Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Mércores, 22 de xuño de 2011 Páx. 16156

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 118/2011, do 16 de xuño, polo que se transforman institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional, se fusionan centros educativos e se cambian ensinanzas.

Os centros integrados de formación profesional, regulados na nosa comunidade autónoma polo Decreto 266/2007, do 28 de decembro, xorden para atender as necesidades de cualificación inmediatas e emerxentes do sistema produtivo, deben funcionar como referente orientador para o sector produtivo e formativo do contorno do centro integrado, e facilitar a integración das ofertas de formación profesional, rendibilizando os recursos humanos e materiais dispoñibles.

As permanentes e dinámicas transformacións económicas e tecnolóxicas operadas na nosa sociedade, así como os cambios continuos nas estruturas de organización empresarial, inciden na modificación das cualificacións profesionais e nas competencias que as conforman, co que xorde a necesidade de proporcionar á poboación a cualificación e recualificación necesaria para dar resposta a estas modificacións. Así, a formación profesional constitúe unha actuación imprescindible para a procura dos recursos humanos que exixe o sistema produtivo sendo, polo tanto, unha parte fundamental das políticas de emprego.

Para axustar e proporcionar estas solucións formativas aos principais sectores da economía que demandan cualificación e formación profesional en Galicia é necesario contar cunha axeitada Rede de centros integrados de formación profesional na nosa comunidade. Esta Rede estará baseada nun uso eficiente dos recursos dispoñibles, na ampliación e axuste do conxunto da súas instalacións á mellor oferta de formación profesional e, no achegamento á poboación do procedemento para o recoñecemento, a avaliación, a acreditación e a certificación da competencia profesional.

Os centros integrados de formación profesional poderán ser de nova creación ou proceder da transformación de centros xa existentes. A súa creación e autorización, para os centros de titularidade pública, establécese no artigo 4 do Decreto 266/2007, do 28 de decembro, polo que se regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co exposto, por proposta do conselleiro de Educación y Odenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente, modificada polas leis 11/1988, do 20 de outubro, 2/2007, do 28 de marzo, e 12/2007, do 27 de xullo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de xuño de dous mil once,

DISPÓN:

Artigo 1. Transformación de institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional.

Transfórmanse en centros integrados de formación profesional os institutos de educación secundaria que se relacionan no anexo I.

Artigo 2. Fusión de centros.

1. O Centro Integrado de Formación Profesional de Fene e o Instituto de Educación Secundaria de Fene fusiónanse nun único centro coa denominación de Instituto de Educación Secundaria de Fene, co código de centro 15032081.

2. O Instituto de Educación Secundaria O Ribeiro, de Ribadavia e o Instituto de Educación Secundaria Abrente de Ribadavia, fusiónanse nun único centro coa denominación de Instituto de Educación Secundaria de Ribadavia, co código de centro 32015475.

Artigo 3. Cambio de ensinanzas.

3.1. As ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato dos institutos de educación secundaria que se transforman en centros integrados de formación profesional trasládanse aos institutos de educación secundaria que se relacionan no anexo II.

3.2. As ensinanzas dos ciclos formativos de grao medio de xestión administrativa e de grao superior de administración e finanzas do novo Instituto de Educación Secundaria de Fene trasládanse ao Centro Integrado de Formación Profesional Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol.

3.3. As ensinanzas dos ciclos formativos de grao superior de Sistemas de regulación e control automáticos e Sistemas de telecomunicación e informáticos do novo Instituto de Educación Secundaria de Fene trasládanse ao Centro Integrado de Formación Profesional de Ferrolterra, de Ferrol.

3.4. As ensinanzas do ciclo formativo de grao superior de Educación infantil do Instituto de Educación Secundaria Sofía Casanova de Ferrol trasládanse ao Centro Integrado de Formación Profesional Ferrolterra, de Ferrol.

3.5. As ensinanzas do ciclo formativo de grao superior de Guía, información e asistencia turísticas do Instituto de Educación Secundaria Sofía Casanova de Ferrol trasládanse ao Centro Integrado de Formación Profesional Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol.

3.6. As ensinanzas de bacharelato do réxime ordinario do Centro Integrado de Formación Profesional Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol, trasládanse ao Instituto de Educación Secundaria Ricardo Carballo Calero de Ferrol.

3.7. As ensinanzas de bacharelato do réxime de adultos do Centro Integrado de Formación Profesional Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol trasládanse ao Instituto de Educación Secundaria Concepción Arenal de Ferrol.

3.8. As ensinanzas do ciclo formativo de grao medio de Instalacións eléctricas e automáticas do Instituto de Educación Secundaria de Palas de Rei trasládanse ao Centro Integrado de Formación Profesional Politécnico de Lugo.

3.9. As ensinanzas do ciclo formativo de grao superior Animación de actividades físicas e deportivas e o ciclo de fútbol sala do Instituto de Educación Secundaria As Lagoas de Ourense trasládanse ao Centro Integrado de Formación Profesional A Farixa de Ourense.

3.10. As ensinanzas do ciclo formativo de grao superior de educación infantil do Instituto de Educación Secundaria A Xunqueira I de Pontevedra trasládanse ao CIFP A Xunqueira, de Pontevedra.

3.11. As ensinanzas dos ciclos formativos de grao superior de Axencias de viaxes e xestión de eventos e Guía, información e asistencia turísticas do Centro Integrado de Formación Profesional Valentín Paz Andrade trasládanse ao Centro Integrado de Formación Profesional Manuel Antonio de Vigo.

Artigo 4. Profesorado titular de especialidades que imparten ensinanzas de formación profesional específica.

O profesorado adscrito definitivamente a prazas das especialidades de formación profesional específica afectado polo cambio de ensinanzas previsto no artigo 3 deste decreto quedará adscrito con carácter definitivo ao centro receptor das ensinanzas.

Artigo 5. Profesorado titular de especialidades que imparten as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinará as necesidades de profesorado das materias comúns que imparte as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato nos centros receptores de ensinanzas, tanto se son previas como se as orixina o propio traslado de ensinanzas.

2. Para determinar o persoal funcionario docente que, se é o caso, se adscribirá con carácter definitivo no centro receptor de ensinanzas aplicaranse os criterios de prioridade establecidos no Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda de destino definitivo polas funcionarias e funcionarios docentes que prestan servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el.

3. O persoal funcionario docente que non poida quedar adscrito definitivamente deberá optar por quedar suprimido ou con destino definitivo no centro receptor de ensinanzas. Neste último suposto, este persoal funcionario docente quedará desprazado por falta de horario e deberá participar obrigatoriamente na adxudicación provisional de destinos e nos concursos de traslados ata a obtención dun novo destino definitivo.

Disposición adicional. Cambio íntegro das ensinanzas.

O cambio de ensinanzas previsto no artigo 3 deste decreto realizarase integramente no curso académico 2011-2012.

Disposición derradeira primeira. Habilitación.

Habilítase a persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar para ditar as disposicións que procedan no desenvolvemento e execución deste decreto nos seus respectivos ámbitos competenciais.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

IES que se transforma en CIFP

Novo centro integrado de FP

Código

Denominación

Código

Denominación

15027897

IES Paseo das Pontes

15027897

CIFP Paseo das Pontes

15006754

IES Ferrolterra

15006754

CIFP Ferrolterra

15014556

IES Coroso

15014556

CIFP Coroso

27006516

IES Politécnico de Lugo

27006516

CIFP Politécnico de Lugo

32016765

IES Portovello

32016765

CIFP Portovello

36014489

IES A Xunqueira

36014489

CIFP A Xunqueira

36013448

IES Manuel Antonio

36013448

CIFP Manuel Antonio

ANEXO II

CIFP Paseo das Pontes

IES Salvador de Madariaga

IES Plurilingüe Rafael Dieste

CIFP Ferrolterra

IES Sofía Casanova

CIFP Coroso

IES N.º 1 de Ribeira

IES Leliadoura de Ribeira

CIFP Politécnico de Lugo

IES Sanxillao

CIFP Portovello

IES As Lagoas

CIFP A Xunqueira

IES A Xunqueira I

IES A Xunqueira II

CIFP Manuel Antonio

IES Carlos Casares

IES Ricardo Mella