da lei regulando na área de familia, infancia e adolescencia as ludotecas. É así que esta disposición, fronte a outros establecementos de carácter recreativo dirixidos a nenos/as, defíneas dentro da área social e delimita o seu ámbito. Así mesmo, enumera os requisitos que a determinan e remite á normativa vixente sobre os requisitos xerais e o réxime de autorización, inspección e réxime sancionador referido a tódolos centros de servicios sociais.

Polo antedito, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, por proposta da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da

Xunta, na súa reunión do día dezaseis de setembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a regulación dos centros sociais de atención especializada na área de familia, infancia e mocidade definidos no artigo seguinte como ludotecas, así como determina-los seus requisitos.

Artigo 2º.-Definición e ámbito de aplicación.

1. Para os efectos deste decreto enténdense por ludotecas aqueles establecementos diurnos de actividade regular, dirixidos á poboación infantil en idades comprendidas entre os dous e os doce anos e ás súas familias, que teñen por obxecto potencia-lo xurdimento dunha actividade lúdica favorecedora do desenvolvemento mental, psicomotor, afectivo e sensorial do neno, así como posibilita-lo acceso ó mundo da actividade lúdica de aqueles sectores cun entorno socio-cultural menos favorecido.

As ludotecas poderán desenvolver, así mesmo, as súas actividades en combinación con outros servicios exteriores de animación infantil, como bibliotecas, servicios de actividades culturais, recreativas ou deportivas.

2. O ámbito de aplicación deste decreto esténdense ás ludotecas como centros de servicios sociais, tanto de titularidade pública como privada, da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Exclúense do seu ámbito de aplicación aqueles establecementos creados, especificamente ou no contexto doutra actividade principal, para o tempo de lecer coa única finalidade de proporcionar un lugar de espallamento para os nenos e nenas.

Artigo 3º.-Competencia.

Correspóndelle á Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado a autorización e inspección destes centros de servicios sociais e a tramitación dos procedementos sancionadores polas infraccións cometidas ó abeiro do disposto no título VI da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais e no Decreto 175/1995, do 16 de xuño, de desenvolvemento, sen prexuízo das autorizacións que con arreglo á normativa vixente sexan precisas.

Capítulo II

Requisitos das ludotecas como centros

de servicios sociais

Artigo 4º.-Requisitos xerais como centros de servicios sociais.

As ludotecas como centros de servicios sociais están suxeitas ó cumprimento dos requisitos xerais, materiais e funcionais, esixidos para tódolos centros sociais e relacionados no artigo 7 do Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorizacións e acreditación de centros de servicios sociais.

Artigo 5º.-Requisitos materiais das ludotecas.

As ludotecas deberán cumprir, ademais dos requisitos xerais dos centros de servicios sociais, os seguintes requisitos materiais:

a) Emprazarse preferentemente en núcleos urbanos e próximos a centros culturais, sociais, instalacións deportivas ou centros escolares.

b) Situarse preferentemente na planta baixa e ter saída directa de uso exclusivo a unha vía pública ou a un espacio aberto, debendo estar sinalada a prohibición de aparcamento de vehículos diante da porta.

No suposto de que o local se insira nun centro cultural, social, deportivo ou escolar, este deberá ocupa-la planta baixa ou, como máximo, a primeira altura, e contar ademais con entrada independente.

c) As ludotecas destinadas a nenos de dous a doce anos constarán de, alomenos, dúas salas: unha para exposición e préstamo de xoguetes e libros, de se-lo caso, e outra para a realización de actividades de xogo organizado, obradoiros multidisciplinares, uso de xogos mecánicos, construccións, pequenas representacións.

As salas contarán cunha superficie mínima de 50 m e, en todo caso, respectarase a proporción de dous metros e medio cadrados por cada usuario.

d) As ludotecas destinadas exclusivamente a nenos de dous a seis anos, poderán contar cunha soa sala distribuída en rincóns de xogo. Neste caso, a superficie mínima da sala será de 80 m.

e) No suposto de que estes centros atendan nenos de dous a tres anos, este deberá dispoñer dun espacio diferenciado para os nenos destas idades, podendo utilizar para esta finalidade as salas anteriormente mencionadas se se usan en tempos diferenciados e exclusivamente con estes nenos.

f) O deseño de portas e ventás responderá a criterios de funcionalidade e seguridade. A porta da entrada terá como mínimo un largo de 1,20 metros e abrirá no senso da saída. No caso de que o centro teña capacidade para máis de vinte prazas haberá unha porta adicional por cada grupo de vinte prazas.

g) Dispor de servicios hixiénicos axeitados ás idades dos usuarios en número proporcional á capacidade do centro, debendo contar como mínimo cun aseo con dous inodoros e dúas piletas, de tamaño axeitado ás idades dos usuarios, por cada vinte prazas. Os aseos destinados ós nenos de dous a tres anos serán visibles e accesibles dende a propia sala. Así mesmo, disporá dun aseo para adultos.

h) Estar dotados de iluminación e ventilación naturais.

i) No suposto de que a ludoteca conte con espacio ó aire libre, este deberá estar delimitado e valado en todo o seu perímetro e acondicionado con materiais axeitados ás idades dos usuarios.

j) O equipamento, xogos e xoguetes deberán, en todo caso, cumpri-la lexislación europea sobre seguridade nas áreas de xogo infantil e nos xoguetes contidos nas normas UNE.

Artigo 6º.-Requisitos funcionais das ludotecas.

As ludotecas como centros de servicios sociais deberán cumprir, ademais dos requisitos xerais dos centros de servicios sociais, os seguintes requisitos funcionais:

a) Ademais de ter subscrita póliza de seguros de responsabilidade civil, que garanta a cobertura das indemnizacións ós usuarios e sinistros do edificio, deberán formalizar un seguro que cubra as actividades externas do centro, de se-lo caso.

b) Tódalas ludotecas deberán contar cun proxecto organizativo de centro no que se fagan consta-los seguintes extremos: horario e calendario, usuarios e destinatarios, persoal adscrito e as súas funcións, formulación dos obxectivos, actividades do centro con indicación dos sectores de idade ós que están dirixidos e, de se-lo caso, participación dos pais, axentes sociais e/ou outras persoas da comunidade.

c) O tempo máximo de permanencia dos nenos de dous a tres anos neste tipo de centros será de tres horas ó día.

Artigo 7º.-Requisitos de persoal das ludotecas.

1. As ludotecas deberán contar con persoal especializado respectando a proporción máxima de nenos que poden ser atendidos por un traballador como a continuación se relaciona:

a) Nenos menores de tres anos: 1/15.

b) Nenos de tres a seis anos: 1/25.

c) Nenos maiores de seis anos: 1/30.

2. As ludotecas deberán contar co seguinte persoal cualificado:

a) Un coordinador que deberá estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

-Titulación superior en: pedagoxía, psicoloxía ou psicopedagoxía.

-Titulación media en: maxisterio ou educación social.

-Ciclos formativos de grao superior en animación sociocultural ou educación infantil.

-Ciclos formativos de grao medio en actividades físicas e deportivas.

Así mesmo, estes profesionais deberán contar con algún dos títulos acreditativos das ensinanzas que imparten as escolas de tempo libre, agás aqueles profesionais que estean en posesión da titulación específica de animación sociocultural.

b) Un ou varios monitores que deberán posuí-lo título de bacharelato ou de formación profesional de grao medio, con cursos de animación sociocultural.

3. No caso de que o centro atenda a nenos de dous anos, o persoal que os atenda deberá estar en posesión dalgunha das titulacións específicas en educación infantil.

4. Todo o persoal dispoñible deberá acredita-lo seu correcto estado de saúde e cunha periodicidade anual, someterse a un recoñecemento médico axeitado para acreditar que non padece enfermidade infecto-contaxiosa nin defecto físico ou psíquico que impida ou dificulte as súas funcións. Así mesmo, deberá contar co carné de manipulador de alimentos segundo o establecido na normativa vixente na materia.

Capítulo III

Das autorizacións, inspeccións

e réxime sancionador

Artigo 8º.-Autorización das ludotecas.

As ludotecas como centros de servicios sociais estarán suxeitas ó réxime de autorizacións previsto no artigo 30 da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais e o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos centros de servicios sociais.

Artigo 9º.-A inspección e o réxime sancionador.

As ludotecas como centros de servicios sociais estarán suxeitas á inspección e ó réxime sancionador en materia de servicios sociais de conformidade co establecido no título VI da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, e no Decreto 175/1995, do 16 de xuño, polo que se desenvolve a dita lei.

Disposición adicional

Única.-Correspóndelle ós concellos outorga-las autorizacións de construcción, reforma e apertura daqueles centros ou establecementos dedicados a actividades de recreo dirixidas a nenos/as excluídos deste decreto, acadando os informes que precisen ou comunicando a súa resolución segundo proceda, en aplicación do Real decreto 2816/1982, do 27 de agosto, polo que se aproba o Regulamento xeral de policía e espectáculos públicos e actividades recreativas, a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Decreto do 17 de xuño de 1955, sobre o regulamento dos servicios de corporacións locais e a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Disposicion transitoria

Única.-As entidades prestadoras de servicios sociais titulares de centros en funcionamento á entrada en vigor deste decreto que poidan ser definidos como ludotecas ó abeiro desta norma deberán solicita-las autorizacións correspondentes no prazo máximo dun ano. O incumprimento da presentación da solicitude determinará a imposición das sancións correspondentes previo expediente contradictorio ó abeiro do título VI da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais.

Sempre que non se observen deficiencias graves que poñan en perigo a seguridade dos usuarios, poderá outorgarse provisionalmente a autorización condicionada a efectua-las adaptacións necesarias para o cumprimento das normas vixentes. O prazo para emenda-los requisitos materiais e funcionais non poderá ser superior a seis meses. Así mesmo, o persoal destes centros en funcionamento á entrada en vigor deste decreto que non reúnan os requisitos esixidos, disporán dun prazo de dous anos para acada-la titulación requirida. Unha vez emendadas as deficiencias nos prazos indicados procederá o outorgamento definitivo da autorización, caso contrario decaerá a autorización provisional concedida.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado para dictar, no ámbito das súas competencias, cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Esta norma entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela o dezaseis de setembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte

e Voluntariado